mércores, 17 de xullo de 2024

De Rosalía

 

Un poema de Rosalía: "Miña casiña, meu lar" e as ilustracións de Blanca Millán nun álbum ilustrado de Galaxia.

O texto na versión orixinal o que dificulta algo pola diferenza de normas ortográficas. As ilustracións moi expresivas e características da ilustradora, con certas chiscadelas á arquitectura e vexetación... un xogo entre o vello e o novo (esas roupas, tendas e produtos) fronte ao pote do caldo. Esas cores vivas fronte a unha historia triste. Non vai deixar indiferente!

Preséntase así: "A loita pola supervivencia dos máis necesitados, a avaricia dos podentes, e malia todo a alegría por vivir e superar todas as adversidades da muller protagonista cociñando un humilde caldo de gloria e un bolo de pote. Todo isto está no reivindicativo poema de Rosalía de Castro que Blanca Millán ilustra neste libro, con mestría."

martes, 16 de xullo de 2024

Cinco ratiños de María Girón

Cinco ratiños de María Girón traducido por Manuela Rodríguez, publicado na colección Demademora de Kalandraka.

Da presentación editorial: "Guiados por Félix, cinco ratiños saen do seu tobo na procura de comida. Un a un irán atopando saborosos manxares, pero o perigo axexa… Un álbum ideal para contar cara adiante e cara atrás, que remite aos grandes temas e estruturas da tradición oral." 

Félix semella coidar dos seus catro irmáns, el é quen decide seguir un rico olor acaído para a merenda e dilles que vaian con el, pero deseguida unha delas atopa un caramelo e alí queda, outro fica cun floco de millo, outria entre amorodos, outro queda comendo galletas e só Félix continúa, con tan mala pata que remata na barriga do gato (seguindo ese rico olor a queixo)... daquela vai comezar a conta atrás co eructo do gato que devolve a Félix cun anaquiño de queixo e vai recolledo aos irmán un a un ata o tobo. Rematou ben a aventurae todos xuntiños botan unha soneca. Aí fica a felicidade, nese adormecer xuntos despois da aventura. 

Acumulación, contar e descontar, aventura, eses animais tan queridos polos pequerrechos (polo menos nos contos): os ratiños, a compañía dos iguais... A natureza, os obxectos cotiáns do mundo dos humanos que aparecen nas gardas e nas ilustracións.

domingo, 14 de xullo de 2024

Varios álbums

Non o fagas, Tarbi! de Ana Meilán e Agustina Mattar na editorial Entrenubesycuentos.

Preséntase así: "Tarbi é o rato máis ousado da camada e, a pesar de que a súa nai e os seus irmáns o advirten dos perigos alén do burato, a súa curiosidade empúxao a saír. Este SI é un libro PARA: para falar das mentiras, para falar do egoísmo, para falar do “xa cho dixen”…Ou non? Agarda, talvez sexa un libro PARA: para rir, para fisgar, para ler e reler…Unha, dúas, tres… Hai algo que ti non ves. Revísalo outra vez? Ou vas quedar coa primeira impresión?"

Unha familia de ratos, a porta á súa casa na cociña dunha familia de humanos, mamá rato avisa sempre do perigoso que é achegarse á porta porque che pode pasar de todo (que che dean coa escoba, que che envelenen, que che g¡fagan caer nunha trampa, que che atrape un monstro que miaña... como Tarbi non é bo escoitando consellos non lles fai caso. O diálogo entre este rato e os irmáns conduce a historia, enchéndose de repeticións creando un ritmo que axuda a avanzar e nos levan ata un final non sei se inesperado ou non, un final que aínda puido ser peor, ou non?

Barxilón no mar do latón é un álbum froito dun proxecto educativo ("Porque un libro é unha obra de arte") que levan a cabo cinco centros de ensino (tres IES e dous CEIP) e que acadou o premio Proxecta Innovación. Un proxecto que nace dunha ilustradora, Luz Beloso, disposta a traballar non só co seu alumnado senón a camilñar da man con profesorado e alumnado de diferentes centros educativos. En base a pareados cóntase a historia dun pequeno mexilón que soña con ser músico.

venres, 12 de xullo de 2024

Teatro para adolescentes: Premio Roberto Vidal Bolaño 2022

 

Entre o pouco teatro que se publica para adolescentes, temos que contar co Premio Roberto Vidal Bolaño que convoca o concello de Porriño, a editorial Galaxia e o IES Ribeira do Louro. Neste 2022 resultou ganadora a obra de José Luis Baños de Cos, Lume. El xa  obtivera este premio anteriormente con A cámara escura, sobre o ciberacoso. Esta vez, consígueo, de novo, cun texto sobre un adolescente convertido en asasino pola presión do grupo.

Ai! a adolescencia, ese lume interior, esa rabia de non entender, esa falta de axuda dende a familia e a escola (que andan, case sempre tan despistados como a mocidade). Os pais co fútbol, as nais agardando a que unha moza faga por eles o que é case imposible, o grupo de iguais apoiando o menos axeitado, os finais de festa nas discotecas e lugares do ocio de última hora, o enfrontamento co profesorado como maneira de ganar o respecto da panda  e o lume consumindo todo nun incendio insoportable do que saes queimado... cando saes. As redes xogando contra un, o racismo reverdecendo, a estrema dereita e os medios de comunicación centrando aí o problema porque non hai nada como buscar o inimigo fóra... De fondo, iso que xa sabemos, o doado que é o "accidente", o mal paso, a ruptura da realidade que dun momento a outro nos enfronta a unha vida paralela coa que non contabamos.

A pesar da cantidade de premios que se convocan, ben vemos que para teatro son imprescindibles para poder contar con textos. Quizás o que deba preocuparnos é que sempre se presenten os mesmos autores e autoras, como se estivesen abonados.

mércores, 10 de xullo de 2024

Gatos e política

O día que choveron gatos de Eva Mejuto resultou ser finalista do premio Merlín de literatura infantil. Aparece con ilustracións de Susana Suniaga, publicado por Xerais.

Así se presenta: "Catarina múdase desde a gran cidade a unha pequena, gris e aburrida vila, ou iso pensaba ela. Aínda por riba, o propietario da vivenda onde se instala coa súa familia é Ovidio Lema, un personaxe desprezable que se presenta ás eleccións municipais polo PAI: a plataforma antianimalista que pretende acabar cos gatos da rúa. Catarina ponse a traballar pola súa conta para boicotear a campaña, convencida de que só ela pode salvar os animais. Pero un día van chover gatos e Catarina decatarase de que unha persoa soa non pode cambiar o mundo, pero en boa compañía pode, polo menos, intentalo"

Certamente o resumo está perfecto. O que a min me chamou a atención foi a demostración de que as cousas non son sempre como nos semellan a simple vista. O que Catarina pensa que é un abusón acosando a un compañeiro e roubándolle o bocadillo seica non é tal, as persoas que forman parte do comando G de contraataque fronte ao PAI, todos os xogos de palabras con PAI (PAIfoco, PAIfoquiño...), a manipulación da opinión pública, o control sobre a cidadanía, a montaxe do poder dende a escola á proxección da cidade, dos medios de comunicación á propiedade da fábrica e os terreos, do poder económico ao político cara unha ditadura.... Unha novela longa e infantil que será moi apropiada para os clubs de lectura pois dá moito para falar e comentar. 

martes, 9 de xullo de 2024

Volver aos reises e as outras Idades

O reiciño de Galiza de Víctor Hugo vén da man de Inacio e Iván Suárez.

Houbo un reino tan tan descoñecido que del falaban os de fóra, os de dentro esqueceran que algún día foi reino e os veciños rían se alguén o nomeaba. Era o de Galiza, se non que llo pregunten a Heitor Picallo ou a estes autores de banda deseñada que foron beber na fonte francesa de Víctor Hugo. E así souberon que o rei Nuno de quince anos foi secuestrado por dez infantes traidores que son tíos aos que o vello rei García e pai lles encargou coidalo. Andan a cavilar se entregalo a un rei sarraceno, pechalo nun mosteiro ou guindalo a un pozo. Nestas, chega un cabaleiro de brillante armadura, é Roldán, sobriño de Carlomagno, paladín de Francia, coa espada Durandal. Libera a Nuno que cabalga no cabalo branco ata a casa (Ao caer a tardiña apareceu Compostela, o cabalo cruzou a ponte que entra, e alí, á beira dun río de cumprido caudal, ollou o neno orfo o paraíso natal) mentres Roldán pelexa contra todos e cando lle cae a armadura descobren que é unha muller...

Unha historia ben antiga contada en rimas.  

A modo de colofón unha cita de Víctor Hugo: "A verdade é similar ao sol: non se deixa ver, mais fai velo todo"

Da presentación editorial: "Nunha Galiza en tensión por manterse como reino independente, sete infantes raptan a Nuno, o primoxénito do rei García II, inicia unha aventura de rescate sen freo que deixará como rastro un río de sangue. A traizón a un rei ten un prezo.
Inacio e Iván Suárez adaptan de xeito maxistral esta obra dunha das mellores plumas do romanticismo, Victor Hugo, que fixou a súa mirada no derradeiro rei de Galiza para rimar un relato épico e poético que resulta imperecedoiro e fresco. Le petit roi de Galice, publicado dentro da obra magna de Hugo La légende des siècles, recuperada a tradición medievalista dos autores románticos enxalzando a loita clásica entre o ben e o mal. Unha banda deseñada na categoría de delicatessen."

domingo, 7 de xullo de 2024

Unha nova colección de libros: Miudiños de Cumio

 

Na nova colección de libros Miudiños de Cumio aparecen dous títulos: Luís Seoane e Rosalía de Castro da autoría de Alba de Evan e Xabier Domínguez. Unha edición magnífica, unha boa escolla de artista e escritora pola que comezar, dous referentes da nosa cultura que dan moi ben para un comezo glorioso. Poucas veces nos chegan ás mans edicións tan coidadas e que se presentan así: "Unha vida feita poema. A colección Miudiños conta a vida de artistas importantes da nosa cultura a través de diferentes biopoemas: poesías que falan das súas vidas e obras."

Teño que confesar que xustamente os biopoemas son o que cambiaría, semella que non están ao mesmo nivel dunha edición impresionante e unha ilustracións de gran calidade. O texto introdutorio e a liña cronolóxica, a pintura de Seoane ou o poema de Rosalía para pechar o libro, tamén resultan moi acaídos. Igual hai que facer os experimentos con máis coidado, porque o desequilibio que se crea entre o texto e a ilustración e deseño da obra resultan chocantes, porque estamos moi necesitados destas obras e precisamos non perder oportunidades.

Parabéns a Bea Gregores porque nunca nos defrauda, porque se supera a si mesma e vai máis alá, tal como precisa a nosa rapazada.