xoves, 13 de outubro de 2022

De bruxas e outros oficios

Non sempre fun unha bruxa de José Carlos Román e Blanca Millán, na colección Mini - Cumio, vén sendo un destes libros que nos achegan aos que atopamos en todos os idiomas e nas librarías dos aeroportos. Libros que dende as cubertas ao papel, as ilustracións, paratextos, deseño... nos colocan nunha parte do comercio máis doada. Pastas duras, papel groso, imaxes moi coloristas e do gusto da rapazada, gardas chamativas (dun lado diferentes tipoloxías de botas acaídas para bruxas e da outra retratos de diferentes bruxas dos contos), o índice coa presentación dos capítulos en plan cartel (imaxe, título...) e a historia dunha nena que nace cunha verruga na cara, que é de familia de bruxas pero que non ten marcado o destino, de feito tenta ir a unha escola de fadas pero acaba nunha de bruxas, aí -como en todas partes hai amigas e inimigas-, proba en diferentes traballos e non resultan e remata no cine, unha famosa!!!!

martes, 11 de outubro de 2022

Dous libros para primeiros lectores

O paraugas de Cebra de David Hernández Sevillano e Anuska Allepuz, traducido por Maruxa Zaera e publicado por Nubeocho.

"O paraugas de cores de Cebra é máis grande do que parece. Cando empeza a chover, Cebra abre o seu paraugas de cores. Convida a Gacela, Rinoceronte e Lebre para que non se mollen. León tampouco quiere mollarse. Haberá sitio para todos?" Cado escampa, danse conta de que o paraugas ten moitas cores para que todos o podan atopar canndo chove, si, hai espazo para todos porque compartir é o que ten, amplía a capacidade e os sentimentos, a amizade fai que todo funcione mellor e baixo a chuvia tamén se pode ser feliz.

Planeta. Un lugar onde vivir de Susana Peix e Marta Montaná, traducido por Iolanda Mato e publicado por Cumio. O planeta Q é pequeniño, xira arredor de tres soles e sempre é día. Nel vive Zeta que se cre o único habitante (pero hai máis quemianos). Zeta non pode durmir e anda malhumorado e protestando, busca tesouros para construír unha nave e fuxir de Q a outro planeta. Un día aparece unha nave, e nela Delta (unha nena), que ten problemas coa nave, anda na busca de repostos para amañala. Daquela aparecen o resto dos quemianos e lévano á montaña dos tesouros de Zeta. El xa se dou conta de que non está só neste planeta e cando Delta amaña a nave e o convida a marchar, é el quen a convence para que quede. Unha aprendizaxe: porque non sempre vemos o que temos diante, porque o humor é algo a traballar, porque a compañía pode ser agradable, porque a felicidade está no que tes... Moi boas ilustracións!



luns, 10 de outubro de 2022

De pandemias e confinamentos

Un novo libro, ademais de Quero saír! de María Canosa e algún outro. Dende o meu balcón de Susana López e Nina Bach, publicado por Excellence editorial, coa corrección lingüística e de estilo por parte de Cuarto de inverno.

Un neno conta, en primeira persoa o seu tempo de confinamento e rmata coa descuberta de que os sanitarios son os superheroes e superheroínas que loitan contra a enfermidade. Así o presentan: "Hai uns días que a mestra díxonos que non volveriamos á escola ata que non marchara o coronavirus. Ao principio, imaxinei que era un monstro peludo, pero descarteino enseguida porque, coma nos contos, un superheroe xa nos tería salvado. Logo pensei que podía ser un extraterrestre, pero tamén o descartei porque, coma nas películas, algunha heroína valente con poderes máxicos xa o teoría destruído. Porén, cando me explicaron que era un virus... Carai, un virus... Pois tamén fiquei tranquilo porque, coma nos contos e nas películas, había heroes e heroínas que traballaban para combatelo."  

Boas ilustracións, especialmente aquelas nas que se recolle o rapaz en primeiro plano e tamén os planos xerais nos que se ven os balcóns do barrio, cada un ocupado polos seus habitantes, facendo o que é propio de cada un. Ben levada esa necesidade de buscar alguén "superior" que nos salve; de todos xeitos, nalgún momento haberá que traballar esa realidade de cidadáns facéndose cargo dos problemas, claro que os protagonistas colectivos sempre son máis complicados, e xa bo é ver a eses sanitarios coas capas.

Unha vez máis atopamos dificultades para acceder á presentación en galego, tanto dende a editorial como nas páxinas de librarías.

sábado, 8 de outubro de 2022

Novos libros infantís de Uxío Novoneyra

 

En vida, Uxío Novoneyra publicou tres libros infantís (O cubil de Xabarín, Gorgorín e Cabezón, Ilda, o lobo, o corzo e o xabarín) grazas a Xulio Cobas que por entón andaba por Edelvives e se dou conta da riqueza do poeta do Courel, tamén para a rapazada. 

Agora, moito tempo despois, descubrimos catros xoias que publica a Fundación con ilustracións de Miguel Robledo e aos que podmeos acceder tamén na voz de Elba Rey, Manuel Jabois e Nieves Neira. Unha pequena presentación fala de Roxín Roxal e os seus contos, de cando andou polo mundo da terra e o ceo recollendo aventuras e alimentando memoria. Un voabulario para axudar a entender o léxico do autor, o xogo coa súa caligrafía

Contos de Roxín Roxal é un pack de sete contos de Uxío Novoneyra ilustrados por Miguel Robledo. Os xa coñecidos: O cubil do Xabarín, Gorgorín e Cabezón, Ilda, o lobo, o corzo e o xabarín e os novos:  A cabana de Sancor, Lucín e as paxarelas, Colorín e Mirabrouco e Vagaface, Brumalión e o can de pedra. E tamén: "Audiolibros lidos por escritores de referencia que acompañan a primeira edición completa da colección de contos inéditos de Uxío Novoneyra Contos de Roxín Roxal, composta por “Vagaface”, “Colorín e Mirabrouco”, “A cabana de Sancor” e “Lucín e as paxarelas”.

A cabana de Sancor cóntanos como conseguirán ter unha nova casa (o neno e seu pai) gardando a antiga para non perder aos animais que por alí andan e que o pequeno ten por amigos. Trátase das toupas, os grilos e os gorrións. Trátase de conseguir algo máis de terra para ampliar a cabana e de ver como os animais os axudan. 

Lucín e as paxarelas. Neste caso, preséntase todo texto en maiúsculas para contar a historia do pequeno que se vai detrás das bolboretas, menos mal ao caer a noite o atopan seus pais ao pé dun cruceiro onde as paxarelas se pousaron para durmir nas mans de pedra do cristo.

Vagaface, Brumalión e o can de pedra. Brumalión busca á moza Vagaface, tenta esculpila en neve; Can de pedra, o penedo... Esa busca. "Brumalión sentiu como se houbera perdido todo canto tiña, e como un berro lonxe. E outra vez esa coñecida e aceptada tristura de todas as perdas -o eterno elexíaco- mesturada co seu ensoño e misterio, duda e busco, que lle graban a mirada i as poucas verbas." O poder das palabras propias, daquelas gardadas ao longo dos séculos,

Colorín e Mirabrouco. O positivo e o negativo, a luz e a sombra, a primavera e o inverno. Dous mundos contrapostos: o neno Colorín cos primachorros  chamando a primavera, Mirabrouco cos alacráns buscando o negror, o ben e o mal...

Que nunca se esqueza o galego do Courel, dixo o poeta.

xoves, 6 de outubro de 2022

Un libro ben orixinal

O garabato e o escritor é un deses libros novidosos, interesantes; deses que resultan unha descuberta como cando atopas algo inesperado. Pois si, cando aparece un destes álbumes entendes que é necesario, que non é máis do mesmo e, moito menos, un innecesario gasto en papel (que os hai e todos/as o sabemos). Aí é onde está o papel do editor, en escoller o que ten calidade e limalo para conseguir que teña aínda máis, non en aceptar todo o que chega pola porta e darlle carta de identidade, poñer ao servizo do ego ou dos cartos o nome da editorial.

Da autoría de Miri Leshem-Pelly, traducido por Raquel Mosquera e publicado por Picarona. Así o presentan: "A viaxe de Garabato empeza nunha tranquila beira chamada PRINCIPIO e segue por unha silvestre e arriscada METADE que conduce definitivamente a un FINAL, aínda que nada diso era o que Garabato realmente esperaba… Garabato é un Garabato e Escritor é un Escritor, pero, en realidade quen conta o conto?"

 En realidade o libro é un diálogo entre o escritor e o garabato, entre o creador e a obra creada, entre os dous Frankenstein, e aquí como alí, a obra quere compañía, non quere seguir só, por iso espoleado polo autor, Garabato debuxa a Manchiña e dálle a benvida ao seu conto. Ese xogo entre o creador e a obra creada vese enriquecido na parte icónica con intervencións diferentes que van da liña á mancha, do debuxo á pintura e a fotografía: ese lapis, pincel, afila, celo e goma son os que en realidade crean a obra, tal vez por iso son reais. Por outra banda, o artista actúa coma un mestre que orienta "estou aquí para axudarte a crear a túa propia viaxe", que lle propón retos, que o anima a superar os medos e o convence de que é quen de atopar as respostas ás preguntas que lle xorden e así vai superando dificultades e atopando novos camiños (pode construír un barco coa folla onde o escritor escribiu "Ti podes" e así atravesar o río das preguntas). Garabato vai avanzando, collendo confianza en si mesmo, tendo ideas e colléndolle o truco a esa viaxe quer dende o principio ten un obxectivo "Gustaríame facer un novo amigo" di Garabato, e iso é o que sucede ao final, que o constrúe. A maiores, Garabato podería ser Garabata pois leva tacóns e algo semellante a un colar e, que é Manchiña?

Un libro que nos fai pensar, que nos remite aos vellos mitos e á mestura de técnicas, un libro como non coñeciamos outro, que igual fala da maternidade / paternidade, igual do pintor e a modelo, igual dos camiños da vida... Unha das mellores obras que chegou ás miñas mans ultimamente.

luns, 3 de outubro de 2022

Un novo libro de Xosé Iglesias

Despois de Nación mar, o libro no que os cetáceos se converten en naves ou viceversa, Xosé Iglesias publica unha nova obra (Luces da Costa da Morte. 12 postais dende a fin do mundo. 12 poemas oceánicos) na que estes animais e os faros da costa da morte se fan protagonistas. Autor e ilustrador, poemas ao redor de cada un dos faros e ilustracións que poden ser postais e tratarse como tales.

Un novo formato de libro, despois da orixinalidade do anterior. Con el imos percorrendo unha ducia de faros de poemas: o das Illas Sisargas, Punta Nariga, Roncudo, Laxe, Cabo Vilán, Punta da Barca, Touriñçan, Cabo Fisterra, Cabo de Cee, Carrumeiro, Illa Lobeira e Lariño.   

O autor, home de mar (patrón de pesca e de costa, armador do buque Primero Villar), con poemas "feitos dende o océano" e estes libros nos que as palabras veñen ao par das imaxes, e todo da súa man.

Edición de Bululú

sábado, 1 de outubro de 2022

E... varios máis da mesma autora e ilustradora

Un universo na túa maleta de Ana Meilán e Silvina Eduardo.  Así se presenta na editora: "Na vida hai un momento en que que algo fai clic e un universo enteiro ábrese ante ti. Peter quere viaxar como fan os seus pais, percorrer o mundo e mesmo sentar nunha estrela, pero o que non imaxina Peter Panker é que todas esas viaxes están a esperalo tras as tapas dun libro. Con maleta en man e pasaporte cuberto, convértese nun explorador de contos despois de visitar a “axencia de viaxes” máis bonita da súa cidade. E ti, cantas viaxes fixeches? Prepara a equipaxe, ponlle un selo ao pasaporte e descobre un universo… entre libros.  (Os libros levan un pasaporte na última páxina para poder rexistrar todas as «viaxes»)". Cunha ilustracións, coa técnica do colaxe, bastante barrocas, cóntansenos que a Peter non lle gusta ler a pesares da cantidade de libros que ten no seu cuarto; el escoita emocionado aos pais falar de viaxes e un día, cabreado, dilles que quere viaxar con eles e os datos que lles dá acerca desas excursións son do Quixote, O Principiño, Peter Pan...  O valor da lectura. O pasaporte lector do que tanto saben as bibliotecas escolares! 



Quen vén esta noite? de Ana Meilán e Silvina Eduardo. De novo as ilustracións son de colexes aínda que esta vez teñen máis aire e resultan menos atiborradas. Esta é a historia do rato Pérez e de como precisa da axuda dos seus fillos e o diferentes que estes son. O máis vello é tradicional e coma o pai vai deixando moedas, o segundo deixa libros debaixo da almofada e a terceira deixa as cousas máis dispares. Por iso, cando vexas o que hai onde antes deixastes o dente... saberás quen che visitou. 

 

As chaves dos soños de Ana Meilán e Silvina Eduardo. De novo as ilustracións con colaxes e de novo un conto, este contado en primeira persoa. Os soños espertan coa primeira estrela que brila no ceo, cada un de nós ten unha estrela especial. Hai veces nas que non queres espertar e hai veces nas que non queres durmir, por iso, o mellor é o que fai a nai ao entregarlle as chaves dos soños. Así, cada noite ha de escoller unha chave e metela debaixo da almofada, daquela brila unha estrela para ela e comeza o soño, pero este ás veces é un pesadelo que che fai caer por un burato abismal (tanto que o libro cambia de sentido), ten moito medo, pero ao agarrar a chave sabe que todo vai ir ben, e xa non ten medo nunca máis porque ten moitas chaves que abren a porta dos soños cando alguén fai brilar unha estrela para ela.

O meu desexo é... de Ana Meilán con Raquel Rodríguez e Silvina Eduardo (debuxos e colexes). No calendario da cociña van anotando cousas pendentes. Oli, a protagonista está de cumpreanos, despois de que a familia o prepare todo chegan os convidados. Alí están as persoas que máis quere; recibe os seus agasallos e antes de soprar as velas... pídenlle que pense nun desexo. Pensa, pensa... no que pediría cada unha das que está diante (a tía quere ter tempo para ler toda a súa biblioteca, o pai quere que todos os seus desexos se cumpran...). Oli sopra pero non di o seu desexo porque se o fixese non se convertería en realidade.