Estamos acostumadas a atopar a Oli nos álbumes de Kalandraka, especialmente nos dos ratiños, pero esta vez chega da man de oqueleo para contarnos un relato de elefantes.
O elefante que perdeu a memoria é unha historia narrada polo neto dese elefante que perdeu a memoria. El vai contando como era a casa dos avós, o que facía o avó cada día (limpar os camiños, ), quen son os seus amigos (por exemplo o hipopótamo) e con quen non se leva ben (xirafas, rinoceronte...) e todo o que pode ser (elefante - chafariz, elefante - aeroporto, elefante - trampolín, elefante - elevador...). O avó é un elefante servicial que gusta de facer ben, de axudar aos demais a ser un pouco máis felices, ata o punto de que pode crear arcos da vella para que a rapazada os vexa. Por iso se cabrea coas xirafas porque comen todas as follas e ramas tenras sen pensar nos demais, ou porque non axudan aos paxariños que caen do niño. Un bo día o elefantes despístase, confúndese, non sabe que fai ou onde está, esquece ata volver á casa cando cae a noite, non recoñece á familia... perdeu a memoria! O que máis lle interesa é a música así que goza cantando e ensinándolle cancións aos netos que as aprenden deseguida. Un día colleu a senda dos elefantes e non volveron saber del. Tempo despois atoparon un caderno onde apuntara as cousas que lle importaban para lembralas cando xa non puidera, e nel estaban as fotos, unha pequena biografía; todo aquilo que temía esquecer para sempre.
Moi ben contado, como de corrido. Moi ben descrita esa realidade das enfermidades da memoria. A nós quédanos a pena de saber se alguén se fixo cargo dos traballos do avó elefante, desas cousiñas que el facía mellor ca ninguén e que tanta alegría espertaban ao redor.
As ilustracións son de Chus Rojo, moi expresivas, con cores planas, nalgún caso semellantes a planas de cómic. Axeitadas para as idades recomendadas, a partir de seis anos.
Ningún comentario:
Publicar un comentario