venres, 1 de xaneiro de 2021

O CASTRO, tamén na orixe da LIXG (Literatura Infantil e Xuvenil Galega). Unha mostra en Compostela

Unha exposición organizada por GALIX (Asociación Galega do Libro Infantil e Xuvenil) para conmemorar o centenario do nacemento de Isaac Díaz Pardo. Situada na Casa das Asociacións (antiga estación de Cornes), nunha sala humilde igual que a exposición (que consta de tres vitrinas con libros e 10 paneis coa información temática). Con todo, o lugar é o máis axeitado que se podería atopar para Isaac, no fogar das asociacións, alí onde debe residir a sociedade civil e onde el estaría a gusto por ser un digno representante desta sociedade activa. Foron as asociacións de Compostela as que lle fixeron unha das derradeiras homenaxes á que asistiu con Mimina, a súa compañeira. Por riba, esta casa está situada na rúa Manuel Beiras, un bo amigo de Isaac que publicou neste selo -baixo o pseudónimo de Eubensei- as traducións dos Contos de Grimm en dúas escolmas e tamén Platero e máis e foi artífice, tamén, de que María Canosa publicara en Ediciós do Castro e primeiro libro dunha longa carreira. 

Era necesaria esta mostra para amosar o papel de Isaac (a través de Ediciós do Castro) no desenvolvemento deste libro a partir de 1968, ano en que publica Memorias dun neno labrego. Arredor de medio centro de obras distribuídas en catro coleccións (Narrativa pra nenos, O mundo do neno, Poesia pra nenos e Teatro pra nenos) e algunha máis situada noutras coleccións como a primeira obra infantil de Euloxio R. Ruibal Teatro infantil ou o primeiro libro sobre esta literatura da man de Xulio Cobas Brenlla. Aquí vanse estreando sinaturas como a de María Victoria Moreno, Concha Blanco, Anisia Miranda e vanse recoñecendo as de Dora Vázquez, Heidi Khün – Bode, Pepe Cáccamo, Marica Campo... e algúns que só nos deixaron esa mostra como Choio e o rei Talento, Coma nós, O raposo Careto... a primeira narrativa xuveniul con conciencia ecolóxica (así se presenta As gaivotas do cabo Morás. O porco espiño Xeremías de Xavier Lorenzo que publica a 2ª edición en 1983) ou Cantando cos nenos. Escolma de poemas para que canten os nenos (selección de poemas de Rosalía de Castro realizada por Xulio Cobas en 1985, centenario da morte da poeta).

Unha mostra que non podemos perder porque nos mostrará outra faceta de Díaz Pardo, ese home que removeu a cultura galega do século XX.

martes, 29 de decembro de 2020

A PALABRA GALEGA DO ANO: NÓS

 Nós Diario

Nós, foi escollida como palabra galega do ano. Tal vez porque celebrabamos o centenaria da publicación  Nós que lle dará nome á xeración Nós. Nós, tamén por nosoutros e nosoutras, por esa primeira persoa do plural do que formamos parte cando estamos en grupo. Nós, os galegos e as galegas que nos caracterizamos pola mansedume, o deixar facer, o todo vale porque deus é bo pero o demo tampouco é malo. Nós, as mulleres que seica andamos a facer unha revolución silenciosa dende hai tempo. Nós, as persoas que defendemos a lingua de noso, falándoa, promovendo o seu uso (nón, non obrigamos non, só convidamos, ou vai ser que é pecado convidar a falar a propia lingua?) 

Nós, polo xornal que manteñen en pé un grupiño de galegos e galegas de ben.

Lembramos que desta maneira Nós ingresa a ese club de palabras distinguidas con este título, do que forman parte sentidiño», desde el 2019; «deseucaliptización», en 2018; «afouteza», en 2017 e «irmandade», desde 2016.

Aí quedamos, nós, retratados e retratadas.

domingo, 27 de decembro de 2020

Obras de teatro para ter moi en conta "Nana para un soldado"

 

Nana para un soldado de Pepablo Patinho Penya, ilustrado Nuria Díaz e publicado por Embora.Esta editora acaba de publicar esta obra xunto con A pequena compañía de Carlos Labraña que levaba algún tempo agardando despois de conseguir o VIII Premio Estornela de Teatro Infantil convocado pola Fundación Xosé Neira Vilas. Os catros derradeiros premios Estornela foron publicados por Embora, despois de que Ediciós do Castro desaparecera. Pois ben, estaba facendo memoria para falar da edición destas dúas obras de teatro que chama realmente a atención; formato grande, pasta dura, bo papel; ilustracións moi coidadas, escollidas e a toda cor... Unha aposta decidida polo libro de teatro, presentado con toda a calidade e animando a que se consuma, tamén, como obxecto de agasallo.  

Esta historia é magnífica, cunha introdución fantástica de María Canosa e cun título que xa nos adianta o contido "A guerra non é un lugar. A guerra non chega ou se vai... pero está aí. Habita nos corazóns atrincheirados e nas mentes con metralla". Tres partes: A vida, A guerra e Esperanza. A primeira e a terceira son textos a modo de anotacións teatrais ou case narrativos, a segunda é a verdadeira obra de teatro. Nela tres personaxes Primeiro soldado, Aurora, Segundo soldado. Dous soldados en trincheiras enfrontadas, e no medio unha muller que se move como se a cotidianeidade non tivera desaparecido. A casa está en ruínas, os soldados dispáranse e Aurora anda a limpar, cociña, afánase porque non leven paraugas con todo o que está a caer do ceo... Ela preocúpase dos coidados mentres eles se preguntan continuamente se son amigos ou inimigos, porque o único que os distingue é o uniforme xa que ambos  son enviados para ocupar unha ruínas tomando posesión coas súas bandeiras. Pero ela, Aurora, ensinaralles que as bandeiras son boas como manteis ou para facer un cueiros. Aí fica a esperanza, nesa humanización dos soldados que se fan cargo do bebé e se soben á fantasía da muller, porque ela é iso: a normalidade de cada día e a fantasía que reverte a orde autoritaria e bélica do mundo. Unha historia chea de humor e profundidade, unha desas grandísimas historias que lembraremos moito tempo.

Vídeos "No Nadal... un conto" do SNL do concello de Vigo

 Vídeos de "No Nadal... un conto"

Hai que parabenizar ao Servizo de Normalización Lingüística do concello de Vigo por esta iniciativa que trae a cultura á zona iluminada da realidade. Neste tempo de sdificultades para o mundo da cultura e do galego, colocar en aberto "Cantos, contos, versos, historias... para pasar un Nadal en familia" é algo que debemos agradecer.

Podemos acceder a eles no seguinte enlace.

Atopamos contacontos, escritoras que falan / contan os seus libros como María Canosa (O libro dos medos) e Yolanda Castaño (Collendo as rendas), a música de Pablo Díaz e moitas presentacións máis de narrador@s orais, contadas con música...

Un agasallo para agora e para o futuro, un recurso para xogar coa palabra e as historias, unha maneira de compartir a pesar da distancia á que nos obriga a situación.

venres, 25 de decembro de 2020

Xela Arias, Letras Galegas 2021

 Resultado de imagen de xela arias

Xela Arias, muller (a 5ª á que se lle dedican as Letras, despois de Rosalía de Castro, Francisca Herrera, María Mariño e Maria Victoria Moreno), poeta, editora, profesora e tradutora.

            Dende a LIXG, interésanos o seu papel como tradutora desta literatura. Ela verteu ao galego varios títulos para a colección Xabarín de Xerais, a serie de banda deseñada xuvenil Franka de Henk Kuijpers, tamén en Xerais asi como Cidades fantásticas, príncipes e xinns da mitoloxía e as lendas árabes de Khairat AlSaleh, Contos ao teléfono de Gianni Rodari para a editorial Juventud e varios máis para Cerne.

Cando pensamos en Xela Arias non podemos deixar de acordarnos de seu pai, Valentín Arias, tamén escritor, discípulo de Pousa Antelo (co que escribiu Galicia, tarefa urxente e Antonio Fernández lópez: empresario, reformador e filántropo), tradutor de moita obra xuvenil  e coautor do libro Situación da LIX galega: retos para o novo milenio).

Lembralos a ambos é o que corresponde neste momento. No futuro serán outras as tarefas.






luns, 21 de decembro de 2020

Antropoloxía galega en Aragón

Carmelo Lisón dona os seus materiais de investigación á biblioteca da Deputación de Zaragoza
Os fondos, dixitalizados grazas a unha subvención, inclúen todo o material etnográfico manuscrito acumulado por Lisón ao longo das súas investigacións en Galicia e tamén o conxunto de fotos e películas en cor e branco e negro que realizou desde os años 60.
Trátase dun material froito "anos de recollida de datos aldea por aldea", destacou Lisón, que afirmou querer poñer ao seu pobo natal, La Puebla de Alfindén, no "mapa antropolóxico de España".
Para albergar estes traballos anunciaron que pronto comezarán as obras para a construción do Centro Humanístico Carmelo Lisón.
Deste autor son os libros: Antropología Cultural de Galicia (1971, Siglo XXI, Madrid); Endemoniados en Galicia hoy, 1984; Perfiles simbólico-morales de la cultura gallega (1984); Endemoniados en Galicia hoy. La España mental II, 1990; Brujería, estructura social y simbolismo en Galicia, 2004 e Antropología cultural de Galicia (obra recompilatoria en 6 vols.) 2004.

sábado, 19 de decembro de 2020

Os premios da factoría Xerais continúan

Antonio Manuel Fraga ganador do premio Jules Verne de Literatura Xuvenil 2020 con Santoamaro. Nela relátanse as relacións que se establecen entre un grupo de amigos que, tras terminar bacharelato, se reúnen todas as noites do verán na praia coruñesa de Santo Amaro. O xurado destaca o estilo directo dunha narrativa presentada como unha función teatral e a linguaxe “próxima, clara e concisa con referentes actuais -cada capítulo ábrese con mensaxes de Whataspp- coñecidos polo lector”, no que provoca “unha reflexión sobre o propio acto de creación literaria” e ao que mantén “en tensión” ata o final da novela. Este autor xa conseguira os premios X Certame de microrrelatos da Lonxa Literaria de Moaña, o Prmeio Merlín coa obra O Castañeiro de Abril,  I Premio Antón Risco de Literatura Fantástica coa novela Querido H.P. Lovecraft, obra pola que conseguiu tamén o Premio da Crítica Galicia de Creación Literaria en 2017, o I Premio María Victoria Moreno de Literatura Xuvenil por O bestiario científico de Anxos Nogueirosa, título polo que acadou o premio da Gala do Libro Galego 2019 á mellor obra xuvenil.

Andrea Maceiras ganadora do Premio Merlín de Literatura Infantil 2020 con A Folla azul. A autora
narra en primeira persoa a historia dunha nena dun poboado amazónico que se ve obrigada a emprender unha viaxe para salvar ao seu pobo. O xurado destacou desta obra o seu dominio da arquitectura da narración, así como o seu “profundo compromiso social”. Esta autora, gañou o Premio Lazarillo á creación literaria por Conta nove estrelas en 2018.

María Marco Covelo ganadora do Premios Xerais 2020 con Coidadora. Esta é a súa primeira obra, da que o xurado destaca que ademais de abordar un tema de actualidade como é o das coidadoras desde a perspectiva de alguén que coñece esa profesión, o “excelente pulso narrativo” que fai partícipe a un lector “activo e interveniente” de “a angustia que, en ocasións, provoca a profesión”.