xoves, 7 de outubro de 2021

Liesbet Slegers en Tambre

 

O colexio de Iago, un dos libros de Liesbet Slegers destinado a primeiras lecturas, igual que O gran libro dos dinasaurios de Iago, Iago e o corpo humano ou O gran libro dos números, formas e cores de Uxía.

Trátase de libros de coñecemento, libros que informan de diversos ámbitos relacionados coa miudanza coma o cole ou o seu corpo, acerca daquilo que precisan ir aprnedendo (formas, cores, números, tamaños, letras...) e tamén dos seus intereses (dinosaurios...). Obras moi necesarias nas nosas bibliotecas que sempre teñen falta de libro informativo en galego, obras ben realizadas tanto a nivel visual como textual, con infomación e, de vez en cando, inrrereacción co lector e lectora ao pedirlle que busque determinada figura, que repense ou que fale ao redor de algo relacionado co que se está tratando.  Estas colección de Uxía e Iago deben terse en conta.

Libros imprescindibles para calquera biblioteca: persoal, familiar, escolar, pública... Libros que normalizan a nosa lingua e o fan con moita dignidade. Grazas a Tambre, unha vez máis por ese esforzo dende fóra de Galicia.


luns, 4 de outubro de 2021

Unha nova colección de libros informativos: Crias de animais

Kalandraka acaba de publicar un par de títulos dunha nova colección de libros informativos. Trátase de Quen son? Crías de animais. Europa e Quen son? Crías de animais. África do Tándem Seceda nos textos e Ester García nas ilustracións.Por Europa o lobeto, o cisne branco, a cabuxa, o osiño, a marmota, a aguia real e a lontra. Po África o león, a xirafa, o gorila, o elefante, o hiopótamo, a avestruz e a cebra. Cada un dos animais comeza presentándose a modo de adiviña, para continuar achegando máis datos da súa especie e cunha curiosidade final a modo de pregunta e resposta. 

Así imos descubrindo cantidade de cosas de moito interese como que nun ovo dre avestruz caben 24 ovos de galiña, que as cebras teñen raias para confundir aos depredadores ou a diferenza entre o cisne macho e o cisne femia. Cada un dos libros remata cun texto no que se fala do continente e da necesidade de protexer a os animais en perigo de extinción en África ou os espazos naturais en Europa con ríos limpos e libres de contaminación. Polo tanto, libros de coñecemento que se centran nas crías dos animais con esa tenrura que sempre transmiten (e que tan ben representa a ilustradora) e con ese valor engadido da ecoloxía. 

Da presentaicón editorial: "As ilustracións están realizadas con grafito e suavemente coloreadas, as imaxes son realistas e de gran detallismo, fieis aos canons da ilustración científica, e destacan pola expresividade e pola tenrura dos protagonistas." 

Moi recomendables. Moito!

xoves, 30 de setembro de 2021

Bibliografías

  

A Asociación Galega do Libro Infantil e Xuvenil seleccionou unha bibliografía de libros destinado ao lectorado infanto xuvenil, libros nos que a igualdade entre mulleres e homes era un valor presente. Foi para o XIX Salón do Libro Infantil de Pontevedra de 2018, Mulleres de conto. Podes acceder a el a través da súa web.

Libros de fichas, onde ao lado dunha selección moito máis específica xa, se elabora unha ficha de cada un deles  na que se analiza o seu contido dende o punto de vista da igualdade e se propoñen actividades a realizar coa rapazada ao redor da obra. Materiais realizados en diferentes anos 2004, 2005 – 2007, 2019 e 2020) con diferentes producións para a Secretaría xeral de Igualdade. Todos eles se poden conseguir en papel na Xunta de Galicia ou en dixital na páxina de GALIX.

A última entrega é a Guía para persoas mediadoras de lectura (bibliotecarias, libreiras, profesorado, familias, educadoras sociais...) co título Donas no espello da LIXG no que unha escolla de títulos de literatura infantil organizados baixo determinadas etiquetas:  De ruptura de estereotipos (recollendo aqueles nos que os estereotipos e roles tradicionais se ven trastocados), De espertar (aquelas obras que fan pensar e colocarnos fronte á alienación), De violencia de xénero (os que tratan esta lacra social), De mulleres senlleiras (os que recollen biografías de mulleres que foron invisibilizadas por cuestión de xénero), De diversidade (obras nas que aparece a diversidade de todo tipo como un valor a defender), De diversidade familiar (visibilizando todo tipo de familias), De diversidade sexual (dándolle presenza a diferentes opcións sexuais máis ou menos hexemónicas), Doutra maneira (aqueles libros nos que a historia está contada doutro xeito, dándolle a volta, achegando a voz dos que non acostuman tela...), Doutras latitudes / épocas (as obras nas que se acollen historias relacionadas co papel da muller noutras civilizacións), De autoaxuda (libros, na súa maioría diarios, que achegan información de interese para a mocidade, entre a narrativa e o ensaio), De versos (para os libros de poesía que tratan esta temática), De escena (para os de teatro), De cadradiños (para a banda deseñada), De premio (aqueles que foron premiados nos dous certames que teñen en conta a igualdade: Premio Fina Casalderrey de Literatura Infantil pola Igualdade e Premio Agustín Fernández Paz de Narrativa Infantil e Xuvenil pola Igualdade), De colección (para os libros que forman parte das coleccións centradas na igualdade como Éranse dúas veces, Lila Lilaina, Mulleres Bravas da nosa historia, Mulleres galegas, A igualdade conta, Contos da Igualdade e Pioneiras) e De serie (para aquelas que teñen a  igualdade como unha das súas sinais de identidade como As aventuras de Nunavut, A guerra das bruxas, Calpurnia Tate, Pipi Mediaslongas...).  

martes, 28 de setembro de 2021

Douche a miña palabra de Fran Alonso

Douche a miña palabra de Fran Alonso, un libro de reflexións arredor da lectura. Un título que fai pensar nunha promesa pero tamén na entrega que supón a escrita. Un discurso que nace da experiencia coa rapazada nos encontros ou en Espazo Lectura esa asociación de promoción da lectura para a que miramos dende calquera esquina de Galicia. Un pequeno ensaio dirixido pequenos lectores e lectoras,  que Brea Gregores define como un escrito con alma de poema, se reflexión nostálxica, de didáctica amiga.

Vai o escritor percorrendo camiños nos que fala das razóns polas que se escribe, das lecturas e da literatura, das bibliotecas e da poesía, da lingua na que escribe e falamos, esa lingua que nos enfronta a unha realidade fermosa e acosada.

Podemos recoller algún fragmento:

Sobre a lectura. Se estás na terraza dun edificio, podes ver moitas máis cousas que dende a rúa, podes ver case o plano da cidade e ata a paisaxe “Cando es unha persoa que le, é coma si vivises nunha terraza:

porque tamén podes ver con ollos que non son teus, son dos personaxes dos libros;

porque tamén podes escoitar con oídos que non son teus, so dos personaxes dos libros;

porque tamén podes experimentar sentimentos que no son teus; son dos personaxes dos libros.

En definitiva, podes ver moitas máis cousas das que es capaz de ver por ti mesma ou por ti mesmo.

Por iso, a lectura é unha terraza inmensa” (...)

As ilustracións, de Bea Gregores, achegan esas metáforas visuais que complementan as imaxes verbais do autor, nesas cores con predominancia de verdes e granates e referencias que nos traen evocacións.

luns, 27 de setembro de 2021

Poesía en formato álbum

 

Soños de Pere Tobaruela con ilustracións  de Víctor Boullón, publicado na olección Verdemar da editorial Alvarellos. Din os autores: "Palíndromo, do grego palin e dromos: volver e ir para atrás. Ou dito doutra maneira: xogar coas palabras. Pois a Víctor e a Pere non só nos gusta xogar coas palabras, tamén xogamos coas imaxes. Pasámolo ben así e agardamos que as lectoras e lectores que vos mergulledes neste conto de SoñoS tamén o pasedes de marabilla. Levamos uns anos facendo proxectos xuntos, pero nunca fixemos un libro coma este, no que deixamos voar a nosa imaxinación ata límites insospeitados. Máis nada, xoguemos, soñemos!». Unhas ilustracións con fondos case de papel pintado con elementos que se repiten. Un libro de palíndromos, composto de textos que poden lerse igual de esquerda a dereita que de dereita a esquerda. Un libro para xogar e descobrir as posibilidades do idioma, para divertirse lendo e seguir facéndoo buscando novas palabras ou o espello / reflexo / simetría da imaxe.

O voo da bubela, escrito e ilustrado por Miguel Anxo Romero López, publicado por Embora. Unha ducia de poemas. Poesía con certa rima, con certas imaxes, algunha delas mostrando a diversidade familiar, poesía para ler rodeada de ilustracións a base de aguadas.   


domingo, 26 de setembro de 2021

Crías de animais. Quen son?

 


Kalandraka acaba de publicar un par de títulos dunha nova colección de libros informativos. Trátase de Quen son? Crías de animais. Europa e Quen son? Crías de animais. África do Tándem Seceda nos textos e Ester García nas ilustracións.Por Europa o lobeto, o cisne branco, a cabuxa, o osiño, a marmota, a aguia real e a lontra. Po África o león, a xirafa, o gorila, o elefante, o hiopótamo, a avestruz e a cebra. Cada un dos animais comeza presentándose a modo de adiviña, para continuar achegando máis datos da súa especie e cunha curiosidade final a modo de pregunta e resposta. 

Así imos descubrindo cantidade de cosas de moito interese como que nun ovo dre avestruz caben 24 ovos de galiña, que as cebras teñen raias para confundir aos depredadores ou a diferenza entre o cisne macho e o cisne femia. Cada un dos libros remata cun texto no que se fala do continente e da necesidade de protexer a os animais en perigo de extinción en África ou os espazos naturais en Europa con ríos limpos e libres de contaminación. Polo tanto, libros de coñecemento que se centran nas crías dos animais con esa tenrura que sempre transmiten (e que tan ben representa a ilustradora) e con ese valor engadido da ecoloxía. 

Da presentación editorial: "As ilustracións están realizadas con grafito e suavemente coloreadas, as imaxes son realistas e de gran detallismo, fieis aos canons da ilustración científica, e destacan pola expresividade e pola tenrura dos protagonistas." 

Moi recomendables. Moito!


venres, 24 de setembro de 2021

De tarascas e cocas

Cocotibur de Rafael Fernández Lorenzo, ilustrado por Esteban Couto e publicado na colección Merlín de Xerais. Unha das novidades, para maiores de 11 anos, que acaban de aparecer. As ilustracións de Esteban Souto lévannos ao medievo.

A desaparición de rapazas nunha zona costeira de Galicia, un cabaleiro disposto a dar canto ten na súa man para recuperar a súa pequena, un mozo que non vai cegar ata dar coa muller coa que ía casar que desapareceu entre as rapazas e a historia está servida. Haberá que organizar a busca, indagar como foi iso de que "as tragou o mar". O cocotibur (mestura de crocodilo e quenlla) que aparece preto da illa de San Simón ten moito que ver co asunto. Será do cousa do demo e necesitarán exorcistas e o Libro de ler e desler para desfacer o maleficio de cores, nomes e notas? Todo se saberá, incluso algo máis sobre a historia da coca e o baile das penlas. E, un final que  volve, nunha roda que se repite e que está na nosa man cambiar.