mércores, 1 de outubro de 2025

Mundo oculto. O rescate do unicornio en Xerais

 

Mundo oculto. O rescate do unicornio de Ana Vigo con ilustracions de Paula Cheshire está publicación por Xerais.

Da presentación editorial: "Unha aventura inesquecible por lugares que todos cremos coñecer, pero que agochan maxia e seres fantásticos. Benvidas e benvidos ao Mundo Oculto!" Da sinopse: "Se a Iria lle dixesen que ía ver un unicornio de verdade, non o crería; e se lle falasen dos seres mitolóxicos que estaba a piques de coñecer (olláparos, demos, xacias) pensaría que se burlaban dela. Por iso, cando atopa o unicornio Rixo e descobre que está en problemas, deberá aceptar que a realidade non é como imaxinaba e unir forzas con Tilo (outra humana que pode ver os seres ocultos) e con Xan (un diaño burleiro queixón) para tratar de salvar o animal, e a si mesma."

Por un lado: unha nena e a súa gata. Un cabreo monumental co pai sen razón. Unha escapada ao bosque e un encontro que lle vai cambiar a vida, polo menos por un tempo.  Polo outro: unha nena todo inocencia, recollida por unha fadas e criada con elas noutro mundo pero que entra neste para axudar a un pequeno unicornio que necesita ter experiencias para conseguir que o seu corno consiga desenvolver toda a súa maxia. Os ocultos e os deste mundo, unha mestura na que os intereses espúreos tamén andan polo medio. Sempre hai malos e a bondade sacando a cabeciña entre a inocencia, esa nena que non sabe nada desta realidade pero está disposta a traballar para axudar a quen o precisa, o diaño que tampouco quere facer mal e que a pesar de querer facerse o alleo tamén está disposto a botar unha man... Unha historia enrebesada con mestura de mundos pero na que a nena protagonista aprende a ser colaboradora e a distinguir quen pode ser amiga e quen non, quen é responsable e quen só sofre as consecuencias do que fan os demais. Aparecen as nenas vivindo co pai porque a nai está fóra, xa como algo natural. 

É esta unha historia longa pensada para maiores de once anos, cunha temática -ao meu entender-  demasiado infantil para esta idade e demasiado longa para a rapazada a quen lle pode interesar a temática.