mércores, 4 de setembro de 2024

Sobre sexualidades e autoaxuda

Sexualidades de Isa Duque e Lyona é unha guía inclusiva sobre sexo, placer, diversidade e consentimento publicada por Savanna books.

Da presentación editorial: "Libro sobre educación sexual para adolescentes sobre sexo, placer, diversidade e consentimento. Sexualidades é o primeiro libro para adolescentes de 13 a 16 anos da editorial Savanna Books, editado en galego, castelán e catalán e forma parte dunha colección con enfoque eco-social que irá medrando nos próximos anos. (...) Ou lles contamos toda a verdade, ou o porno contaralles toda a mentira. Nunca antes, en toda a historia da humanidade, tivemos ao noso alcance maior cantidade de información, incluíndo todo tipo de contidos sobre sexo. E nunca antes foi tan complicado quedarnos coa información adecuada. Quen filtra?, como sabemos cal é a adecuada? Como distinguir a verdade e a mentira nun mundo dominado por algoritmos? Nun momento no que falar de sexo “vende” e hai moita xente creando contido sen unha mirada crítica ou formación específica. Escrito por Isa Duque @lapsicowoman e ilustrado por Lyona @lyona_ivanova. Isa Duque é sexóloga e psicóloga especializada sobre todo na Xeración Z, cunha longa traxectoria de formación, talleres e charlas en institutos. Lyona Ivanova leva anos publicando sobre sexualidade cunha mirada que desterra os mitos da cultura dominante. Autora do libro SEX’OH!. Así que, acabáronse os #SexFake ou os bulos sobre sexualidade , os prexuízos, a teoría aburrida, as vergoñas ou a información que queda a medias. Falemos con naturalidade sobre os xenitais, o consentimento, a masturbación, a aceptación do corpo, a diversidade, a virxindade, o pracer, as prácticas sexuais con nomes raros, os cheiros, os fluídos, as medidas, os pelos, os desexos… Todos os temas que xurdiron nos obradoiros de Isa con mozos reais e con familias reais. Ilustrados con ese estilo único, natural, cheo de detalles e de personalidade." 

Moi interesante o que se conta e o enfoque co que se fai pero o valor aumenta moito se temos en conta a cantidade de enlaces á web onde podes acceder a outro tipo de información que complemente a que aquí se achega, que pode servir de ampliación, que aporte referencias de moita calidade nas que tomar unha consulta ou rachar dúbidas. Unha guía que é resultado de oitos anos de traballos e experiencias, que parte da autenticidade para tratar cada unha das preguntas que a adolescencia fai, que tamén ten ese valor engadido do cultural ao poñer en contacto con libros, películas, música que forma parte do acervo desa xeración e da cultura. 

domingo, 1 de setembro de 2024

Bea Gregores. Banda deseñada para peques e non tanto

Avelaíña e o camiño á illa de Bea Gregores é unha banda deseñada especial. Lírico nas cores e o deseño, cun aire modernista para falar dos animais que forman parte dese mundo no que os gorros son flores ou os pendentes obras de arte, onde a natureza se debuxa fermosa e curva, vexetal e en proceso de creación, os camiños son simbólicos e os encontros son aprendizaxes. 

O diálogo entre dous xogadores de xadrez dá comezo á historia dunha avelaíña que nace dunha planta, quere seguir ás outras avelaíñas que marcharon detrás dunha luz. Os xogadores discuten pero non queren separarse porque sempre estiveron alí... da mesma maneira irá atopando máis personaxes que non se apuntan ao seu camiño por seguir facendo o que fixeron sempre: mulleres xigantes con flores na saia que a levan sobre o seu ombreiro mentres destapa as plantas para que se enraícen (cando medran demasiado protexidas adoitan ter as raíces moi febles e pouco profundas porque coidar algo non significa evitar todas as desgrazas senón axudar cando algo malo ocorre). Semella que todo o mundo atopou o seu lugar mentres ela busca o seu: a illa; hai xente que só camiña, canta e baila divertíndose, sen destino, hai xente que atopou o que buscaba e isto se lle converte nun problema e ha de buscar un novo para seguir...

Dous bechos que se pelexaban, unha muller invernadoiro, un desfile cunha serpe, un home que cazou unha estrela e agora alguén que se ri de que xa non hai camiño, ela axúdalle a construír unha barca pero non a acompaña porque se perdeu tantas veces que pensa que o sitio ao que quere ir xa cambiou, pero antes de irse dille que non esqueza que ten ás para voar; e si, farao, nese intre déixanos coas ás estendidas... 

Unha historia chea de simboloxía e un cailo de aprendizaxe!

Tebeosfera define a banda deseñada como de aventuras, bruxería, fabulístico e fantasía.

sábado, 31 de agosto de 2024

De pedagoxía, psicopedagoxía... e literatura

  

Non sei, non me gusta que a rapazada estea ansiosa, que se deprima, que o pase mal, non me gusta pensar en enfermidades que se poden atallar e igual tampouco me gustan demasiado os libros que falabn destes asuntos, que semellan feito adrede para paralos... porque hai que evitar as causas, non poñer tiritas ás roturas do equilibrio. 

Estou un pouco farta de psicopedagogos/as e outras especialidades que andan nisto porque sempre souben que a boa literatura cura e prevé sen buscalo. O que tal ten feito María Gripe (e tantos outros) pola nosa rapazada sen ter ese obxectivo, sen pensar en nada máis que no que as crianzas lle trasmitían silenciosamente. Sinto que todo isto me xurda cando estou a ler un libro determinado, por iso non vou dicir o título porque seguramente se trata de que a gota chegou ao borde do vaso, simplemente iso, e non se debería ser tan subxectiva...  pero algunha vez tería que dicilo. Igual que hai que dicir que as editoras teñen que ter a obriga na revisar a corrección das obras,  porque cando o texto está no libro xa é responsabilidade deles. Está a haber problemas con este asunto; e cando os hai trasládanse inmediatamente ao galego, á lingua cincenta que apanda con todo e... xa non precisa máis, de verdade que non.

Eu pediríalles algo de compromiso a autores/as, editoriais e mediación. Non podemos matar a galiña nin acabar cos ovos. Non podemos escoller malos alimentos para darlles como lectura á rapazada porque diso vai depender o futuro da lingua; o hábito, o pracer e a competencia lectora.

venres, 30 de agosto de 2024

Álbum sobre veciñanza

Os novos veciños de Michael Genhar e Tony Neal  publicado por Miau.

Da presentación editorial: «A chegada duns novos veciños desestabiliza a calma da veciñanza.» Cando uns extravagantes flamencos chegan novos ao barrio, a veciñanza desestabilizarase e as aves que viven alí negaranse a aceptalas. Os pelícanos patrullarán de día e pola noite farano os reiseñores. Como poden pasearse con esa extravagancia? Tras unha reunión, todas as aves da veciñanza irán a casa dos flamencos con intención de botalos sen coñecelos sequera. Que pasará cando cheguen?"

Unha sorpresa, un verdadeiro abraio porque os están agardando, xustamente para facer unha festa, así demostrarán que non son fachendosos nin inimigos senón moi amigables e están dispostos a integrarse no barrio. Haberá alguén disposto a continuar o enfrontamento? Unha vitoria da diversidade, cada un é como é, todos diferentes e cos mesmo dereitos. Ao final do librounhapequena guía de aves e un texto sobre Inclusión e exclusió, estereotipos... baixo o título "Nota os lectores e observadores de paxaros". 

mércores, 28 de agosto de 2024

A historia non contada de Luz Long e Jesse Owens

Francisco Castro enfronta unha historia real que non deixou de chamar a atención dende as olimpiadas de 1936 cando Hitler estaba empeñado en demostrar a superioridade aria. Daquela, cando os nazis encheron de propaganda racista na vila olímpica, un atleta alemán axuda  a superar o bache que lle impide calificarse a un atleta negro norteamericano que acabará conseguindo a medalla de ouro mentres el se conforma coa de prata, a ética deportiva que lle creará problemas antes os nazis e que posibilitará a súa morte nos ´derradeiros días da guerra cando está destinado en Sicilia. Luz Long e Jesse Owens que se trataban de irmáns a partir do momento no que o segundo lle presta axuda ao primeiro cartéanse, esas epístolas, o reloxio que un lle agasalla ao outro así coma o pano cos aros olímpicos que leva no pescozo un deles (o mesmo pano que puxo no chan para que Jesse pyidese saltar ben en Berlín son os obxectos que enfían a historia.  Unha poxa en Sotheby, un enfermeiro británico que atende  a Luz no momento da morte e lle confía a última carta que ha de enviar ao seu amigo para despedirse.

Preséntase así: "Nas Olimpíadas de Berlín de 1936, un atleta negro asombrou o mundo. Jesse Owens gañou catro medallas e avergoñou o nazismo, que o consideraba inferior pola súa cor de pel, dando unha lección deportiva; pero nada do seu éxito sería posible sen un atleta alemán que xogou a vida por axudalo.
Este libro conta a historia real de Luz Long, represaliado por Hitler por axudar a un competidor, negro. Unha historia de amizade, respecto e camaradería, nun tempo escuro de racismo, represión e violencia.
Francisco Castro recupera a súa figura para contarnos unha fermosa historia que non debe ser esquecida.

A historia non contada de Luz Long e Jesse Owens é un marabilloso relato de resistencia e de ética, un home bo no medio do deriva fascista que axuda a un negro a situarse por riba, incluso del mesmo. Dous homes de mundos moi distintos (de familia de avogados e de esclavos, un deles estudante e o outro traballando de ascensorista dende a infancia) que se atopan nos xogos olímpicos e se converten en máis que amigos a pesar das diferenzas, a pesar de que o Führer di que os negros non son humanos. A independencia e a ética teñen un prezo que hai que pagar, ás veces coa vida e sempre con castigo. A humanidade funciona a modo de colmea e cando un dos elementos non cumpre coas normas da tribo é sancionado, así lle sucede a Luz Long, quen lle vai perdoar que entregase a medalla olímpica a un negro?"

Tres homes bos: un alemán, un norteamericano e un británico. De non ser por este tampouco teriamos historia. Diferentes tipoloxias de texto: carta, narración, anuncio de poxa, discurso, reportaxe deportivo... As fotografías reproducen ese momento que Leni Riefenstahl reproduciu en Olimpia e a historia lémbranos que sempre hai persoas que salvan a humanidade, aínda nos peores momentos.

Tal vez fose necesario algo máis de tempo e dedicación, algo máis de texto para afondar no relato que sorprende ao mundo.

luns, 26 de agosto de 2024

Un novo libro de Miguel Alonso


Axencia Galega de Asuntos Máxicos de Miguel Alonso Diz está ilustrado por Víctor Rivas e publicado por Xerais na colección Merlín.

"Unha entretida novela de misterio e fantasía habitada por personaxes da mitoloxía galega." Así se presenta.

Sinopse: "A vida pode cambiar nun só día. Que digo nun día! Nunha hora, nun minuto ou mesmo nun segundo. Iso é o que lle pasou a Gabriel e iso é o que che pode pasar a ti se te atreves a camiñar polas páxinas deste libro. Entra no «Andel secreto» e acompaña a Gabriel e á súa veciña Lucía a coñecer un mundo cheo de maxia que, como comprobarás, está máis preto do que imaxinas."

O narrador conta en segunda persoa, dirixíndose ao lectorado; faino con destreza e axilidade, con gracia, coas repeticións necesarias, coa voz infantil que tan bos resultados ten dado e seguirá dando... para engancharnos a unha historia que flúe coma a auga dun manancial limpo. Un neno de case nove anos cunha irmá de sete, uns pais que son pais e o encontro co misterio. Co misterio chega unha amizade que o introduce nese mundo dividido en bos e malos, nos rescatadores e na Sociedade Exclusiva e Secreta en Beneficio da Exterminación da Maxia en Galicia.

O que menos me gusta é que nos deixa co mel nos labios anunciando unha continuación, pero pensamos que ben poderían ternos dado algo máis, que non se nos pode deixar así, sen saber que pasa con esa xentiña (saben os deuses canto tempo); algo "timados" si que nos sentimos porque acabamos de entrar na historia e péchannos a porta.

Gústame ese retomar as maneiras que nos lembran a Agustín Fernández Paz, as referencias culturais e literarias (ás súas Cartas de inverno ou a do autor Instrucións para ler este libro, A biblioteca de Pedrarcana, Na fogueira dos versos ou O valo)

Polo medio vainos dando algunha lección como a dos nomes de nenos e nenas, coma o respecto pola diversidade "porque todos somos diferentes" e non os hai mellores e peores, como as  buscas no diccionario...

Porque Galicia é o epicentro do mundo máxico e moitos rapaces e rapazas teñen un don: poder ver a eses seres que non son xente.

Marabillosas as ilustracións de Víctor Rivas especialmente as que nos levan ao seu gusto polas estéticas vitorianas coa que representa aos secuaces. Divertidísima a maneira de retratarse os autores cos bigotes revirados que caracterizan ao exterminadores de criaturas máxicas, aínda que eles non o son, senón todo o contrario: defensores e creadores de todas elas. 

Parabéns!

sábado, 24 de agosto de 2024

De mouras e namoramentos

A árbore dos namorados de Buenaventura Aparicio Casado está publicado por AB ORIGINE Edicións.

Da presentación editorial: "Unha aldea galega hai cen anos. Un castro no que aínda viven os mouros gardando os seus tesouros. Martiño, un mozo que arela ser mestre canteiro, namórase de Alda, unha moura encantada que soña coa liberdade e con vivir un gran amor. Unha historia, baseada na mitoloxía popular, dunha paixón de dous personaxes decididos a enfrontarse co seu destino." Unha historia de amor baseada na mitoloxía das mouras pero con todos os ingredientes dunha aldea cos personaxes do indiano ao que lle envían o xornal cada día e el comparte ao día seguinte con toda a aldea na taberna, os diferentes oficios, o capador, o sacristán, o crego, a costureira, o mestre, o taberneiro do que desconfiaban que se ía da lingoa coa garda civil, as romerías e a xesteira, as seráns... e un mozo que anda aprendendo o oficio de canteiro e se namora dunha moura... o que segue hai que lelo aínda que se adiviña nesa imaxe da cuberta con ela e unha árbore. Ben contado o relato ao xeito dun narrador que leva no sangue un antropólogo. Gústame especialmente o capítulo que leva por título "Os mouros da Cividade" onde se fala desas dúas dimensións nas que viven os habitantes actuais e os mouros, adiviñandose nos ruídos. 

Un petisco: "Segundo Maruxa, os seus vellos testemuñaban unha historia ben fiada que comezaba afirmando que os mouros foran os primeiros poboadores de Galicia. Naqueles tempos tan remotos houbera moitas loitas e, ao cabo, o apóstolo Santiago botou os mouros fóra da nsoa terra. Mais -proseguía- non todos marcharon. Algúns quedaron agochados nos castros, nun estado especial: encantados" 

Acompañan a historia notas aclaratorias, vocabulario, referencias documentais e o apartado "Para saber máis" con bibliografía.