luns, 14 de febreiro de 2022

Dous álbumes cos afectos como núcleo temático

Na procura da illa do tesouro de Lizzy Stewart está publicado por Triqueta Verde. 

Así o presentan: "Matilda e o seu pai son MOI diferentes. Ela é rápida, el é lento. Matilda é metódica e el un pouquiño trapalleiro. Ela gosta do silencio e el é un tanto rebuldeiro.  Aínda así, deciden ir na procura dun tesouro agochado nunha illa perdida. Para iso seguen un mapa que Matilda ten, mais o seu pai, que é moi distraído, frustra continuamente os plans de Matilda. 

Serán capaces entre os dous de atopar o tesouro?" Un cambio de papeis, unha nena que semella máis responsable que un adulto que se vai despistando a cada instante, pero quérense moito e... ese tamén é un bo tesouro, porque cando se atopan a felicidade reaparece.  

O abrazo de Eoin Mclaughlin, publicado por Algar. Así o presentan: "Unha historia moi humana protagonizada por animais. Ourizo está triste. Tan triste, que só hai unha cousa que pode animalo: un abrazo. Mais ningún animal o quere abrazar. A Tartaruga pásalle exactamente o mesmo. Moucho vailles explicar que o problema é que Ourizo é aguzado de máis e Tartaruga osuda, demasiado osuda. Conseguirán o abrazo que tanto desexan? A tenrura deste libro vaite conquistar." 
Un libro ou dous libros porque se pode ler empezando por un lado ou polo outro (daquela terás que darlle a volta) e atoparanse compartindo as páxinas centrais. Unha boa historia cunha presentación diferente. Unha obra que semella pensada para estes tempos nos que todos necesitamos abrazos e todos os tememos pola proximidade dun virus.

xoves, 10 de febreiro de 2022

Varios álbums, varios varios

Pepiño Cebola (de Sandra Alonso con ilustracións de Álex Meléndez e Beatriz Dapena, publicado por La Maleta Ediciones) que se presenta así:"Pepiño é un neno, Cebola é só un adxectivo… Mil e unha capas de agarimo profesado por todos os que o coñecen fan que Pepiño non sexa un neno, senón unha “ cebola. Descubre o que acontece cando se libera das súas capas!" Moi correcto, o que non se pode dicir doutros.

Achist! de José Carlos Acedes e Laura Tora. Outra tradución. Neste caso asistimos á chegada á casa dun bebé que estornuda cando ve o gato, logo será o gato o que o faga cando o ve a el e... ao final, todo se amaña.

Imaxinando un mundo novo (para ti) de Paco Ortega, publicado por Triqueta Verde. Un mundo novo no que podas medrar sendo feliz. Unhas ilustracións magníficas que van cambiando o fondo das páxinas. Grandes desexos que nos lembran a cando Zuckerberg ou Bill Gates fixeron donacións coincidindo co nacementos dos seus fillos, coa declaración de que desexaban que o mundo que atoparan os pequenos, fose un pouco mellor. Así o di o autor: "Un mundo sen vencedores nin vencidos, sen fame e sen frío, sen natureza pintada de aceiro. (...) Construiríache un recunchiño nalgún lugar do firmamento onde te arrouparía cun conto e alumearía con miles de estrelas antes de irmos durmir (...) Un mundo máxico que construirás cos teus soños e onde eu estarei sempre coidando de ti."

domingo, 6 de febreiro de 2022

Unha serie: Filipo e Leo

 

Unha serie: Filipo e Leo de Adolfo Serra del Corral e Ester García Cortés, publicados por Edelvives

Da presentación editorial: "Filipo e Leo viven na fraga de Ara con outros animais. Malia seren moi distintos, son amigos inseparables. Encántalles compartir momentos especiais. Chegou a primavera. Leo está moi contento e convence a Filipo de pasaren un tranquilo día de pícnic. Pero o paseo non será, nin moito menos, como esperaban."

Un picnic tranquilo, Unha tarde de chuvia... A amizade como gran tema.


 

 

sábado, 5 de febreiro de 2022

Libros de tamaño grande

Ás veces atopamos libros cun tamaño que nos semella excesivo para o seu valor literario, incluso por veces tamén, para as ilustracións que acompañan o texto, por iso sempre animamos a pasar pola libraría a coñecer as novidades, a deterse na lectura de imaxes e texto e non deixarnos levar polo reclamo comercial ou polas dimensións.

Enyd e o bosque esquecido de María Quintana Silva, ilustrado por Silvia Álvarez e publicado por Triqueta Verde na colección "Camiñemos cara a un mundo verde". Porque no bosque están fartos do lixo que lles levan os humanos, o mapache decide comezar a protesta, vaino seguir Enyd e o sapo. Ao chegar á cidade, os veciños secúndanos. Ademais, vai arder o bosque e van traballar por recuperalo. 

Un texto que defende valores medio ambientais. Un libro con grandes ilustracións moi coloristas, realizadas a pastel, que non só enchen a páxina senón que nun caso se abren a ambos lados duplicándose e converténdose en doble páxina.  

Olivia e o clarinete máxico de Francisco Álvarez Koks con ilustracións de Emilio Baz e publicado por mr.momo.es en tres linguas (galego, castelán e inglés) cóntasenos a historia dunha nena que atopa o clarinete de seu avó nun baúl; decide tocalo e cando o fai nun concerto sente que todo se ilumina como nunha milagre.

A editorial Fervenza que nos tiña acostumadas ao teatro, está a publicar relatos ilustrados e álbumes. O porco Farruco de Margarita Fernández, ilustrado por Sabela Cadarso, con algunha rima que non se sitúa no final da liña e unha historia: a do porco namorado da veciña que pensa que non lle corresponde porque está pálido así que decide baixar á praia; ante a cantidade de dificultades que lle van xurdindo el repite:"Seguirei adiante con tal de coller cor  /  Ai, canto se fai por amor...!" Ilustracións dixitais moi evidentes.

Unha ponte para Najla. Construíndo unha ponte de amor entre os pobos de Maite Herrero Ameixeiras con ilustracións de Joseba Plazuelo. A avoa fala cos netos do Libro da vida, de que se pon triste ao ver os sirios fuxindo e acórdase de cando no 1939 un tío seu estivo nun campo de refuxiados francés "porque calquera persoa de calquera lugar se pode converter en refuxiado". Os netos coñecen unha nena siria que acabará indo á súa escola e usan camisetas que levan o lema Open the borders,o irmán ten un soño no que ve como os refuxiados dun lado do mundo se poden atopar no medio dunha ponte de luz cos do outro lado.




mércores, 2 de febreiro de 2022

De cando te volver SUPER

 Ver las imágenes de origen

Susana Sánches Aríns sacou do prelo, en Cuarto de inverno, SuperUlex, unha novela escrita en pequenos capítulos ao redor dunha rapaza que despois dun proceso de quimio adquire unha forza inusitada e con ela unha seguridade asombrosa. Está disposta a facer xustiza, e se Batman ten con el a Alfred, ela vese apoiada pola bisavoa. Ela é quen lle fai o traxe, quen a asesora, quen lle razoa e está sempre aí. Con ela formarán equipo tamén, aquelas rapazas e rapaces aos que vai salvando das gadoupas do terror, deses malos que sempre andan polo medio creando problemas. Coma anxos a bisa e a Susa (a tía), a primeira facendo de anxo malo vingativo se fai falla, Susa politicamente correcta coma un anxo bo, branquiño.

Clara está feita un mar de dúbidas, os seus sentidos moi desenvoltos, unha pel estremadamente sensible,unhas reaccións imprevisibles, unhas ansias de xustiza urxentes, unha tropa fandanga, unha bisavoa e un código ético. Non podedes perder esta oportuidade de entrar nunha historia realmente novidosa na escrita e no contido, na argumentación e na normativa. Nada vos defraudará!

domingo, 30 de xaneiro de 2022

Varios libros infantil en formatos varios

 A caca cuca de Irene Gasalla, ilustrado por Bea Gregores e publicado por Galaxia. Preséntase así: "Poderias contar…cantas cacas de can pisaches? Eu son a CACA CUCA, e a min de seguro que me esquivaches!" Trátase de denunciar aos "porcos e porcas" que non recollen as cacas dos cans; neste caso, fala en primeira persoa unha destas cacas, avergoñada de que o seu dono a deixe tirada no chan, onde calquera pode pisala, onde calquera pode mancharse, onde calquera cousa pode provocar que se estenda e así emporcallar as rúas ou a natureza. Un libro necesario como aquel de ¡Un can no piso! ¿E que? ou Quen recolle as cacas do can? O noso mundo vaise enchendo de merda de can e eles non son responsables, por iso, está ben que a rapazada lle vaia poñendo nome a quen ten ese tipo de condutas. 

As ilustracións de Bea Gregores, máis planas e simples que de costume pretender achegarse aos máis pequenos e pequenas da casa, seguindo o seu estilo propio.

 
A nena de Mario Caneiro con ilustracións de Eva Rieiro, publicada por Medulia. Así a presenta a editorial: "Álbum ilustrado que conta a historia dunha nena a quen, por primeira vez na súa vida, lle regalan unha boneca. A vida na casa da aldea, o fume da cociña, os xogos ó aire libre, son elementos que están presentes neste conto que achega ás nenas e ós nenos ó valor das cousas inmateriais, por riba mesmo dos agasallos." Unhas ilustracións moi especiais, combinadas con fotos para retratar un tempo no que non había xoguetes; daquela, cando o pai lle trae unha boneca de cartón e ela coas présas, por obedecer a chamada da casa ao anoitecer, esquécea fóra, e a boneca desfaise baixo a choiva que cae pola noite. Todo o gozo un pozo... As lembranzas do episodio e, sobre todo, duns días nos que todo era escaso.
 

Bos días, avoa de R.J. Penalta Blanco e Blanca Millán. Preséntase así: "De mañá, moi cedo, espértanos a nosa avoa. Ela vístenos, lévanos á parada do bus, fai o xantar, xoga e apréndenos moitas cousas. Ten moitísimos anos, aínda que non sempre tivo tantos. Quérenos moito, e nós tamén a ela. Queres coñecela?" Pois si, contestamos, queremos coñecer a avoa. Unha avoa que o fai todo, sen descanso, ela atende a casa e ás dúas netas xemelgas, cando remata o día, a avoa continúa traballando mentres agarda polo pai e a nai das pequenas. Cando eles chegan atópana durmida na sala, e mentres a nai lles vai dar o bico de boas noites ás rapazas, o pai leva á avoa no colo ata a cama, porque ela encolle cos anos e está tan cansa... Esa avoa que vai nos brazos do fillo, como unha nena, inspíranos moita tenrura porque ela tampouco esperta ata o día seguinte cando todo comeza de novo.

Esta parella de Penalta e Millán xa nos ten ofrecido obras de moito interese como Acouga, Babau ou Monstro de ollos vermellos. Esta vez, as ilustracións son moi coloristas pero non resultan tan logradas coma nos casos anteriores, esa avoa tropeza un pouco coa nosa visión... e fainos preguntar, que pasa coas avoas? por que a ilustración queda un tanto sorprendida ante elas e a súa representación non nos resulta tan amable como o foi no pasado?

venres, 28 de xaneiro de 2022

Álbums de ceración galega e traducidos

 
Hai que dicilo, o que máis se está publicando é álbum; a onde máis se está mirando é para os máis pequerrrechos e pequerrechas. 

A escola é un bo barómetro, a familia atende, asiste, acompaña, non perde de vista... aos escolarizados en educación infantil. Mentres as crianzas andan por preescolar pais e nais non saen do recinto escolar, acoden cada vez que se lles chama,  están prestos a botar unha man. Despois, as cousas van cambiando. Nas compras pasa igual, nas librarías sábeno e as editoriais tamén, por iso, o que máis se publica é o libro infantil dirixido ás primeiras idades.  

E así van aparecendo novas editoras que nos traen estes produtos:

A miña árbore secreta de David Pintor. A árbore que planta o avó e da que gozan diferentes xeracións; de avó a neta ata que alguén a corta para facer edificios, daquela, a nena volve acordarse do avó. A identidade, a defensa da natureza, as árbores en vez do cemento, a vida que é segada... Un ilustrador que agora crea imaxe e palabra.  

Animalalfabeto de Eva Mejuto e Nuria Díaz en Triqueta Verde. Cada animal, unha letra: a para abella, b para bolboreta... e unha pequena historia con esas letras destacadas, unhas veces rimando e outras non, pero sempre con ritmo. Unha obra ben levada: despois de presentar todas as letras, unha plana de chuvia, porque chove sobre o mundo e cando iso pasa de forma esaxerada, xa sabemos: Noé e unha arca aparecen e... "Xa que imos para un undo novo... que sexa un mundo mellor".

Mamá, de onde veñen os bebés?. De onde veñen os bebés? —pregunta unha nena. As palabras da súa nai, embarazada, convídannos a descubrir como en todas as culturas as respostas se enchen de simbolos e de poesía. Un conto escrito por Caterina Valriu e ilustrado por Toni Galmés, que celebra a diversidade da vida e que nos conecta coa natureza e co misterio." 

Publicado por Hércules para axudar a todas as nais que teñen que responder a esta pregunta, para presentarlles e ler ás súas criaturas, para abordar o tema da vida dende o principio dos tempos. Porque para unha nai embarazada, apoiarse no globo terráqueo é poder falar da vida ao completo, da biolóxica e a cultural, por iso, ten que preguntar a nena (porque quere unha resposta ao máis próximo): "-Mamá, se foses ti, a miña nai, que me dirías? -Ela está aquí dentro do meu ventre, a túa irmá". E as gardas, con bebés voando e movéndose polo espazo en branco, coma anxos nun ceo, como formas de vida na natureza...