As músicas viaxeiras de Ramón Caride con ilustracións de Dani Padrón, publicado na colección Merlín de Xerais. Dise na presentación editorial que "En tempos remotos, as princesas vivían fechadas en torres mentres agardaban a chegada de príncipes con sangue azul. As pandeireteiras, pola contra, tiñan que buscar a vida polos camiños... Con todo, nin moitas das mulleres se resignaban ao seu destino nin todas as princesas se conformaban con non poder ver o mundo cos seus propios ollos. Aínda que daquela había homes ruíns nas encrucilladas e nas tabernas, ou en pazos; tamén había mozas que loitaban para poderen ser elas en liberdade. Esta é unha historia que fala de princesas rebeldes e de músicas ventureiras, que nos lembra que non todos os contos son exactamente como nolos contaban." Si, a historia sitúase nun mundo afastado no que os convencionalismos mandan, as princesas e os príncipes han casar con quen decidan seus pais pero hai algúns rebeldes que fuxen para non facelo, incluso un deles vaise vestir de muller e andar entre elas. Buscan a liberdade das músicas ambulantes, das que van de lugar en lugar cantando para sobrevivir e facer máis agradable a vida dos demais. O mellor de todo é cando se atopa o príncipe que racha roles e estereotipos (un príncipe trans) coa princesa coa que estaba prometido, ambos fuxidos dos palacios, pero nin se lles pasa pola cabeza volver e obedecer aos pais, así de aditiva é a liberdade. Contado ao modo dos vellos contos, dándolle a volta e introducindo novos valores. A historia de cada unha delas (María Farrapeira, Frida do Norte, o príncipe e a princesa que fuxiron escapando do/a outro/a) remítenos, de novo, ás promesas que deben cumprirse para non recibir castigo, contar os segredos para non perder o amor aínda que iso che leve á peor das pobrezas, os contos dos avós, as probas ás que son sometidos os irmáns para saber quen gana o "tesouro" ou aos malos tratos e a violencia de xénero xogando as cartas do destino e do demo. Unha versión de Baba Azul na que as mulleres se salvan a si mesmas, sen preocuparse de facelo con aqueles que queren que as mulleres os obedezan.
Unha e outra vez, as mozas demostran o seu valor e intelixencia, porque grazas a iso poden vivir libremente, naqueles tempos nos que poucas o conseguían e... agora mesmo.
Ningún comentario:
Publicar un comentario