Grazas a Sushi podemos achegarnos a Winnie - the - Pooh e A casa do recuncho de Pooh de A.A. Milne con ilustracións de E. H. Sheopard, na nosa lingua. Publícase na colección Intermedio e aínda que poden entrar certas dúbidas en canto ao lecgtorado ao que vai dirixido, non nos parece mal, en absoluto.
Esas aventuras de Christopher Robin cunha serie de animais coma o oso Winnie - the - Pooh, o porquiño Piglet, a cangura Cangu e o seu pequeno Riño, Coello, o burro Igor, Bufo, Tigre... son realmente xoias que nas primeiras idades se escoitan ou len cos sentimentos como esquelete desa relación cos animais, con ese absurdo que o empapa todo e ese pequeno misterio que o envolve. O autor narrador dialoga cos personaxes, esa primeira e derradeira imaxe do primeiro dos libros ou esa despedida do neno protagonista no segundo deles sitúannos nunha idade que nos leva a Alicia cando sae do soño e debe enfrontar a realidade, dar un paso ao outro lado do espello deixando atrás as fantasías e os xoguetes que xa non poderán acompañala. Un verdadeiro estudo da personalidade de cada un dos personaxes, dene a inocencia alegre de Riño ao deprimido e desconfiado Igor, do amistoso Piglet ao egoísta e goloso Winnie, do prototipo de nai Cangu ao organizador e áxil Coello, de Bufo o que domina as palabras a Christopher que co seu despiste vai dando as respostas que eles demandan.
Asistimos á creación dun mundo (o Bosque cos seus habitantes) e a cerimonia de paso dunha a outra idade, pero sobre todo, asistimos ao mundo familiar do autor que ficciona ao fillo cos seus bonecos de peluche. Traducido a máis de 50 idiomas (tamén o latín), dou lagar a versións cinematográficas rusas ou der Disney e, en máis dunha ocasión, os seus personaxes comparados con políticos internacionais, o que provocou a súa prohibición.
Ningún comentario:
Publicar un comentario