domingo, 16 de xaneiro de 2022

Publicacións da Coordinadora Galega de ONG. Colección Defensoras de dereitos

 

En Culturgal, dentro da caseta da Coordinadora de ONG atopamos a colección Defensoras de dereitos, dirixida a lectorado a partir dos quince anos. Seis títulos: Hayée Castillo. Sementeira de paz, Miriam Suazo e a digna rabia, Bea á procura da luz, María Cuc Choc. O corazón en alto, Estela Ángeles Mondragón e o camiño a Baqueachi. Unha colección impulsada por esta coordinadora sde ONG, a Asociación Galega de comunicación para o Cambio Social e a Iniciativa Mesoamericana de Mujeres Defensoras de Derechos Humanos.

A autora dos textos é a escritora e xornalista Lara Dopazo Ruibal e as ilustracións foron creadas a catro mans entre a deseñadora gráfica Marta Conde e o colectivo de arte gráfico mexicano RotmInas. Imprime a Deputación de Pontevedra.

Trátase de recoller a voz, a vida e a acción de diferentes mulleres mesoamericanas, defensoras de vida nunha das rexións máis perigosas do mundo para ser muller e defender dereitos. Así se recolle no manifesto "As mulleres están na vangarda das loitas pola igualdade, a xustiza e os dereitos humanos individuais e colectivos. Mulleres indíxenas, mestizas, negras, garífunas, mulleres do campo e da cidade, do mar e da montaña, mulleres nais, migrantes, lesbianas, transexuais, mulleres novas, vellas, mulleres árbol, mulleres paxaro, mulleres millo, mulleres cora..."

Cada un dos libros conta cun prólogo ou presentación que parte de situar á protagonista e o país, para centrarse na figura feminina (baixo o título "Pero... quen é?"), continúa co apartado "Para pescudar e reflexionar" e dous apartados finais coincidentes: o glosario e os recursos ou enlaces a páxinas web nas que ampliar información.

Unha magnífica presentación e deseño ao que acompaña un marcapáxinas por cada un dos volumes. Polo tanto, un bo contido nun estupendo continente. Parabéns!


venres, 14 de xaneiro de 2022

Novidades de aquí e de alá

As aventuras de Txano e Óscar é unha serie da que aparecen oito entregas coas súas cubertas e títulos e a ameaza "Máis aventuras en preparación...". Os textos son de Julio Santos e as ilustracións de Patricia Pérez. A simple vista estamos ante unha proposta interesante na que dous irmáns que se comunican a través de telepatia despois da caída dun meteorito, dous amigos (unha nena e un neno da mesma idade) que os acompañan nas aventuras, igual que as súas mascotas (un can atopado na rúa e un esquío); tamén está a irmá pequena dos xemelgos Sara Li (que se supón chegada de Oriente) e os pais (el cunha tenda de antigüidades e ela tradutora). As aventuras vanse suceder unhas a outras porque con eses poderes e a colaboración de todos eles vai ser doado resolver misterios, atopar animais secuestrados e poder cobrar as recompensas... Unha casa na árbore, Área 51, será o seu refuxio. Claro que non faltarán os ricos bos que lles agasallan magníficos ordenadores de última xeración... 

Un certo tufillo comercial, que lembra aos libros de texto feitos por informáticos; neste caso libros para a infancia con esa mesma base, tal vez axuden a crear o hábito lector, tal vez non vaian axudar moito á normalización da lingua (preséntanse tamén en castelán) pero aí están, tamén en galego, agora dependerá das persoas mediadoras que o entreguen na lingua do país. Ou de que esas mediadoras decidan de se ten a calidade suficiente ou non, eu confío nelas, en que o seu criterio decida en que investir os cartos e o espazo que non son infinitos.

martes, 11 de xaneiro de 2022

Banda deseñada para os pequerrechiños e pequerrechas

Miñoca e coello é unha banda deseñada para as primeiras idades. Escrita por Ramón D. Veiga e debuxada por Iván R. Publicada por Xerais na colección Merlín cómics.Case minimalista, moi clariña e evidente, tamén a mensaxe.

Miñoca achégase a coello pero a este dálle asco e trátaa de forma distante e incluso agresiva. Incluso os bicos son algo perigoso sobre todo se chos ofrece unha miñoca; por escapar deles, coello acepta entregarlle un anaco de pizza, ata un refresco, e... como o roce leva á amizade, cando se dan conta cóntanse chistes e rin xuntos. Daquela, xa contra o final, aparece unha lesma que tamén quere amigar, e que pasa? cal imaxinades que é a reacción do coello e da miñoca?


domingo, 9 de xaneiro de 2022

LIbros para a inclusión

 


Unha biblioteca, sempre que dea servizo, que permita a entrada e o préstamo, que colabore realizando unha recomendación personalizada... sempre é inclusiva, porque nela hai libros para diferentes idades e para diferentes competencias lectoras. Aínda así, hai que entender, que son necesarios libros de lectura fácil. 

Aquí teño as 20.000 leguas baixo os mares adaptación realizada pola Asociación Juan XXIII e publicada por Galaxia, con este selo de Lectura Fácil. Nela, boto de menos unhas ilustracións algo máis atraentes (e refírome ás interiores) porque nunca debemos esquecer que o libro ademais de educación literaria leva aparellada a educación artística a través das ilustracións e o deseño.

Outros quer tamén teño a man son os de Kalandraka e Bata: O coelliño branco  (que aparece subtitulado como "Texto de Bata, a partir da versión de Xosé Ballesteros con ilustracións de Óscar Villán") e A ratiña presumida ("Texto de Bata, a partir da versión de José A. López Parreño"). Ambos con selo de Libro con pictogramas e na colección Makakiños.  

Agradecemos estas publicacións en galego, porque tamén aí temos que normalizar a lingua. 

martes, 4 de xaneiro de 2022

Un libro traducido e outro non

O libro traducido é Aprendiz de cabaleiro. Os dragóns non saben nadar de Vivian French e David Melling traducido por Antonio Tobar para Tambre. A presentación editorial conta: "Sam soña con se converter nun nobre cabaleiro, pero non sabe como conseguilo. Unha viaxe dos pais obrígao a convivir no Castelo Mothscale con Prune, a súa prosmeira curmá, co seu excéntrico tío Archibald e máis coas estrañas criaturas das que se ocupa a tía Eglantine. Cando o dragón Godfrey queda atrapado nun pozo, Sam e Prune descobren algo incrible que podería axudar a que o mozo faga realidade o seu soño". Trátase das normas para converterse nun verdadeiro cabaleiro, agora todo vai ser máis doado, ademais a prima vai entrando en razón e pode ser a fiel compañeira que precisa para as aventuras.

O libro presenta os paratextos aos que nos teñen acostumados, nos que o deseño coas tipografías (e demais) ten un valor semellante ao resto. Unha presentación que busca o imaxe do best seller para estas idades, unha historia que corre por bo camiño, unhas ilustracións en branco e negro que complementan todo o anterior... 

Por outra banda, aparece Pegadas na tinta, unha novela situada no antigo Exipto. Da presentación editorial: "Hermontis é unha cidade tranquila, lonxe da trasfega cosmopolita de Monfis e do esplendor crecente de Tebas. Nun lugar así non acontecen grandes tramas. Por iso, o intento de asasinato do gobernador foi tan inesperado. Como ían imaxinar Harsa e Takara  que a investigación dun pequeno incendio os levaría a esclarecer un caso tan importante?" Porque diso se trata, dunha investigación para descubrir o que se agacha detrás deses feitos, porque non todo é o que parece... Un xove policía e unha moza escriba resolverán o caso. 

Un atentado ao gobernador, un roubo e queima de papiros... unha trama que hai que desentrañar porque as traizóns deben pagarse. Unha novela para lectorado a partir dos doce anos, escrita por Clara Vila - Amado e publicada por oqueleo.

luns, 3 de xaneiro de 2022

Un libro que acadou o Premio Agustín Fernández Paz para a Igualdade: A cidade do átomo

 

A cidade do átomo de Iria Misa está publicada por Xerais na colección Merlín.

A explosión dun reactor na pranta nuclear de Chernóbil convertiu a cidade de Prípiat nun espazo fantasmal.  A cidade está en ruínas e só habitada por rapazada que se empeña en mantela en funcionamiento, mentras agardan que os pais volvan. Pretenden darlle continuidad ao que recibiron, ao que sucedía antes do accidente: as rutinas coa cultura soviética e o seu imaxinario, iconos e mitos. 

Nunha especie de Señor das Moscas vemos unha sociedade gobernada pola infancia. Un neno (Máscara) e unha nena (Lena), por diferentes razóns,  mantéñense a certa distanciase, sin integrarse de todo no grupo. Ela leva as marcas da radioactividade na pel (a ninguén lle gusta verllas) e segue sin entender que foi da súa mellor amiga, unha rapaza da súa idade. 

Un misterio percorre a ciudad. Un enigma que nos vai lembrar películas de referencia ou obras literarias que sempre temos presentes. O misterio, o realismo máxico camíñana en silencio.

sábado, 1 de xaneiro de 2022

Os versos de Ana María Fernández: Incesante vagalume

Os versos de Ana María Fernández: Incesante vagalume. publicado por Galaxia en Costa Oeste. O primeiro que hai que sinalar é a ledicia de ver que nas coleccións xuvenís comeza  a entrar a poesía.

Pequenos textos en prosa que dan entrada ao poema. Soños e un repaso pola vida nuns versos non tan claros e evidentes como acostuman ser os desta autora. Imos recoller un par destes textos para que sirvan de aperitivo, aínda que a temática non se preste, pero que resultan moi representativos de como funciona esta parella de prosa e verso.

(En cursiva) "Hai un acordo consensuado na multitude que enche o tanatorio. / O alto, o baixo, o parente e a descoñecida./ Todo ser humano fala de quen marchou. E parece coñecelo a fondo. / Pero eu miro por detrás das portas, nos arredores das casas e das bocas, / por se descubrise un sinal do máis alá, unha resposta esclarecedora / aboiando sobre as nosas mentes desorientadas."

(Agora o poema)

Non morreo el só. / Decapitados caen os andamios da súa sombra, / as letras do seu nome, / o eco dos seus berros. / Os que aínda vivimos, / imaxinamos carunchosos / os alicerces da súa vida, / as casas que habitou, / as prazas que paseou, / as axendas que mantivo incompletas. / Cantos libros lería? /A cantas xuntanzas, cursos, másters, asistiría? / Por cantas causas xustas loitaría? / Ao mesmo tempo, / esvaecen, desfiguradas pola derradeira fogueira, / as siluetas dos que amou. / Ben mirado, / os rastros das persoas coas que se cruzou no ascensor / son agora perfumes anónimos que matizan as ruínas incompletas. / Derrúmbanse os muros e as rúas dos seus pasos, / e comezan a vagar polo infinito grandes barcos de lembranzas, / que transitan con el, / ocultos, por decreto, / á insignificante percepción humana."