luns, 6 de decembro de 2021

De cómics e novidades (II)

Aldara. A lenda do cervo branco de Inés Vázquez, publicada por Demo, a editora de Manel Cráneo.

De culturagalega.gal recollemos "A autora, que debutara cunha historia curta no volume colectivo Licor Café presenta a súa primeira proposta longa, "unha fantasía costumista para todos os públicos que nos amosa o rural galego máis máxico e que máis bebe das tradicións". A lenda tradicional A doncela Cerva, que Leandro Carré Alvarellos recolleu na zona de Doncos no século XIX serve de base para esta obra de 144 páxinas a toda cor.

Unha novela gráfica da autoría dunha moza, baseada nunha lenda tradicional que retrata "Un misterio que ameaza a vida tranquila dunha aldea afastada no medio do bosque, uns personaxes envelenados polo seu pasado e unha maldición xurdida na natureza". Eses son os ingredientes, aos que hai que engadir unha realización magnífica a nivel de imaxe e a inmersión nun mundo infantil rural que nos remite a realidades vividas nesa especie de enfrontamento entre uns e outros, ese mal mirar ou quedar prendado da rapaza que anda polo medio, esas palabras que non se din porque non estamos dispostos a escoitar a verdade do outro pois pode descobrir que andamos a tapara nosa responsabilidade, os espíritus vagando pola natureza e un mito que se repite, un ser que non é ser e vai existindo grazas ao humanos. Boto de menos algo da claridade gráfica no relato; debo confesar que as elipses do cómic moitas veces continúan a precisar algo máis de información para que o lector ou lectora non perda nada do que se quere contar. Ás veces, preguntoma de onde saiu ese esforzo de achegar a banda deseñada á poesía e obrigala a contaro que non se conta, a facerse máis connotativa...

Ningún comentario:

Publicar un comentario