luns, 26 de febreiro de 2018

Un libro de aventuras e pioneiras



As aventuras de Margaret White. A balada do Solitario de Manuel Moledo con ilustracións de David Fajardo, é unha desas novelas preparadas para a lectura rápida, para animar a entrar nela axudados por unha letra redonda e doada, aire suficiente para non apretar as palabras, bo papel, imaxes evidentes e unha historia case trepidante. Unha novela xuvenl publicada por Contos Estraños.


“A piques de rematar o século XIX, dous bloques, o Imperio e o Eixo Utopista, manteñen o mundo nun precario equilibro que raia na guerra fría”. Trátase, polo tanto dunha ucronía, na que se nos relata unha reconstrución histórica elaborada baseándose en feitos posibles pero que non sucederon así realmente.
Comeza na gran cidade Ferrol – A Coruña (FerCo) na que o detective Alvarado e a súa axudante Margaret White, unha institutriz británica reconvertida en investigadora privada, son contratados para dar caza a un Jack ou sacaúntos que anda a matar mozas. A eles unirase a texana Crazy Lola, unha cazadora de fuxitivos. Un científico compostelán, un príncipe zulú e un lord inglés axudaranlles nesa persecución que terá continuidade en África.
A novela complétase co “Caderno de campo de Margaret White: a viaxe de catro ingleses, dous galegos, unha texana e un zulú ao corazón da África inexplorada”.
Personaxes moi intresantes como esta Margaret White, que se declara aventureira, sufraxista e feminista ou  Dolores Brown unha muller que atravesa continentes perseguindo a un asasino porque o seu oficio e atrapalos.

martes, 20 de febreiro de 2018

Libros inesperados

Así o presentan: "Estas cuartillas mecanografadas apareceron nunha caixa de zapatos na primavera de 2017, sesenta e dous anos despois de seren escritas". Estas cuartillas conforman un libro que naceu para o leran os seus fillos ou tal vez para levar á escola Rosalía de Castro que Antía Cal funda, un libro escrito a finais dos nos cincuenta, no que se explica a historia universal a arte desde Galicia, en galego e poñendo á beira do internacional o producido poo propio país.
No prólogo Xosé Manuel Beiras defende o avanzado dos postulados que coinciden cos dos historiadores franceses da época. 
A nós, o que nos sorprende é que puidera existir algo así, que houbera persoas tan libres no medio daquela escuridade de posguerra, retomando as ensinanzas do Seminario de Estudos Galegos, falando da arte internacional na nosa lingua e mostrando a nosa arte, o que lle é máis propio.


Arte en todas as súas manifestacións: arquitectura, escultura, pintura, fotografía, teatro, cine, música, literatura, danzas e baile... pero tamén ciencia. Toda a información (texto e imaxes) documentada cunha bibliografía que pecha a obra; toda ela salpresada polos valores cívicos de respecto ao outro, do respecto por todos os pobos e relixóns, a valoración de todas a civilizacións e as súas manifestacións artísticas,  de non facer diferenzas entre os países máis ou menos desenvoltos, as críticas ao inadmisible como a escravitude... Como unha chuvia maina que molla lembramos as frases: “A Historia é coma un conto que as máis das veces repítese sempre”, “E Compostela, no tempo de Xelmírez, alumeaba en Europa como unha estrela”, “Velaí como un home grande fai grande un idioma”, “Mais a guerra, meu neniño, repítocho outra vegada, non bota máis que a desgracia e o mal por onde pasa”...   
Nunca deixará de sorprendernos esta parella... e seguirán facéndoo despois de ver o documental de Piñeiro

luns, 19 de febreiro de 2018

Teatro desde a Odisea

As aventuras de Odiseo. Dramaturxia clásica grega para o pereiriños galegos de Xosé Luna Sanmartín, publicado por edición Embora, na colección Tren das cores, e ilustrado por Eva Seoane.
Introdúcenos o autor: "As aventurase Odiseo son seis pequenas pezas teatrais creadas para achegar a todos (nenos nenas e adultos) ese poema universal e marabilloso escrito en 12.110 versos por Homero hai case tres mil anos."
As obras toman retazos da historia para transformalas nas pezas teatrais O cabalo de Troia, O cíclope Polifemo, Eolo, As sereas, Penélope e A volta a Ítaca.  Comeza co final da batalla, co engano dese cabalo que introducido en Troia lle dará a volta á guerra. Ulises vencedor quere volver ao seu país, Ítaca, onde o agarda a súa muller Penélope (a que tece e destece, día e noite) e o seu fillo Telémaco. O camiño non vai ser doado e a loita ha de continuar fronte ao cíclope Polifemo, sorteando ao deus Eolo e as sereas... ata dar chegado á casa onde ninguén o recoñece e poderá vencer aos pretendentes no certame do arco. Unha historia mil veces repetida que xa forma parte do acervo de toda a civilización occidental; unha historia moi querida en Galicia onde moitos dos nosos escritores a homenaxearon converténdoa nun relato común e propio. 
Remata recoñecendo a fonte bibliográfica Mitos e lendas da vella Grecia  de Anisia Miranda e cun vocabulario para facilitar o recoñecementos dos personaxes e lugares. 

xoves, 28 de decembro de 2017

Máis traducións de clásicos da literatura infantil universal

Un clásico dos imáns Grimm revisitado por Tomi Ungerer baixo o título de Allumette. A cerilleira, A nena dos mistos, nunha versión traducida por Sandra e Óscar Senra Gómez e publicada por Kalandraka. Cando semella que a nena vai morrer de frío e fame, pide o desexo de comer e do ceo empezan a caer cousas, a cumprirse todos os seus desexos... e ela reparte porque hai para máis; e chegan máis cousas que a xente vai doando e máis persoas que lle axudan a repartir, as cousas vanse distribuíndo por todo o mundo nunha rede de solidariedade. A tristeza máis absoluta que sempre sentimos ao ler ese conto, transfórmase nunha esperanza, porque as cousas poden cambiar e o realidade pode ser un lugar mellor.
Ernesto e Celestina perderon a Simeón de Gabrielle Vincent, traducido por Tamara Andrés. É a tenrura dos vellos contos que se fixeron eternos porque as emocións están aí e non nos programas montados por determinadas fundacións e seguidos a ollos pechos por quen non coñece a literatura infantil máis que como pasatempo. Ernesto, o oso, convida a Clementina unha ratiña, a ir pasear baixo a neve. Ela leva a Simeón, un boneco pingüín, que perde na neve. É moi tarde para volver a buscalo, e cando regresa o oso xa está desfeito e non se pode aproveitar. A pesar dos seus esforzos por mercarlle outros bonecos que llo fagan esquecer, a rata chora e bótao de menos ata que Ernesto decide que entre os dous van a construír un novo Simeón... daquela a alegría é inmensa ata o punto de facer festa para que os amigos poidan ser agasallados cos outros bonecos e compartir a noite; cando marchan, Ernesto e Celestina lavan a louza, máis amigos que nunca, felices!    
Graza, unha vez máis, por non permitir que se perdan estas xoias.
 



martes, 26 de decembro de 2017

Coleccións de mulleres galegas



Lela edicións pon a disposición do público unha colección de biografías de mulleres galegas que busca facelas visibles a través duns libriños de pequeno formato pero de gran importancia.
O primeiro deles titúlase Un Ronsel de Ardora. Pequena biografía de Ángeles Alvariño, que se presenta desta maneira: "Mª de los Ángeles Alvariño (Serantes, Ferrol 1916-San Diego 2005) foi unha científica galega de recoñecemento internacional. Os seus traballos tiveron especial relevancia e aplicación na oceanografía e na bioloxía mariña. Descubriu 22 especies novas de organismos mariños, participou en diversas expedicións científicas e escribiu case un cento de artigos sobre diferentes materias relacionadas co mundo oceánico que a apaixoaba. Nas súas palabras, hai que: "levar aos nenos e nenas á magnífica catedral natural, con paseos polo campo, praia e forestas..." 
Da mesma autoría (de Enrique Mauricio os textos e de Carlos Taboada as ilustracións) é a entrega Semente de igualdade, semente de liberdade. Pequena biografía de Ernestina Otero. Unha mestra, que foi directora da escola de Maxisterio, unha muller da Institución Libre de Ensinanza, compañeira e amiga de Castelao e participante nas Misión Pedagóxicas que houbo de sufrir o horror da guerra e a posterior noite da posguerra ata recobrar de novo o seu traballo. Defensora das mulleres e dunha educación de calidade para todos e todas. Destes autores é tamén Meiga nova, metade anxo, metade marisco. Pequena biografía de Maruja Mallo, na que dunha maneira moi atinada se enfrontan á vida e obra desta artista surrealista que superou con fartura as fronteiras e foi unha gran defensora da liberdade das mulleres; a súa arte nas mellores coleccións do mundo e os seus feitos no Madrid da Residencia de Estudiantes na época da República fálanos cunha compañeira da xeración do 27 que abandeira o movemento das sen sombreiro. 
Unha historia de amor. Pequena biografía de Mª Victoria Moreno, está escrita por Joanna Lorenzo Montero e ilustrada por Tania Solla. A biografía da autora homenaxeada nas Letras Galegas do 2018 fálanos dunha muller solidaria que cando traballa na ONCE coñece ao home co que se casa, a apertura con outros amigos da libraría Xuntanza, dos seus cans (Alma e Nico, que coñeciamos polas súas obras), de Teresita (o seu coche) ou de como coñece ao seu segundo compañeiro Pedro (un cubano que se namora dela a través do libro Leonardo e os fontaneiros), coñecemos todo o que sabe de idiomas e da existencia da súa novela en castelán Donde el aire no era brisa que traducirá ao galego o seu amigo Xavier Senín ou que foi homenaxeada no Salón do Libro de Pontevedra.   
Todos estes libros teñen o mesmo formato pero tamén coinciden na distribución e esquema xeral (citas nas capas intereriores, unhas veces de outros autores sobre elas e outra veces da autoría destas mulleres, unha biografía sintética e ao final unha serie de actividades, así como un glosario -en moitos deles- ao que acompañan tamén as actividades respectivas).   
Un empeño que se agradece. Unha necesidade que se está a cubrir. Iluminar a vida das mulleres que ata agora permaneceron ocultas. Ofrecer modelos nosque mirarse ás novas xeracións de rapazas. Devolver o ugar que corresponde a esa metade da humanidade que é imprescindible mostrar.
Grazas!



luns, 25 de decembro de 2017

Tonecho de Xaquín Marín

 
















Dos tempos de Golfiño, aquela revista de banda deseñada para a infancia, son as tiras de Tonecho.
Agora, Galaxia decide reunilas para crear un libro, prologado por Fausto no que podemos ler os pensamentos daquel rapaz que Xaquín Marín creou despois do Gaspariño. Así o define na presentación editorial: " unha voz cargada de retranca, inxenua, mais de profunda sabedoría, e moita crítica".
Para un lectorado para o que falta banda deseñada, pero tamén para un lectorado que precisa indagar no humor que nos é propio.
Lembramos a Fiz, da creación de Kiko da Silva e a este Tonecho, que unha e outra vez facía metacreación ao dirixirse ao autor ou á revista, que se distanciaba e xogaba con ese realidade. A eso se lle chamou sempre respectar ao lector, dirixirse á súa intelixencia. Por iso, hai que movelo pa ver como funciona, ata que punto fai pensar e rir. Humor gráfico.