venres, 14 de febreiro de 2025

Aurora austral, unha distopía para a reflexión

Aurora austral de Héctor Cajaraville resultou premiada co último Meiga Moira (2.024) e polo tanto publicado nesta colección de Baía. 

Na presentación editorial recóllense as palabras do xurado: “Historia de aventuras ambientada nun universo distópico non moi distante do noso, con gran dose de crítica sociopolítica e que busca poñer o foco sobre o modelo de mundo ao que nos diriximos. Escrito nun estilo dinámico e fluído, con diálogos cribles que interpelan ao público lector”.

Unha historia ben contada na que seguimos o fío do relato con interese e sen perdernos, o que non é pouco, nestes tempos, nos que a labor de edición por veces non chega ata onde pode e debe facelo. O que se nos conta sucede no 2053, a Terra pasou por unha catástrofe global e dende aquela está baixo o control férreo (cada vez maior e xa case definitivo) dunha ditadura "neixente". As elites teñen ao seu dispor a existencia das persoas, da supervivencia do planeta así coma do satélite e outros planetas aos que estás planificando a explotación. A enerxía e a tecnoloxía están na base do abuso e asoballamento de terras e persoas, só debe sobrevivir a élite, os demais son carne de canón que traballa en condicións infrahumanas como produtos de usar e tirar. 

Todo se pon en marcha despois da explosión que remata cunha cidade. Tres irmás que se atopan guiadas polas forzas do Réxime, un pai nas redes do poder, humanos e novas mesturas creadas con produtos que levan parte do seu ADN e deben ser actualizados mediante programas (igualiño que os nosos ordenadores e móbiles). Tres mozas moi diferentes que van percorrer a Terra buscando unha oportunidade, un tempo de percorrido (dende o 18 de xuño ata o 21 de decembro), un narrador omnisciente que lle dá a palabra á irmá máis vella no último capítulo, capítulos integrados en conxuntos que levan títulos tan significativos como Os tempos están a mudar, Aboiando no vento, Coma un pelouro, Petando nas portas do ceo, Vai caer unha boa e Ao abeiro da treboada.  

Non hai saída e a reflexión vén agora por parte dunha lectora que vive no 2024 e observa a actualidade: non hai saída porque a maioría anda na escolla dos neofascismos e populismos de baixa "calaña", na volta dos Trump, Bolsonaro, Milei e demais, en darlle todo o poder para que poidan desfacer a estrutura dos Estados e entregarllos ás grandes corporacións. Non hai saída porque non atendemos aos avisos, aos mayday de Manolo Rivas ou dos grandes defensores do decrecemento e profetas do colapso como Carlos Taibo... Somos nós quen imos camiñando cara ao abismo mentres berramos os nomes dos que están traballando para acabar con todo o que demos conseguido ao longo de séculos de humanidade e loita polo progreso humano. Si, son os nosos veciños e veciñas as que co seu voto están acabando con todo o que queren igual que os novos ao mercar en Amazon están acabando cos seus empregos. Un velo cubre a realidade e non é de néboa senón de tecnócratas ao servizo dese inimigo anónimo e oculto.

Aínda así, as preguntas xorden buscando a esperanza na novela: será que ese grupiño e marxinais, situado en Ushuaia, será o xermolo dun futuro? será posible procrear e criar humanos ao que o poder non poida enganar? será posible que alguén esperte antes de que isto non teña remedio? 

E a gran pregunta: que pasou coa educación (dende a casa á universidade) para que se perdera a consciencia e a alienación se fixera dona da humanidade.

A cuberta cunha imaxe de Rodrigo Chao axuda a situarnos na actualidade pero agardemos que ninguén a confunda cun líder que está afastado de nós, polo ben da humanidade...

martes, 11 de febreiro de 2025

O último libro de El Hematocrítico

Dona Problemas, salvadora da escola era o libro no que estaba a traballar El Hematocrítico cando nos deixou.Pertence á serie de Dona Problemas e está publicado por Xerais na colección Sopa de Libros con ilustracións do gran Paco Roca.

Carlota, á que chaman Dona Problemas que anda iso, resolvendo os problemas de toda a rapazada do colexio. Sempre con algún axudante que lle bota unha man (unhas veces mellor e outras peor). Falando disto, hai que quitarse o sombreiro diante deste autor e o coñecemento que ten da rapazada, neste caso non podemos por menos que rir cando vemos que o pequeno axudante se distrae con calquera cousa e esquece as súas obrigas dunha maneira absolutamente natural. Tamén é de destacar ese sentido do humor que rodea as súas obras e esa crítica que ataca no mesmmo centro da diana a tanto certame do "Mellor profesor" a tanto/a profesor/a influencer ao que se lle vai a vida na foto e o sorriso. ATPR (a túa profe riquiña) é unha nova especie que pasa a formar parte dese retrato do profesorado que nos adianta Miguel López. Paco Roca interpreta a historia con esa mirada que envolve a crítica en humor pero sen perdoar o desfile militar no recreo, a modernidade da profe comercial a tope e a personalidade de cada un dos alumnso e alumnas que enchen as páxinas coa súa diferenzaaínda cando pretendan colocarlle uniforme.

Así se presenta: "Durante unha das súas misións, Carlota, Dona Problemas, ten un accidente cun mestre, e este ten que coller uns días de baixa. A substituta será, nada máis e nada menos, que A Túa Profe Riquiña, unha «influencer» especializada en educación que, ademais, expón toda a súa vida nas redes."

luns, 10 de febreiro de 2025

Certame de textos teatrais Roberto Vidal Bolaño de teatro, 2024

 

O Premio Roberto Vidal Bolaño de teatro do 2024 recaeu na obra Fóra de campo de Rosalía Fernández Rial, que aparece editada por Galaxia na colección Costa Oeste.

Da presentación editorial: "Nere, @nerenao para as escasas seguidoras de Instagram, é unha moza dilixente e vivaz que adora as súas amigas e se leva ben coas compañeiras do equipo de volei. É unha adolescente máis, unha estudante máis dun instituto máis, coma calquera outra.

Pero todo cambia cando Gladius, o influencer máis admirado pola comunidade, repara nela. En canto lle pide participar na súa nova serie, a vida dálle un xiro radical. Entra no reino das elixidas e nada volve ser coma antes.

Fóra de campo enfoca o que fica alén do plano, o que se pode intuír pero non se ve, nese espazo onde se revela a cara oculta das redes sociais, o poder das contendas cotiás, os fíos que unen as mulleres que non se deixan enredar. 

Fóra de campo fala unha linguaxe contemporánea onde conflúen as artes escénicas, plásticas e musicais."

Moitos personaxes. Un instituto. Deporte. Instagram, Redes sociais e o que se move ao redor.  Un comezo magnífico coas tres mozas na bancada observando o partido nunha conversa e unha situación que deciden repetir cando ven que a cousa vai por mal camiño. Teño unha preferencia especial por esta escena fronte ás outras que me resultan máis esquemáticas aínda que o xogo entre as manifestacións artística acade moita altura. A escena final coa mensaxe "A xente ten o poder" e o "Que non te enreden" como lema, con esas mesmas características ainda máis visibles.

O kickboxing e o kung-fu, artes marciais. O xogo entre a actuación e a pantalla onde aparece o que se escribe ou se fotografa. As clases de filosofía. As marcas de xénero na linguaxe, as diferentes tendencias sexuais, o feminismo, a competitividade e a solidariedade ("-Somos un equipo. -Por iso non imos ser ruíns as unhas coas outras"), a pintura e a música como parte esencial da obra e a filosofía dándolle sentido ao que sucede, o maltrato e a vítima do abuso...    

O obra entendese moito mellor se somos coñecedoras do ensaio Mover ficha. Proposta didáctica para as aulas de linguas e literatura na que esta interrelación das materias se explica e podemos entendela en toda a súa profundidade.

sábado, 8 de febreiro de 2025

Isto é moi estraño

 

Isto é moi estraño escrito por Matilde Tacchini, ilustrado por Mercé Galí, traducido por Manuela Rodríguez e publicado por Kalandraka na colección Demademora.

Aos animais humanizámolos, aos rapaces identificámolos con animais de maneira cariñosa e entre unha e outra cousa créase un álbum con moito sentido do humor (e do outro). Porque para mamá é un animal, para papá outro, outro para a avoa ou para o irmán maior ou para as amigas da nai, e xa non falamos das comparacións que xorden cando come, non se lava, nada, dorme... todo iso o ten farto así que se vai cabrear e facer a gran afirmación do que é.

O texto da presentación editorial referido ás imaxes é o máis acaído á obra: "As divertidas ilustracións de Mercè Galí, que destacan pola economía de recursos, completan o sentido metafórico do testemuño en primeira persoa que protagoniza este simpático relato. Os animais -humanizados coa simple representación duns lentes- son figuras expresivas, bosquexadas con trazos rápidos e grosos sobre fondos neutros, sen apenas elementos adicionais e acompañadas de pequenos escenarios paralelos
que acentúan o sentido do humor do relato."

Para non perdelo! (logo preguntarémoslle: e, a ti, con que che comparan?

xoves, 6 de febreiro de 2025

Castelos de cristal de Sandra Ferreiro García

 

Castelos de cristal de Sandra Ferreiro García aparece publicado na colección Costa Oeste de Galaxia.

Da presentación editorial: "Noutrora erixíanse brillantes castelos de cristal máis aló do ceo. Agochaban todo tipo de historias e segredos: os contos que a noite recitaba, as lembranzas dalgunha serea, o po das estrelas fugaces... mesmo o cantar das ondas. Mais os castelos de cristal estaban destinados a romper e a caer. Deles xa só quedan fragmentos esparexidos polo mundo e polo tempo, á espera dalgún camiñante que se atreva a internarse no caos e recolla os restos desas historias perdidas.

Sandra Ferreiro constrúe, en Castelos de cristal, uns relatos que invitan á lectura pausada e reflexiva a través dunha prosa poética chea de profundidade e sosego."

Relatos de diferente tamaño cunha boa linguaxe pero nos que boto de menos unha trama máis potente, unha historia máis compacta...

martes, 4 de febreiro de 2025

Os planetas. A música do firmamento de José Antonio Abad, Antonio Seijas e Gustav Holst

Os planetas. A música do firmamento / Gustav Holst co texto de José Antonio Abad e as ilustracións de Antonio Seijas, a música de Gustav Holst e publicado por Hércules ediciones. 

Un neno dorme e soña que está no mar, sae unha sereíña montada nun peixe voador e convídano a voar con eles, agárrase á cintura da serea e viaxan aos planetas que el estudou no colexio días antes. Chegan a Marte, os seus fillos Fobos e Deimos, nel o deus lévaos de viaxe polo planeta atemorizando a todos. Lévaos a ver a Venus, a súa amada, a deusa do Amor. Ela ten na man un cofre con pó de estrelas. Marte chama ao mensaxeiro alado (Mercurio) para que lle anuncie ao seu pai (Xúpiter) que organiza unha festa para eles, as súas lúas danzan ao redor en círculo, Saturno (seu pai) leva múltiples aneis na cabeza e esperta co ruído, tamén o fai Urano, o mago espacial, que leva aneis que xiran ao tolo sen caer, el aproveita para provocar explosións e tronos no medio da festa. Mentres tanto, nos océanos as augas andan revoltas Nepturno escoita que a serea escapou así que se monta nun carro de algas tirado por cabaliños de mar e vaina buscar a Xúpiter. Daquela o neno esperta ao atoparse sen a serea e o peixe, cae da cama e descobre que todo foi un soño.

Unha historia na que a través dese soño accedemos aos planetas, aos deuses da mitoloxía clásica e á música que lle corresponde a cada un deles. A sinfonía, a suite de sete movementos, cada un dedicado a un planeta. Lilas, azuis, rosas, amarelos... distintas cores, todas elas moi fortes para representar o firmamento, verde suave para o mar; o neno e a serea polo ceo adiante... tan pequeniños. Unhas ilustracións ben especiais para moverse por ese mundo case infinito. Un código QR dá acceso á música e a información sobre cada un dos planetas porque cada un deles ten unha música propia.  Non só temos información sobre planetas e mitoloxía, tamén sobre o compositor musical e a explicación da peza, polo tanto estamos ante unha obra de gran calado. 

Nesta editora tampouco podemos acceder á información e imaxe en galego.

Todo sobre os gatos de Monika Filipina, traducido por Susana Collazo e publicado por Lata de Sal.

Da presentación editorial: "Todo sobre os gatos descubre -por primeira vez- aquilo que os gatos fan con mestría cando nosoutros non miramos e estamos fóra de casa. A autora relata, con pinceladas cheas de imaxinación e talento que desborda cada páxina, que esconden os nosos felinos máis queridos. Cando marchamos descansan no sofá, pero nada é o que parece. Eles patinan, leen, escriben, cociñan, saltan, bailan... e algúns, ata nadan."

Semella que os gatos están todo o tempo durmitando nunha cadeira, verdade? Os pasos seguintes son a demostración desa mentira. Cando o seu humano se vai preguntan: que facemos? e empezan os plans: xogar, nadar, comer, bailar, patinar, ler... quedan esgotados así que botan unha soneca; espertan na hora da merenda a continúan calcetando, probando, posando, ledo, escribindo, bañándose, cantando e tocando, pelexando, buscando tesouros piratas, facendo arte de todo tipo, acrobacias ou xogandoao xadrez. De pronto: Silencio! Chega o noso humano! Pasámolo xenial, non? E ninguén se decatará denada, verdade?... As ilustracións demostran o contrario con imxes ben interesantes nas que se cambia de plano ou ángulo, se modifica o encadre dende a panorámica ou plano de detalle, organizadas e desorganizadas ou con ángulos imposibles.

Uha vez máis é imposible dende a editora acceder a información do libro en galego, nin xiquera á cuberta.

sábado, 1 de febreiro de 2025

Unha historia sobre a sombra e o imitador

Os imitadores de Alberto Hontoria Maceín está ilustrado por Nuria Díaz e publicado por Hércules de Ediciones.

Así se presenta: "Os imitadores é un conto infantil protagonizado por sombras. Invertindo a relación entre as sombras e os corpos que as proxectan, a obra presenta un universo no que as sombras son os seres autónomos e pensantes, mentres que as persoas non son máis que os seus reflexos. Tanto é así que «imitadores» é o nome co que as sombras chaman aos humanos, pois, desde o punto de vista das sombras, os humanos son esas criaturas que están sempre o seu lado copiando cada cousa que fan."

No mundo das sombras cren que non poden separarse do imitadores. Só un par de sombras se van atrever a loitar contra esta limitación. Un vello que marchou hai oitos anos buscando fuxir do seu imitador e unha nena que o fai agora. Ela, igual que todos os demais, escoitou dende sempre a historia de Apagón desaparecido nunha caverna escapando do imitador. O certo é que "Na escuridade somos libres. Ninguén nos molesta. Ninguén entra no noso mundo fabulosamente negro. A luz é a nosa inimiga. Cando sae o sol, con el espertan os imitadores, que non nos deixan en paz ata o solpor. Na escuridade somos libres. Por iso adoramos a noite"; por iso, Eclipse fuxe seguindo o camiño de Apagón e nesa viaxe fará a descuberta que o lector xa coñece: quen é realmente a copia. De todas formas, a dúbida está en se contarllo ás sombras ou non, porque saber a verdade pode ser motivo de tristeza e temor... Só atopan a verdade os valentes, as que non se conforman co que lles din, as que precisan descubrilo todo en primeira persoa. 

Prohibicións inventadas para facer felices aos pobos, mentiras creadas para "os menores" poque consideraos que non están preparadas para aceptar a verdade. 

E, ao final, unha verdade que pode convencer, porque tampouco son tan pouco importantes as sombras... agora toca que o lectorado o descubra e poda asistir a esa imaxe final que reconforta.