venres, 27 de novembro de 2020

Cando o autor é un músico famoso...


Ei, superavó de Paul McCartney, o ex Beatle convertido en escritor cunha historia ilustrada por Kathryn Durst e publicada en gran formato por Xerais. A historia preséntase nas pastas por medio dunha carta na que o superavó nos conta como son as visitas dos seus netos (os seus fedellos). Porque os catro netos: Lucy, Tom, Em e Bob quedan a durmir na súa casa viven mil aventuras. É moi doado: o avó ten un feixe de postais e cando os pequenos están aborrecidos escollen unha imaxe e coa axuda dun compás e a maxia aparecen nese lugar, ata que se cansan e repiten a maxia con outra postal... e así sucesivamente. Cando cansan volven á casa a durmir e prepararse para novas aventuras.
As viaxes a unha praia dourada con peixes voadores sobre os que poden montar, ao afastado oeste onde cabalgarán fuxindo dunha manda de búfalos salvaxes, á alta montaña onde as vacas lles axudan a escapar dunha avalancha... e sempre coa axuda do superavó que os vai salvando de todos os perigos. Porque así son os avós, con coleta ou sen ela, aventureiros con moita experiencia.
A tradución é de Anaír Rodríguez.

Ningún comentario:

Publicar un comentario