Está Miguelanxo Prado en plena etapa de produción. Isto é algo que nos alegra porque cada un dos libros é un manxar de deuses. Sorprendeunos con ese xoia dedicada aos máis pequenos Amani, un hipopótamo tranquilo que busca a maneira de ser feliz sen molestar aos demais. Agora, aparece a primeira entrega O triscele roubado da triloxía O Pacto do Letargo.
A humanidade botou a perder a concordia que reinaba no mundo. Ao non poñerse de acordo en que facer con eles, os Puros e Demos selan un acordo (o Pacto do Letargo) polo que van durmir ata que a humanidade lle devolva a harmonía a Gaia, comprendendo o seu erro fatal. Os lugares onde dormen están rexistrados no triscele para que non esperten uns antes que os outros e podan asumir o poder, porque os demos declararon odio eterno aos humanos. Antes de durmir, moitos máxicos pereceron, outros mesturáronse cos humanos dando lugar a mestizos que esqueceron as orixes e outros durmiron á espera desas novas circunstancias.
Espertaron un puro e un demo, ambos buscan o triscele e de quen o atope primeiro dependerá o futuro non só da humanidade. Coñecerémolos movéndose entre un fada e uns humanos que representan ambos bandos: o da bondade e o da maldade; e tamén veremos o espertar ao mundo máxico dunha moza que non coñecía os seus poderes.
Magnífica banda deseñada! Por se fora pouco, con esta entrega aparece o Atelier Miguelanxo Prado. Preséntao Retranca da seguinte maneira: "MP abre as portas do seu atelier para mosarnos un percorrido pola súa traxectoria artística e profesional, até descubrir os eu método de traballo, bosquexos e curiosidades técnicas para crear unha novela gráfica". Na pulicación recóllese unha entrevista de Kiko da Silva a Prado arredor do seu proceso de creación o que dá pé para repasar toda a súa obra. E, a modo de lección maxistral, a análise do desenvolvemento da obra seguindo os títulos: O proceso creativo, Da idea ao guións, Deseño de personaxes, Storyboard e debuxo, Rotulación dos textos, Coloreado e arte final, Escaneado e dixitalización. A continuación hai un apartado de Consellos para facer BD, Consellos a autores noveis e o Story board de O triscele roubado. Unha obra imprescindible para amantes do cómic e que fala da xenerosidade do mestre Miguelanxo Prado que tenta transmitir todo o seu saber.
Como pode verse, Retranca editora, da man de Kiko da Silva, está a ofrecernos obras de calidade.
Ningún comentario:
Publicar un comentario