Aparece unha nova editora: Bulevar cun nome de libraría - edicións, situada en Bueu. Aposta por un xeito diferente de crear e editar. Conta cun equipo composto por Daniel Chapela, Beatriz Pereira Expósito, Sara Rodríguez, Diego Jorge e Miguel García-Fernández. E comenta "A nosa é unha vocación, tamén, de achegar a literatura galega ao mercado español, polo que as obras publicadas contan cunha versión en galego e outra en castelán, ou cunha edición bilingüe. Ademais, a editorial ten como punto base o acompañamento das autoras e autores durante todo o proceso de edición e mais no de promoción da súa obra."
Agardamos o seu decorrer con curiosidade e a ilusión sempre renovada ante unha nova criatura. Neste momento, coñecemos dúas obras que presentamos a continuación.
Un verán superheroico de Ana Vigo con ilustracións de Laura Romero. Unha historia moi ben presentada con bo papel e texto aireado que facilita a lectura. Unhas imaxes moi propias de ilustradora que se expresa acompañando o texto con obras coa técnica do colaxe e máis claras que noutras ocasións, podendo acceder o lectorado ás expresións dos personaxes. Creo que é un acerto a maneira de presentar esta historia de superheroes e psiquicos aínda que nalgún momento podamos perdernos entre ambas personalidades e nunha historia que a min, persoalmente, me gusta máis como comeza que o desenvolvemento.
Unha rapaza tatexa que defende a outro que é acosado. Unha situación familiar con irmán pequeno, pais e avó. Unha amiga da alma e outro que coñecerá a través dela. O paso da amiga a outro colexio e a desconfianza ante a súa evolución neses anos nos que semella haber un paso acrobático entre uns e outros...
Así nos resumen a historia: "Esti é unha grande admiradora do novo grupo de superheroes que causan sensación, fascínanlle case tanto como a cantante de moda, Estefanía Melodía, e case case tanto coma o seu avó... Un día, recibe un misterioso agasallo: unha caparucha que lle dá poderes. Esti xa pode ser unha heroína como as que tanto lle gustan! Ou iso cre ao principio, porque ninguén dixo que salvar o mundo fose tarefa doada. Pero, ás veces, non queda máis remedio que enfrontarse aos perigos para protexer o que máis queremos, sexan persoas ou o noso medioambiente."

Ningún comentario:
Publicar un comentario