E que vai ser? de Adelaida Vidal, ilustrado por María Montes e publicado por Baía. Despois de A reconquista e Vermella, de O país do Gran Furado e A pita xefa, chega agora E que vai ser?
Así se presenta:"Unha bebé escoita desde o inicio da súa xestación como a nai ten que
responder da forma máis sorprendente a familiares e amizades as
preguntas que lle fan sobre que vai ser ela unha vez naza. Tanto
importa? Obra gañadora do IV Premio Fina Casalderrey de Literatura Infantil pola Igualdade (2023), polos motivos que indica o xurado: E que vai ser? é unha historia divertida, contada en verso, que
posibilita o diálogo entre a familia e as crianzas nas primeiras idades.
Empregando maxistralmente a linguaxe inclusiva e facendo un hábil
uso do humor e a retranca, esta obra fainos reflexionar sobre os
estereotipos de xénero que proxectamos nas e nos bebés desde o momento
da concepción. Cun final inesperado, E que vai ser? mantennos ao longo das súas
páxinas un sorriso cómplice e esperanzado que nos fai repensar como nos
enfrontamos aos estereotipos antes mesmo de nacer e lembra que somos
persoas e non tanto xéneros."
As ilustracións achegan unha riqueza que parte da imaxe ao pé da letra para avanzar nun imaxinario propio de adobíos e telas, plasmación visual de metáforas, asociacións e introdución de novos personaxes, un mundo propio e recoñecible no que a imaxe dese bebé do que non sabemos o sexo se proxecta en cada páxina, o peluche aparecendo cando a nai lle di "Que ganas de coñecerte!". So daquela, cando remata o conto sabemos que é unha nena, pois a linguaxe foi tan escollida que en ningún momento o puideramos adiviñar.
Ningún comentario:
Publicar un comentario