luns, 13 de decembro de 2021

Novela xuvenil: O cemiterio de barcos


O cemiterio de barcos de Francisco Castro, publicada por Galaxia na colección Costa Oeste. Da presentación editorial: "David lembra moi ben canto gozaba das vacacións de verán na vila natal do seu pai, cando era neno. Agora ten dezaseis anos e todo é distinto: foi un curso difícil no instituto e nada lle apetece menos que volver á vila de sempre para aburrirse unha vez máis, por moito que o seu pai insista en animalo. Pero así como chega coñecerá a Lucía, unha rapaza que vén de saír dunha relación tóxica e violenta, e xorde entre eles unha complicidade case instantánea. Xuntos descubrirán un segredo soterrado na vila dende hai décadas para así desvelar unha rede corrupta que ameaza con estragar os recursos e o equilibrio da vila e os seus habitantes." 
Un pobo, gobernado por un cacique que se reproduce a si mesmo, pasando o poder de pais a fillos, con mano como para evitar que traballe alí un médico porque é de esquerdas, para urbanizar o que queira e ata para quedar con propiedades que eran dos derrotados na guerra. Esta trama únese á de amizade e amor adolescente, unha parella na que el é fillo do alcalde (polo tanto futuro alcalde) e ela unha filla de solteira, el controlador e con visos de maltratador, ela presa do amor romántico... pero a amizade pode salvar dunha parella escura, pode incluso converterse nun novo amor. Ese médico e o seu fillo, a bibliotecaria e un vagabundo é posible que desfagan toda esa rede de corrupción e violencia.

Ningún comentario:

Publicar un comentario