Nana para un soldado de Pepablo Patinho Penya, ilustrado Nuria Díaz e publicado por Embora.Esta editora acaba de publicar esta obra xunto con A pequena compañía de Carlos Labraña que levaba algún tempo agardando despois de conseguir o VIII Premio Estornela de Teatro Infantil convocado pola Fundación Xosé Neira Vilas. Os catros derradeiros premios Estornela foron publicados por Embora, despois de que Ediciós do Castro desaparecera. Pois ben, estaba facendo memoria para falar da edición destas dúas obras de teatro que chama realmente a atención; formato grande, pasta dura, bo papel; ilustracións moi coidadas, escollidas e a toda cor... Unha aposta decidida polo libro de teatro, presentado con toda a calidade e animando a que se consuma, tamén, como obxecto de agasallo.
Esta historia é magnífica, cunha introdución fantástica de María Canosa e cun título que xa nos adianta o contido "A guerra non é un lugar. A guerra non chega ou se vai... pero está aí. Habita nos corazóns atrincheirados e nas mentes con metralla". Tres partes: A vida, A guerra e Esperanza. A primeira e a terceira son textos a modo de anotacións teatrais ou case narrativos, a segunda é a verdadeira obra de teatro. Nela tres personaxes Primeiro soldado, Aurora, Segundo soldado. Dous soldados en trincheiras enfrontadas, e no medio unha muller que se move como se a cotidianeidade non tivera desaparecido. A casa está en ruínas, os soldados dispáranse e Aurora anda a limpar, cociña, afánase porque non leven paraugas con todo o que está a caer do ceo... Ela preocúpase dos coidados mentres eles se preguntan continuamente se son amigos ou inimigos, porque o único que os distingue é o uniforme xa que ambos son enviados para ocupar unha ruínas tomando posesión coas súas bandeiras. Pero ela, Aurora, ensinaralles que as bandeiras son boas como manteis ou para facer un cueiros. Aí fica a esperanza, nesa humanización dos soldados que se fan cargo do bebé e se soben á fantasía da muller, porque ela é iso: a normalidade de cada día e a fantasía que reverte a orde autoritaria e bélica do mundo. Unha historia chea de humor e profundidade, unha desas grandísimas historias que lembraremos moito tempo.
Ningún comentario:
Publicar un comentario