venres, 27 de outubro de 2023

Aí vén o samaín (I)

Chega o samaín e con el as lecturas de medo (ou non tanto) para o que lembraremos algúns dos textos ad hoc:

O noso samaín de Galaxia

Indo para o Samain de Sabela e Carlos Labraña

A serie dos Minimortos, Vampira de biblioteca ou Esmeraldina, a pequena defunta e Escarlativa, a cociñeira defunta de Ledicia Costas, publicados por Xerais.

Publicados por Kalandraka: Os esqueletos divertidos1 2 3 vampiro ti es, Sete monstros e un gato... Este último acaba de chegar ás librarías, con texto de Rafa Ordoñez, coas ilustracións características de Christian Inaraja,  traducido por Xosé Ballesteros para a colección Demademora. Un conto de mostros, acuulativo ou máis ben restante pois os monstros vanse perdendo de un en un ata queda o gato soíño, disposto a loitar contra todo tipo de perigos ata que baixo a tormenta volve á casa, cea a carón da chimenea e ponse a ler un libro, sabes cal vai ser?... Ese mesmo! para que o conto non tiña fin.




mércores, 25 de outubro de 2023

Monstr3s de Laura Parrula e Óscar Villán

Monstr3s de Laura Parrula e Óscar Villán é unha boa historia que nos fala dos medos, do temor ante "o outro", o descoñecido ou descoñecida e a amizade que salva todas as dificultades.

O pai ou a nai, arroupa e despide ao pequeno ou á pequena, un ten medo do que hai debaixo da cama, outra do que hai enriba da cama e outro ao que hai fóra do armario, as conversas son marabillosas de tan doces:

"Como cada noite, chega a hora de durmir

- Boas noites, meu amor.

- Boas noites, papi.

-Lavaches os dentes?

-Si!

-Gustouche o contiño?

-Si, moito!

-Pois agora, a durmir!

-Vale, pero deixa a luz acesa porque teño medo do monstro de debaixo da cama.

-Eu deixo, pero ti durme tranquilo, meu ben, porque debaixo da cama sabes que non hai nada de nada. 

E cun bico na fronte o pequeno quedou pracidamente durmido. "

E o final: grandioso, de verdade!!!!  Non vos apetece lelo despois deste bocado?

domingo, 22 de outubro de 2023

Un cómic de Queipo & Primitivo

 

O paso do Noroeste de Queipo & Primitivo é unha boa banda deseñada desas de debuxo clásico, só coas elipses necesarias, e branco e negro, publicada por Galaxia.

Preséntase así: "No século XVIII un buque francés ao mando do capitán Duchesnoy inicia unha épica travesía na procura do mítico paso do noroeste, unha ruta entre o Atlántico e o Pacífico a través do Ártico. Un relato pleno de aventura, emocións, descuberta e coñecemento."

Unha novela gráfica que bebe da novela do mesmo título coa que ganou o premio García Barros en 1996.  Expedición científica, a honorabilidade dos antigos capitáns que levan unha carta sen abrir ata chegar a un lugar determinado e alí, ao lela descobren que as ordes levan outra dirección e a misión cambia, pero máis alá de todo iso está o naufraxio e a volta a Europa para atopar que o mundo cambiou e xa non hai lugar para alguén coma o capitán Duchesnoy.

venres, 20 de outubro de 2023

Novo premio Fina Casalderrey de Literatura Infantil pola Igualdade

O novo premio Fina Casalderrey de Literatura Infantil pola                    Igualdade acaba de publicarse.

 E que vai ser? de Adelaida Vidal, ilustrado por María Montes e publicado por Baía. Despois de A reconquista e Vermella, de O país do Gran Furado e A pita xefa, chega agora E que vai ser?

Así se presenta:"Unha bebé escoita desde o inicio da súa xestación como a nai ten que responder da forma máis sorprendente a familiares e amizades as preguntas que lle fan sobre que vai ser ela unha vez naza. Tanto importa? Obra gañadora do IV Premio Fina Casalderrey de Literatura Infantil pola Igualdade (2023), polos motivos que indica o xurado: E que vai ser? é unha historia divertida, contada en verso, que posibilita o diálogo entre a familia e as crianzas nas primeiras idades.
Empregando maxistralmente a linguaxe inclusiva e facendo un hábil uso do humor e a retranca, esta obra fainos reflexionar sobre os estereotipos de xénero que proxectamos nas e nos bebés desde o momento da concepción. Cun final inesperado, E que vai ser? mantennos ao longo das súas páxinas un sorriso cómplice e esperanzado que nos fai repensar como nos enfrontamos aos estereotipos antes mesmo de nacer e lembra que somos persoas e non tanto xéneros."

As ilustracións achegan unha riqueza que parte da imaxe ao pé da letra para avanzar nun imaxinario propio de adobíos e telas, plasmación visual de metáforas, asociacións e introdución de novos personaxes, un mundo propio e recoñecible no que a imaxe dese bebé do que non sabemos o sexo se proxecta en cada páxina, o peluche aparecendo cando a nai lle di "Que ganas de coñecerte!". So daquela, cando remata o conto sabemos que é unha nena, pois a linguaxe foi tan escollida que en ningún momento o puideramos adiviñar. 

domingo, 15 de outubro de 2023

Novela xuvenil de Félix Caballero e conto rimado de Ramón Romero

O tesouro do casqueiriño de Félix Caballero está ilustrado por Evaristo Pereira e publicado na colección Árbore de Galaxia. 

Da presentación editorial: "A procura dun tesouro agochado polos mouros na praia ribeirense do Baluarte, levará a un feixe de rapaces a descubriren a historia e a paisaxe da zona e, sobre todo, o valor da amizade. Guiados por O Ciprianillo, un vello libro que se tiña por máxico, explorarán algúns dos lugares máis misteriosos da contorna."

Unha familia monoparental de profesora e fillo adoptado, unhas vacacións en Palmeira, o grupiño de amigos e O Ciprianillo que se pon a man para facelos ricos. O libro dos tesouros fala dun tesouro que está agachado perto, só hai que conseguir as catro chaves que o poden abrir, unha está na congostra da Carballa, outra na Pedra das Cabras, outra na Pedra da Ra e a última no castro da Cidade. Unha busca fatigosa que os distrae e un tesouro que, terán que interpretar porque non só é rico quen ten moitos cartos.

Unha novela infantil coa que viaxar pola zona do Barbanza, o territorio dos mouros e a prehistoria, as lendas e mitos dunha comarca.

O seu autor é un xornalista experto en humor que te realizado a súa tese sobre Xaquín Marín. 


A abelliña que perdeu as ás é un conto rimado de Ramón Romero Nogueira está ilustrado por Uxía Pin e publicado na colección Merlín de Xerais.

Que disgustazo ten a abella!!! Perdeu as ás. Anda na súa busca por toda a casa, polo bosque... pregunta a quen atopa: unha vermiña que lle manda que pregunte á ra, esta diríxea ao can e este ao gato, este mándaa xunta o xabarín e este á loba, ata que a araña lle di que lle pregunte á nai "Miña naiciña querida, / non sabes que me pasou! / Teño as miñas ás perdidas / e ninguén as atopou." A nai ben sabía onde estaban...

O autor iniciou o proxecto de audiolibros en liña Léocho. Audiolibros en galego.

venres, 13 de outubro de 2023

Unha nova obra de teatro

Os contos do Lobicán de Eva Mejuto obtivo o XV Premio Barriga Verde de textos para teatro de monicreques 2022. Aparece agora publicado por Baía con ilustracións de Sofía Venzel

Da presentación editorial: "Os contos do Lobicán é unha proposta estética adaptada con rigorosidade ao teatro de monicreques; unha historia en verso, áxil, divertida e atrevida que busca darlle a volta ao conto, que combina personaxes e universos temáticos propios dos contos clásicos con temáticas de actualidade, nomeadamente o respecto pola natureza e a convivencia pacífica e respectuosa entre os seres humanos e os animais."

Personaxes dos contos tradicionais (lobo, avoa, carapuchiña ou Xiana...) nunha historia contada doutra maneira porque agora é o lobo quen vai á casa do avó e debe ter coidado cos humanos que poden aparecer no bosque. Xogos de palabras, rimas, cancións... fan da obra unha representación feliz. 

xoves, 12 de outubro de 2023

Parque de atraccións. A fábrica da caca

Parque de atraccións. A fábrica da caca. Bo menú da boca ao cu de Marja Baseleer e Annemarie van der Brink con ilustracións de Tjarko van der Pol está traducido por Antón Vialle e María Alonso Seisdedos e publicado na colección Preparados, listos... xa! de Hércules de Ediciones

Da presentación editorial: "Catia e Caio converten a Fábrica para a Investigación da Caca e os Intestinos nun parque de atraccións, para que poida permanecer aberto. Un libro no que descubrirás todo tipo de datos sobre alimentación saudable e todo o relacionado co teu estómago, intestinos e caca. Ten moitas ilustracións a cor, tarefas e cuestionarios. Para ler con axuda a partir dos 5 anos aproximadamente, autolectura a partir dos 8 aos 10 anos aproximadamente."

Nas gardas temos un catálogo a modo de vocabulario visual de todo tipo de excrementos. A historia dun neno e unha nena que teñen o pai traballando na fábrica da caca, vaille mal e eles despois de visitala, tramo por tramo, deciden axudarlles converténdoa en parque de atraccións. Un xogo,pois hai uns elementos que debemos buscar en cada ilustración: paxaro, can cagando, esqueira, peixe e rato. Un concurso con catro alternativas para cada pregunta. Unhas explicacións que aparecen ao final a modo de hipervínculos. Un traxecto, da boca ao ano para entender como funciona a dixestión. Un divertido libro de ficción e información.

Gusto polo escatolóxico