sábado, 20 de setembro de 2025

E... máis variedade

Da presentación editorial: 

"Vrao é o novo poemario, publicado na colección Árbore, de Lois Alcayde Dans, un canto de amor a un dos momentos máis fermosos do ano e todo o que implica.

A través destes versos, navegamos os mares infindos, paseamos polas tardes de sol, coñecemos as amizades pasaxeiras e perdémonos polos montes poboados por animais de cores.

A infancia non revelada no camiño, as festas, a crema de praia e as brazadas na auga… unha época para conservar nos episodios máis brillantes de nenas e nenos de todas as idades. Adobiado coas ilustracións de Lucía Escrigas Rodríguez, este título é un fardo de luz, que homenaxea tamén á figura da nai. Lectura recomendada a partir de 12 anos.

Lois Alcayde Dans é un escritor, xornalista e investigador académico nado na Coruña en 1997. En Editorial Galaxia publicou o libro de relatos Os jeans de María (2019) e participou na obra colectiva O libro da música (2021). Tamén colaborou en varias antoloxías poéticas e gañou o Premio Balbino de relatos (2017), o XX Díaz Jácome de Poesía (2018), o Certame Exeria do Ateneo de Vigo (2023) e o segundo Premio Mazarelos de Poesía da USC (2018).

Lucía Escrigas naceu en Oleiros e recorda os días calorosos de nena preto do mar pero, como ten a pel moi branca e se queima con facilidade, intenta atopar sempre un equilibrio entre a costa e o interior. Esta segunda paisaxe forma parte do seu traballo como arquitecta en comunidades rurais. Interésalle o territorio e como as persoas se relacionan co medio en que viven.

Gústalle debuxar dende pequeniña e, ao longo destes anos, espallou as súas ilustracións por paredes, fanzines, contas de Instagram, revistas e, agora, neste libro.

Os trazos e cores elíxeos sempre pensando en quen mira."

... Nada máis que dicir! Agora toca que as persoas mediadoras opinen acerca deste libro de versos, que o lectorado de + de 12 anos ao que vai dirixido decida... E nós agardamos que Galaxia continúe achegando a información en cada libro. 

O poeta da Terra. Pequena biografía de Enrique Labarta Pose, elaborado (e seguramente contada por) Polo correo do vento, ilustrada por Tania Solla e publicada por Lela edicións.   

SINOPSE:
Enrique Labarta Pose
(Baio, 1863 - Barcelona, 1925)
Foi escritor, xornalista e fotógrafo. Destacou polo seu enseño e versatilidade, tanto na súa vida coma na súa obra, o que lle valeu ser laureado e respectado en todos os lugares onde lle tocou vivir.
Biografía Ilustrada."

Un traballo biográfico con abundantes citas da poesía de Labarta Pose e algún artigo. Bibliografía e webgrafía sobre o autor enriquecen a publicación que se entende como achega á reivindicación das Letras Galegas dende o concello de Zas.

xoves, 18 de setembro de 2025

Variados produtos

A orquestra de Margarita del Mazo e Cecilia Moreno, traducido por Vanessa López e publicado por Miau.

Así se presenta: «A orquestra reúnese para celebrar que xa non uso cueiro.» «Camiña a galiña tocando unha bucina. Camiña a cigarra tocando a guitarra». Unha chea de animais pasarán cos seus instrumentos ata atoparse todos e facer unha gran celebración. 

Pareados ben rimados e un código QR para escoitar a orquestra porque o libro non tería sentido se non estivera o son acompañándoo, non vos parece?

Podemos pegarnos un repaso polos libros en galego de Picarona: O gato que non quería ter pelo, A galiña que non quería poñer ovos... para darnos conta de que buscamos a rebeldía.

Preséntanse así: "Como pode ser feliz un gato ao que non lle gusta ter pelo? Sobre todo se é moooooi peludo! E se a solución simplemente fose librarse del? É fácil de dicir, pero non tan fácil de conseguir…
Séverine da Croix, Anthony Signol e Pauline Roland tráennos a divertida historia de como o enfurruñado e audaz gato Eusebio logrou desfacerse do seu pelame. Os teus peques partiranse da risa!"

"Como ser feliz cando es unha galiña que non soporta os ovos, sobre todo se pos un cada día? E se a solución fora, simplemente, deixar de poñelos? É fácil de dicir, pero non tan fácil de conseguir... Séverine de la Croix, Anthony Signol e Pauline Roland tráennos a divertida historia de como a tenaz e ocorrente galiña Cunegunda logrou deixar de poñer ovos. Os peques partiranse da risa!  

Outros títulos: A dragoa á que non lle gustaba o lume, A ovella que chocou un ovo, O crocodilo ao que non lle gustaba a auga ou O dragón que non quería cuspir lume (estes últimos xa poden ser máis convencionais)...

Haberá que estudar o fenómeno para ver o que hai detrás, non?

martes, 16 de setembro de 2025

Todo o que aprendiu antes de chegar á escola


Todo o que aprendín (pola miña conta) antes de chegar á escola de Andrijana Gergicèvic ilustrado por Vanda Cizmek traducido che chegaao galego a través dasúa tradución co croata ao castelán. está publicado por La maleta ediciones.

Da presentación editorial: "Unha viaxe polo coñecemento autónomo do ambiente e a realidade do que nos rodea." "Aínda non vou á escola, pero xa aprendín unha chea de cousas pola miña conta.
Cando era unha minchiña, cría que o mundo empezaba por min. Agora sei que non era ben ben así."

Unha voz infantil cóntanos o que descubriu por si mesmo sen que ninguén lle ensinara, o que vai deducindo do que escoita... moitas veces son verdades, outras inexactitudes pero ben fiadas e sempre hai un ton divertido neste asunto. O primeiro que descobre é algo que moitas xente aínda non fixo a pesar de que xa vota: "Cando era unha minchiña, cria que o mundo empezaba por min. Agora sei que non era ben así." estamos rodeados de Adáns que cren que ninguén fixo nadaantes de que chegasen eles... Escoitar esa voz contando volve ser o luxo de recoñecer a intelixencia e a inocencia abríndose paso. 

luns, 15 de setembro de 2025

Drácula en dous formatos, dúas versións, dous tempos, dúas maneiras...


Drácula (segundo a novela de Bram Stoker) de Dominique Marion e Jérémie Fleury publicado por Baía en gran formato.Así o presentan: "O mozo pasante de notario, Jonathan Harker, marcha a Transilvania para finalizar a venda dunha mansión en Londres para o conde Drácula. Personaxe inquietante, con costumes estraños, Drácula provoca que o mozo se atope cada vez máis a desgusto, sentíndose prisioneiro da súa maléfica empresa. En Inglaterra, a bela Lucy loita contra o mal misterioso que a corroe pouco a pouco, coa axuda do Dr. Van Helsing, experto en criaturas fantásticas..." Polo medio a historia que todos coñecemos do vampiro e os vampiros, os seus servidores e os que se atreven a enfrontalos.


Vacacións na casa de tío Drácula de Manuel Blanco está ilustrado por Nair Fuentes está publicado por Medulia. 

Da presentación editorial: "Á mansión do conde Drácula, chega o seu sobriño para pasar uns días de vacacións. Durante a súa  estancia alí, o sobriño escribirá un diario no que, ignorante da verdadeira natureza do seu excéntrico tío, irá relatando as aventuras deste, así como as relacións co seu xove fillo, o primo Francis. O libro enfronta, nun ton paródico, a inocencia do cativo coa vida transgresora e algo disipada do misterioso Conde."

Trátase do diario dun neno que recolle as impresións ao longo dos 16 días nos que convive coa familia do tío e o primo; nel, imos vendo a inocencia do rapaz e as pistas que nos vai achegando acerca da familia de vampiros. Remata cunha "folla para suxerir ideas e ilustracións de cara a unha posible segunda parte"

 

 

domingo, 14 de setembro de 2025

Teatro: A letra das pequenas cousas

 

A letra das pequenas cousas de José Luís Baños de Cos está ilustrado por Ana Tasende con colaxes que acaen moi ben ao tema das telas, a costura, a roupa... pero tamén con marcas de lapis e cor que traducen a imaxes a tenrura que acompaña ao texto, o coidado da infancia, a preocupación por esa rapazada que non sempre ten o que precisa e se ve obrigada a traballar antes de tempo.  Un dos logros da historia tamén é esa mirada a La vida es bella, ese xeito de contar a traballo na fábrica como se fose un xogo. 

Así se presenta:  "Premio de Textos Teatrais Infantil Morales Martínez 2024. Carlos entra nunha tenda de roupa dunha multinacional para mercar unha camiseta. Na etiqueta atopa unha misteriosa mensaxe cosida. Seguindo as súas puntadas, e coa axuda de Sofía, dependenta da tenda, descubrirá a vida de Salma, unha cativa que traballa nunha fábrica téxtil dun afastado país."

Explotación da infancia, terceiro e primeiro mundo, a produción e o consumo, produción excesiva de roupa, deslocalización de empresas... No medio o abandono do rural, as familias divididas, a rapazada tamén nas mans dos empresarios infames. Unha tenda enorme, un centro comercial, as mensaxes polo altavoz, a cortesía baleira de contido (tomastes en serio iso de "volva pronto"?, a satifacción do cliente) e un comprador que atopa a mensaxe dunha nena que cose escribindo nas camisetas coma se fosen o seu diario. Esta historia lévame a Lía e as zapatillas de deporte de María Reimóndez que trata este mesmo tema da explotación infantil e de como a produción e o consumo poden nun momento determinado "verse as caras" e tamén a aquela outra obra de teatro de Carlos Labraña, Ícaras, porque igual que alí, a dependenta que comeza no lado contrario defendendo o seu traballo e tentando reprimir (á nena ou ao comprador) remata colocándose do lado deles e fronte á opresión.  

A letra pequena das cousas garda os segredos, ás veces aqueles aos que non nos queremos enfrontar, por veces esas fiestras a outros mundos que están aí, ao lado, contemporáneos do noso. 

venres, 12 de setembro de 2025

Cancioneiro galego infantil tradicional

 

O pilindrín. Cancioneiro galego infantil tradicional de Carlos Rey Cebral e Cristian Silva Bóveda, ilustrado por Serxio Cobos está publicado por O Faiado da Memoria (asociación de recuperación de Memoria documental, gráfica, sonora e audiovisual de e sobre Galicia).

No ano no que as Letras Galegas se dedican á cancioneiro popular está ben unha mirada ao infantil, por iso agradecemos esta publicación con prólogo do antropólogo Carmelo Lisón e epílogo de Xosé Manuel Barreiro Ínsua, presidente da Asociación do xogo tradicional de Galicia Brinquedia. 

Despois de falar das tres etapas nas que se divide o xogo tradicional infantil, a primeira consituída polos arrolos e cantos de berce (nos que a crianza é meramente receptora), a segunda cos xogos mímicos nos que a criatura tamén participa coa mímica e os sons, e a terceira é a que se recolle neste libro, aquela na que nenos e nenas son autónomos e non precisan da persoa adulta para executar a canción ou xogo. Polo tento, o que aquí se recollen son xogos participativos, os de corda, os de roda, as danzas, os ateriles, os recitativos, as cancións e as fórmulas para pandar. Un apartado de anotacións sobre as cantigas aclara onde estas foron recollida, as instrucións para o xogo, a orixe, os instrumentos que poden intervir, as melodías, variacións ou  notas bibliográficas (Shubarth / Santamarina, Pérez Ballesteros, García Alén, Saco y Arce, Míguens Castaño), Realízase unha análise dos tópicos máis abundantes (bechos entorno, oficios, familia, vellos e curas, labores cotiás, morte, xogos como castigo (as prendas), escatoloxía, trabalinguas, onomatopeas... A análise musical decada unha delas por parte do segundo autor que remata cunhas conclusións.

mércores, 10 de setembro de 2025

De varia calidade

O rap do coello fedello de Irene Alonso Gasalla con ilustracións de Irene Sanjuán publicado por Embora. 

Un coello e unha lebre, a el gústalle o rap e ela quérelle axudar a triunfar. Para iso ofrécelle apps, complementos, filtros branqueadores de dentes, un alisador de pelo, nova vestimenta, filtros para as engurras, redes sociais... de todo lle brinda para convertelo mun úsico de éxito pero o coello quere serguir sendo el mesmo, cantando o que lle gusta.       

Un álbum áxil, de cores vivas e moi actuais, cunha historia que moito nos pode ensinar. Para ser un mesmo ou unha mesma sen deixarse influenciar polos demais, pola autenticidade da arte, polo goce natural, pola música e o xogo... por todo iso, este é un libro para ler e cantar, para bailar e afirmarse no que somos. Unha boa elección!  A música base está neste enlace

O extraordinario caso do tellado do Xildro de Celia Díaz Núñez con ilustracións de Susana Diaz Cabot está publicado por Medulia editorial.

Da presentación editorial: "Construír un tellado é como tecer un pano no tear, ou como armar un cesto de costrelas para apañar castañas, ou un barrelo de táboas para durmir un meniño. Non é, desde logo, tarefa doada, moito menos se o vento anda con ganas de troula e interfire no traballo. Cal será o resultado?" Pode que unha barca surcando augas, pode que unha nave voando... 

O importante, en todo caso, é a observación de como se vai facendo ese tellado, pouco a pouco, nun traballo artesanal que merece moito respecto tal como demostra a persoa que contempla a súa evolución con todo o lirismo do caso.

A fraga das avoas invisibeis de Claudia Castro está ilustrado por Yolanda López e publicado por Fervenza edicións. Relata a historia dunha nena que ten a nai enferma. A pequena está triste pero todo vai ser distitos despois de que a nai lle conta como as nais cando están enfermas  pechan os ollos e viaxan á Fraga das Avoas Invisíbeis onde corren tantas aventuras que volven moi cansas...