Amosando publicacións coa etiqueta Xerais.. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Xerais.. Amosar todas as publicacións

mércores, 25 de xuño de 2025

Unha novela xuvenil


Queridas pantasmas de Alba de Evan está publicada na colección Fóra de Xogo de Xerais.

Da presentación editorial: "Amelia múdase a unha nova vila fuxindo do seu pasado, mais... podemos escapar do que axexa no noso maxín? Entre as paredes do seu novo fogar descobre que a amizade pode transcender a morte, e que, como pasa con todo o importante, as rosas non son tan doadas de coidar como parece." 

Uns capítulos curtos con títulos moi interesantes introdúcennos nunha historia que de vez en cando nos confunde como falar dunha aldea que é concello e ten un CPI. A presenza da música, toda en inglés. Unha carga que trae a moza protagonista dende a vila da que vén e que se nos explica moi avanzada a novela o que lle confire un certo misterio, unha relación coa pantasma que vive na casa á que se mudan e que nos trae unha relación homosexual en tempos difíciles e unha evolución cara a madurez, a súa relación cun mozo que nos sitúa nunha panda de rapaces machistas que semella ben refletida, os enfados coas amigas que case sempre resultan inxustos ou pouco coherentes, un final ao que lle resulta difícil poñer a palabra fin... Accidente, valentía ou cobardía, psicóloga, o coidado das rosas, os malentendidos nas relacións persoais. As pantasmas que nos acompañan e nos condenan a castigarnos ou aquelas outras que nos acomapañan e nos apoian. 

venres, 3 de xaneiro de 2025

Unha de detectives e misterio

A maldición do papiro alexandrino de Beatriz García Turnes está publicado na colección Forá de Xogo de Xerais.

Da presentación editorial: "Nadal de 1918. Ao finalizar a Gran Guerra, Atenea Donadieu regresa a Francia para iniciar os seus estudos universitarios. Axiña, a súa intelixencia e os seus coñecementos chaman a atención na Facultade e levan a súa compañeira Olga Aleksandrova a facerlle unha encarga moi especial: debe axudarlle a recuperar un antigo papiro roubado. Deste xeito, Atenea non só lle fará un gran favor á súa nova amiga, senón que evitará o cumprimento da maldición que ameaza o novo dono do manuscrito."

Unha historia que bebe no misterio e a maldición que semella cumprirse, unha época complicada con crise incluso nos países vencedores, a volta das colonias á metrópoli, unha familia na que mortra a nai viaxa co pai polo mundo na busca de tesouros arqueolóxicos, a entrada na universidade cando eran moi poucas as mulleres que o facían, a aristocracia rusa fuxida en Francia, a recomendación de que como muller non debe destacar pola súa sabiduría ou non vai haber ingún home que queira compartir o futuro con ela, unha oza proactiva e disposta a enfrontar calqueraproblema ou dificultade como a dúbida que a ataca a respecto do traballo de seu pai... de todo isto hai e tamén un final que pode sorprendernos porque, que fai o teatro no medio dunha historia detectivesca? 

Personaxes históricos como Alexandre o Magno e obras clásicas como A Iliada  achegan riqueza ao texto.

domingo, 15 de outubro de 2023

Novela xuvenil de Félix Caballero e conto rimado de Ramón Romero

O tesouro do casqueiriño de Félix Caballero está ilustrado por Evaristo Pereira e publicado na colección Árbore de Galaxia. 

Da presentación editorial: "A procura dun tesouro agochado polos mouros na praia ribeirense do Baluarte, levará a un feixe de rapaces a descubriren a historia e a paisaxe da zona e, sobre todo, o valor da amizade. Guiados por O Ciprianillo, un vello libro que se tiña por máxico, explorarán algúns dos lugares máis misteriosos da contorna."

Unha familia monoparental de profesora e fillo adoptado, unhas vacacións en Palmeira, o grupiño de amigos e O Ciprianillo que se pon a man para facelos ricos. O libro dos tesouros fala dun tesouro que está agachado perto, só hai que conseguir as catro chaves que o poden abrir, unha está na congostra da Carballa, outra na Pedra das Cabras, outra na Pedra da Ra e a última no castro da Cidade. Unha busca fatigosa que os distrae e un tesouro que, terán que interpretar porque non só é rico quen ten moitos cartos.

Unha novela infantil coa que viaxar pola zona do Barbanza, o territorio dos mouros e a prehistoria, as lendas e mitos dunha comarca.

O seu autor é un xornalista experto en humor que te realizado a súa tese sobre Xaquín Marín. 


A abelliña que perdeu as ás é un conto rimado de Ramón Romero Nogueira está ilustrado por Uxía Pin e publicado na colección Merlín de Xerais.

Que disgustazo ten a abella!!! Perdeu as ás. Anda na súa busca por toda a casa, polo bosque... pregunta a quen atopa: unha vermiña que lle manda que pregunte á ra, esta diríxea ao can e este ao gato, este mándaa xunta o xabarín e este á loba, ata que a araña lle di que lle pregunte á nai "Miña naiciña querida, / non sabes que me pasou! / Teño as miñas ás perdidas / e ninguén as atopou." A nai ben sabía onde estaban...

O autor iniciou o proxecto de audiolibros en liña Léocho. Audiolibros en galego.