LoboRamón. Se lle damos a volta ao título sáenos Ramón Lobo, o nome do xornalista ao que moitas de nós lemos sempre con atención. Co atención tamén hai que ler esta historia do lobo Ramón. Porque de lobos hai moito que contar, dende a tradición oral, os contos populares e eses outros contos que voltean os tradicionais para contalos doutra maneira.
Este, de María Canosa, é un deles, pero achega algo que non viramos antes: un lobo travestido polo menos nos gustos. Adora as saias de volantes e os tacóns; é moi boa xente, moi amigo de todo o mundo... E nel recoñécese a naturalidade de narración oral da que provén (o pai das súas nenas acostumaba traerllo, para a noite, dende o bosques de Ourense). É tan bo este lobo que todos queremos facernos amigos del, igual que fan os animais da escola á que acude porque tamén gusta de aprender, igual que a nai dalgún deles que lle fai un mandilón para que vaia a xogo cos pequenos. E cando marcha á vila para mercarlle un agasallo a un amigo e tarda... que disgusto teñen!
Imos reivindicar a bondade, os libros e as librarías (que é onde atopa unha man amiga o lobo Ramón na cidade). Imos defender esa maneira propia de comportarse e de vestirse, de comer e de andar pola vida.
E que acaídas as ilustracións de Nuria Díaz!
Ningún comentario:
Publicar un comentario