mércores, 7 de abril de 2021

Unha nena con todas as da lei

 

O xeito das froitas de María Reimóndez tráenos unha protagonista moi especial. Iris, unha nena de carácter forte e conviccións seguras, que racha cos estereotipos de xénero, que se asenta na igualdade e os dereitos, pero tamén nas obrigas porque é empática e solidaria. Atención ao dato, Iris é unha rapaza galegofalante que sofre a discriminación que isto conleva nas escolas galegas actuais. Chega da casa falando galego e continúao facendo con naturalidade, pero enseguida se dá conta de que está soa, de que os demais adoptaron outro idioma e ela vai precisar valentía para manterse no seu código. Cada vez que abre a boca é como se rachara a convivencia, crea unha distorsión e será observada, por iso a voz narradora confesa: "Pero a Iris moitas veces non lle gusta falar demasiado na clase porque ser especial está ben, pero cansa". Xa ten aceptado que é singular, que non é coma os demais, pero resulta esgotador estar diferenciándose todo o tempo, facendo un esforzo que a ninguén máis se lle pide. Se Iris non fora como é, xa se tería "entregado" xa se tería pasado ao castelán, pero a nosa nena é afouta e non consente que a masa -só por ser máis- a leve ao seu rego. Falará castelán cando o pida o guión, cando estea na clase de lingua castelá pero non cando non sexa necesario. 

Na literatura infantil había que recoller estes personaxes que sofren por ser fieis ao seu, por falar a lingua do país no que naceron e no que viven, por sobrevivir a unhas políticas nefastas e a unha sociedade suicida; esas rapazas que aguantan as miradas ladeadas dos outros como se en lugar de Galicia estiveran en Caracas ou Valladolid. Eles e elas, as que están soas e en pé, mantendo a fala nos lugares xa cedidos ao inimigo (por usar termos militares), sen poder compartir a lingua vehicular cos seus compañeiros/as e o profesorado; contra todo o sistema; coma se estiveran ancoradas no "non" ou no "contra" cando son os demais os que non están no si do lugar e a lingua que corresponde.


Ningún comentario:

Publicar un comentario