martes, 8 de decembro de 2020

Paco Martín, en estado natural

Ás veces, chegan a nós uns libros que semella que van sós. Lense de corrido e seguramente ao seu autor tamén lle saíron así: nun arranque de insiración e bo facer. O home que mercou un libro de Paco Martín pertence a este grupo. Nel, volve o autor a esa retranca doce na que critica e dá ás. 
O que tal lle pode pasar a un mozo, unha mañá na que entra nunha libraría tratando de que non o vexo o seu entrenador físico; por sentirse culpable e non querer que o outro vexa que non adelgazou aínda, acabará coa compra dun libro de poesía. A libreira é boa, amable e disposta a axudarlle. Sae co libro na man e a partir dese momento a vida vai cambiando, porque os libros teñen esa maxia, incluso antes de lelos. Unha sociedade provinciana, onde moitos se coñecen e aínda que non sexa así se comunican de maneira natural, as suposicións que van aparecendo cando o ven co libro e todo o que ese libro vai a provoca. A maxia desátase na cafetería cando alguén recita a Pimentel e o libro pasa de man en man facilitando a lectura en voz alta de varios poemas. Hai unha moza que toca na rúa para ensaiar que se sentirá atraída por ese mozo que leva un libro de poesía na man... Todo funciiona como un reloxo cando levar un poemario e os demais llo ven. A que agardan os lectores e as lectoras para saír á rua con ese libro ou con este. Porque este constitúe unha marabillosa maneria de fomentar a lectura mentres se che debuxa o sorriso e pensas que Lamote volveu a camiñar as rúas de Lugo para animar á poboación a mercar libros. 
Cheo dun humor case lírico e convidando a ler, a seguir lendo!

domingo, 6 de decembro de 2020

Novos títulos de álbum















Comezaremos con Pequenos da casa e Pequenos salvaxes, seguiremos con Froitas e Animais para continuar con Elmer e o osiño perdido e O pequeno indio.  Libros para os máis pequenos, para que medren con eles e non se separen, que se prendan desa silva!
Froitas, de Antonio Rubio e Óscar Villán, na colección Do berce á lúa.
"Lendo e recitando melodicamente encheremos o froiteiro con saborosas e nutritivas froitas: a mazá que dá a maceira, a laranxa da laranxeira... un poema canción, refrescante e colorido, para alimentar corpo e mente" e poderemos lembrar (aínda que para lectores algo maiores, Macedonia de versos.
Animais, dos mesmos autores e colección, onde se nos di "A amizade e o xogo reúnen os simpáticos protagonistas destes pictogramas poéticos: a tartaruga, o elefante, o caracol... e moitos máis animais invítannos a desfrutar da rima e da melodía."
O pequeno indio de Ricardo Alcántara e Gusti. Porque segundo se di na presentación editorial "Ninguén como o pequeno Brais rastrexa, corre e domina mellor o arco e as frechas. Só a voz atronadora de mamá é capaz de borrar dun plumazo as aventuras no lonxano Oeste. Imaxinación, xogo e humor asegurados."
Elmer e o osiño perdido de David McKee, traducido por Xosé Manuel González. "Nin o león, nin o tigre, nin os demais animais saben do paradoiro dun boneco perdido. Mais Elmer artella unha cadea de solidariedade entre todos os habitantes da selva para que o bebé elefante deixe de estar triste." 
Pequenos de casa e Pequenos salvaxes  Os animais domésticos e os animais da selva e o bosque son os protagonistas destes libros de tea co obxectivo de estimular os sentidos, iniciarse na lectura de imaxes, xogar coa rima. Da autoría de Jonathan Miller e traducidos por Xosé Ballesteros, os libros en tea para as primeiras idades. 
 

venres, 4 de decembro de 2020

Novidades doutra editorial



















Cando comezamos co primeiro título xa adiviñamos cal é esa editorial
Hércules e o xigante. Unha torre de lenda. Se seguimos a presentación editorial...
"O encontro entre un heroe mitolóxico e un xigante colosal só podía dar como resultado o nacemento dunha torre de lenda…
Deixa voar a túa imaxinación e descubre unha historia da Torre de Hércules que nunca che contaran".
Hércules é un personaxe mitolóxico moi querido da rapazada, acostamada a velo loitas contras os máximos perigos, un xogante é un digno rival e a torre faro ou ollo de deus, como se lle ten chamado é un deses edificios emblemáticos, así non será difícil caer no feitizo. O autor: Enrique López
Ring, ring...! Quen rima? de Ana María Fernández e Enrique López. 46 poemas da poeta multipremiada ilustrados por un arquitecto que tamén escribe pensando no seu fillo. Rimando "Pola terra e pola serra, pola rúa e pola lúa, pola herba e pola néboa, con sombreiro e chuvasqueiro, con miñocas e con focas, con estrelas e con velas". Poucas escritoras ten un dominio lingüístico como esta autora para xogar coa lingua de todas e cada unha das maneiras.
O mundo en que vivín é a novela de Ilse Losa, traducida do portugués polo profesor Anxo Tarrío. Unha historia que nos lembrará a de Ana Frank, porque volve a ser a dunha rapaza xudea en Alemaña coincidindo coa chegada dos nazis. Tempos moi duros que sempre nos fan pensar nas rapazas palestinas de hoxe. Como é posible que alguén que recibiu tantador sexa quen se provocala despois? E contestaranos calquera psiquiatra que ben sabido é que os nenos maltratados converteranse en adultos maltratadores, e os pobos... tampouco terán remedio?
O año que é un porquiño de Pim Lammers e Milja Praagman Da presentación editorial: "Ideal para falar con nenos e nenas pequenos sobre xénero e identidade. As ovellas pastan no prado cos seus bonitos xerseis brancos. Os porcos están na poza e pasan o día envorcállandose na lama. Ata que de súpeto un año métese na lama. Ás ovellas e aos porcos parécelles moi estraño. —É que son un porquiño —di o año. Pero isto é de tolos! Ou non?"
Da presentación editorial: "As cousas van mal na granxa: o granxeiro vai por ovos onda os porcos, quere rapar a vaca, intenta muxir a galiña. Os animais andan preocupados. Que lle pasa ao granxeiro? Unha emotiva historia que nos fala de cando perdemos a cabeza e o corazón, e do apoio que brindan os bos amigos."



mércores, 2 de decembro de 2020

Cómic de ciencias

Así nolo presentan: "Cando falamos de microalgas e cianobacterias, estamos a nos referir a un grupo de máis de 30.000 taxóns (especies de organismos emparentados), dos cales tan só unhas poucas decenas de especies se estudaron con detalle. A súa presenza no planeta é practicamente ubicua, e entre estas especies están algunhas das máis antigas do noso mundo." É difícil tratar esta temática así, falando, por iso deciden inventar unhas historias nas que se podan observar as capacidades destes organismos para pelexar coa contaminación. Un grupo formado pola independente Spirulina, a pequena Nannochloropsis, o enorme Scenedesmus e o mozo Diatomea loitarán co Dinoprisis Acuta, o Alexandrium Catenella e o Pseudonitschia Australis e venceranos a pesar da falta de planificación e organización, porque a valentía sempre é un punto.
"Este cómic xorde no marco do proxecto Enhance Microalgae (EMA) co ánimo de dar a coñecer es "mundo oculto"

domingo, 29 de novembro de 2020

O bichos bola

Ola! Son un bicho bóla!
Un álbum ilustrado de Elvira Ribeiro, con ilustracións de Noé González, publicado por Apiario.
Da páxina de editora recóllese:
Por que ler?

- Porque Elvira Ribeiro e Noe Caamaño conseguen total complicidade entre texto e ilustración.
- Porque os bichos bóla non teñen comezo nin fin.
- Porque a diversión neste caso vai da man da unión e do colectivo.
  -Porque nestas páxinas a comunidade constrúese dende a diversidade.
 
Todo iso é certo, sen dúbida. Porque eu non sabía que había tantos bichos bóla, tantos que se podían converter nunha bola cando corren perigo, tantos e tan diferentes. Ese bermiño negro do que non sabemos o nome, o ourizo cacho, o armadillo, o pangolín, o raposo... e todos dispostos a formar unha asociación Bichos Bóla Around World.
Un álbum construído con boa poesía, coa súa musicalidade e cunhas imaxes axeitadas. 

venres, 27 de novembro de 2020

Cando o autor é un músico famoso...


Ei, superavó de Paul McCartney, o ex Beatle convertido en escritor cunha historia ilustrada por Kathryn Durst e publicada en gran formato por Xerais. A historia preséntase nas pastas por medio dunha carta na que o superavó nos conta como son as visitas dos seus netos (os seus fedellos). Porque os catro netos: Lucy, Tom, Em e Bob quedan a durmir na súa casa viven mil aventuras. É moi doado: o avó ten un feixe de postais e cando os pequenos están aborrecidos escollen unha imaxe e coa axuda dun compás e a maxia aparecen nese lugar, ata que se cansan e repiten a maxia con outra postal... e así sucesivamente. Cando cansan volven á casa a durmir e prepararse para novas aventuras.
As viaxes a unha praia dourada con peixes voadores sobre os que poden montar, ao afastado oeste onde cabalgarán fuxindo dunha manda de búfalos salvaxes, á alta montaña onde as vacas lles axudan a escapar dunha avalancha... e sempre coa axuda do superavó que os vai salvando de todos os perigos. Porque así son os avós, con coleta ou sen ela, aventureiros con moita experiencia.
A tradución é de Anaír Rodríguez.

mércores, 25 de novembro de 2020

Dende os ollos dunha cascuda


A crónica de Ivo Cascudiño de David Nel . Lo con ilustracións de Beatriz Castro e tradución de María Xesús Gómez, publicado por Edebé na colección Tucán. Esta obra obtivo o premio Edebé de Literatura Infantil 2020, dende o catalán.
Unha novela áxil e rápida que nos conta en primeira persoa as aventuras da familia Cascudiño, primeiro na casa dunha señora maior que, para a súa desgraza, morre e pasa a ser ocupada por unha sobriña chea de vitalidade que quere fumigar a vivenda, e posteriormente nun hotel onde terán que enfrontarse con outra especie de cascudas (brancas) que non as admiten e se cren superiores.
O concepto de patria ou lugar propio, a inmigración, a necesidade de compartir un espazo común, o concepto de igualdade na diferenza... e a vida vista dende unha cucaracha nova que vai descubrindo o mundo. 
Os perigos sempre presentes e a vida feliz do cotián (da que non somos conscientes cando a gozamos). Nesa existencia, igual que na nosa, hai moito que aprender.