domingo, 8 de xuño de 2025

Unha caixa misteriosa


Unha caixa misteriosa de Jordi Gastó e Christian Inaraja está traducido por Xosé Ballesteros e publicado por Kalandraka nos acartoados. Libros duros para dedos gordechos con bordes redondeados para non magoar, ilustracións limpas e divertidas sobre fondos brancos e unha historia.

Rimas sinxelas que unen unha páxina a outra. Que pasa cando Ana atopa unha caixa no xardín? O impostante é o que pensa mentres a bre para saber o que hai dentro, porque a imaxinación bota a voar pensando en todos os obxectos que lle apetecen, as viaxes posibles con eles mentres observa o mundo e todo o que nel pode suceder (tempestades, bruxas, illas, os polos e os bosques, os gnomos e os xigantes, festas...) e o enigma: que hai dentro? Igual só aquilo que lle permite a ela saber o que leva no seu interior? Final aberto?  

Libros que permiten compartir tempo de calidade, dialogar, lerlle e escoitar todo o que el ve e vai anticipando ata chegar a ese marabilloso momento no que a criatura se solta a memorizar un pequeno texto para lernos a nós. 

Oslibros de Jordi Gastó acompañan moi ben estas primeiras idades, tal como temos visto con Un gran día de pesca ou Se che pica un mosquito.

 


sábado, 7 de xuño de 2025

Reino Fungi. Mundo entretido

REINO FUNGI. Mundo entretecido de OctaviaMosciatti e Loreto Salinas, traducido por Victor Mascato está publicado por Cumio. Un libro que vén de Chile...

Magníficas ilustracións a toda cor, para falan de claridade para un libro de coñecemento.

Partindo do cemento máis básico “Os fungos non son plantas nin animais, compoñen o seu propio reino chamado Fungi. Cando falamos de fungos coñe non nos referimos só ao típico champiñón, os fungos poden ter moitos aspectos!”

E seguindo pola distribución do libro nos capítulos seguintes: Introdución, Que é un fungo? (explicándonos a súa asombrosa capacidade de adaptación ao non depender da luz), Partes dun fungo, Fungarium (unha inmensa variedade), Que nos contan os micólogos? (Pois que hai fungos con cogomelos e sen cogomelos, con cogomelos baixo terra e sobre o chan, con sombreiro ou en forma de copa, de soporte, poliporos e tipo terraza pero tamén tipo niños, colmeas e gaiolas; fungos sen cogomelos coma os mofos, os fermentos), Dime que comes e direiche quen es (saprófitos, parásitos, simbióticos...), Reprodución por dispersión, Segredos da natureza (a súa forma de relaiconarse con todos os seres vivos da súa contorna), As poderosas microrrizas (relación coas raíces das plantas), Que teñen que ver os fungos con nós? (alimentación, medicina, enfermidades, comida á que lle saen fungos, agricultura), Un futuro fungi, Fungos por todas partes, Protocolo de recolección (Algo oi interesante a ter en conta para non acabar con eles) e Dispersión (a modo de vocabulario para saber máis dos fungos).

xoves, 5 de xuño de 2025

Álbums a esgalla

 Elsa e as luces da noite de Lucy Fleming está publicado por Tambre versionado por Alejandro Tobar.

Este libro está dedicado a "todas as persoas que fan do mundo un lugar máis luminoso".  Así se presenta: "Elsa é unha meniña que vive no abrigoso burato dun vello carballo. Ten dúas plumas por antenas e un par de ás delicadas e finas, a semellanza dunha velairiña, que non debe expoñer nunca ao sol. Por iso durme polo día e, coa lúa no alto do ceo, alza o voo e sae apañar a luz coa que logo alumea aos animais perdidos do bosque. Todos saberán agradecerlle a Elsa a súa inmensa bondade." Cando entrega a luz sempre di "Velaquí a luz que che cedo. Este brillo feiticeiro ha de espantar os teus medos. Os seus amigos: raposo e curuxa, buscan a colaboración do resto dos animais aos que ela tamén axudou e constrúen unha gorida na que ela poderá defender as súas ás da luz do sol. Así poderá disfrutar dos abrentes por fin. 

Quen fai ben recibe bondade e o mundo será mellor, porque máis seres se animarán a axudar. Da mesma maneira (e aínda que doia dicilo, quen fai mal se non tes castigo seguirá a facelo, e o que é peor, estará a ofrecer un mal exemplo, de aí que cando isto sucede temos que agardar que o mal se expanda). Estase vendo a nivel internacional e nacional, no concerto das naciónse no comportamento das persoas. A literatura infantil tamén ten algo que dicir ao respecto, ou non?

Hilda e Twig resgárdanse da chuvia de Luke Pearson, traducido por Clara Barcia e publicado por Sushi books. Da presentación editorial: "Hilda e Twig nunca deixarían que un pouco de chuvia lles impedise emprender unha aventura, pero a cousa cambia cando unha tormenta XIGANTESCA interrompe a súa expedición polo bosque. Mentres se refuxian no interior dun misterioso montículo de terra, Twig dáse conta rapidamente de que se achega unha ameaza e de que a súa mellor amiga de cabelo azul está en perigo. Por desgraza, o cervo-raposo nunca se considerara moi valente, pero parece que vai ter que esforzarse para salvar a Hilda dun gran e escamudo problema!  Mergúllate neste máxico cómic no que seguiremos esta encantadora parella nunha aventura pasada por auga".

A coñecida personaxe de animación aparece por fin en galego nesta nova serie de cómics, anuncian en Sushi. Nesta aventura atopamos referencias ao Principiño e a todos os tesouros habidos e por haber. O pequeno cervo raposo coida da nena, saen da casa, van de excursión pero empeza a chover. Daquela resgárdanse nuha cova na que hai outros animais cos que a nena non se entende falando pero o animal si, El ten como misión coidar da humana, sae un instante da cova e atopa unha enorme serpe que lle chama principiño porque os dous son especiais, fanse amigos. O pequeno quere salvar á humana e consígueo sin que nin ela nin a nai que sae a buscala se dean conta. A conversa entre este animal e a serpe é verdadeiramente especial, a inocencia sálvase sempre, a nena non ve o perigo e Twig é quen o descobre todo pero coñece as consecuencias dos actos por iso non quere a coroa nin tampouco a amizade da serpe e, tamén por iso, ten pesadelos. Sabe o que a súa picada significa... 

 A verdade sobre o monstro dos peúgos de Xavier Frías-Conde está traducido por Enrique Carballeira Melendi e publicado pola editorial Discursiva. Así se presenta: "Os peúgos desaparecen, mais, ¿quen é o responsable da súa desaparición? A verdade sobre o monstro dos peúgos é un conto infantil simpático, tenro, sosprendente e moi agradable de ler para todos. Axeitado para os pequenos da casa (4 a 8 anos)"

Alba e Damián quedan na casa dos avós mentres os pais viaxan. Ela é moi boa actriz e así consegue todo o que quere dos avós, empeza baleirando a caixa dos peúgos (calcetíns), a avoa berra porque falta un par, o avó inventa a historia do monstro dos peúgos que os come cando desaparecen pero Alba sabe algo máis... Un tanto barulleiro o deseño e as ilustracións de cores moi fortes e unha historia un tantiño pequerrecha por non profundizar. 

luns, 2 de xuño de 2025

Un novo libro de Anxo Fariña

A Escola Robot con texto e ilustracións de Anxo Fariña está publicado na colección Merlín de Xerais.

Así se presenta: "Que pasaría se un día a famosa corporación Piña te convida a estudar na misteriosa Escola Robot? E se a escola está nunha illa móbil? Pódese crear un robot con forma de gato? Existen as pantasmas con calzóns de cocos? Pode unha nena que está nun hospital ir á clase a través do seu avatar robótico? Que lle pasa a unha caixa cando vai ao ximnasio? Farase... Mmm... caixa forte? Moitas preguntas sen resposta! Terás que ler este libro para descubrir todo iso e máis! Unha divertida aventura tecnolóxica contra o Robot Maligno, que pon en valor a amizade, o traballo en equipo e a importancia da ecoloxía." 

E realmente así resulta. Robots que contan chistes, rapaces que se converten en especialistas en programación, un loita entre o ben e o mal na que participan uns e outros, rapaces e rapazas cada un deles coa súa personalidade particular, profesorado con nome de froita e características ben especiais... Un novo mundo creado por Anxo Fariña no que recoñecemos as claves do seu imaxinario.

mércores, 28 de maio de 2025

Novos álbums

A meniña furacán e o meniño esponxa de Ilan Brenman e ilustrado por Lucía Serrano para a editorial Algar

Con ese título case non nos fan falla explicaicóns. Xa sabemos de que vai tratar, pero nunca está de máis buscar infroación pero, sobre todo, ler o libro, deterse nas súas ilustracións que amplían significados. A ver... imaxinade que esa nena nace con tanta forza, é tan vita que teñen que acolchar a casa para salvala das súas embestidas. El, pola súa banda é tan tranquilo que case non se nota a súa presenza, é un gran observador, tarda en facelo todo, pon moita atención. As súas mascotas seméllanselle (ou non?). O can dela coida as cousas que hai ao redor, , axúdaa... O del é un sapoconcho.  Cado se atopan, ela non para sde moverse, el observa; ela propón baixar as mascotas, el ten certo temor pero o sapoconcho pérdelle no nariz ao can que se carca moito e todovai cambiando. Ela di "Ás veces os que teñen un aspecto tímido dannos unha sorpresa", el escoita e ri. Fanse amigos e contaxian un ao outro e outra ao un, porque van aprendendo a base de mirarse: ela calmarase, vai observando e imaxinando; el vai movendo o corpo cada vez máis. Nas primeiras gardas os debuxos que ela fai e os que fai del son moi diferentes (non temos que facer ningún esforzo para recoñecelos) pero nas últimas xa se van aproximando. Esa maneira de mostrar os cambios a través dos debuxos que as crianzas van facendo e obrigarnos a recoñecer cal é de cadaquén e como responde a un momento determinado enriquece a obra.

Preséntase así: "Ela é explosiva: está cheíña de enerxía e non para un segundo! El é tímido e non lle gusta a acción, mais é un gran observador. A través das expresivas ilustracións de Lucía Serrano, coñecemos un meniño e unha meniña que non se parecen absolutamente en nada. Ambos son intelixentes e divertidos, mais de xeitos tan diferentes… Que pasaría se se fixesen amigos? En A meniña furacán e o meniño esponxa, Ilan Brenman demóstranos con humor que as diferenzas entre as persoas non nos afastan, senón que nos enriquece.

Outro álbum é Gato Cono que vexo despois de terme referido a Can Cono. A historia é semellante. Despois do primeiro disgusto ao verse con esa férula e enfrontarse a todas as dificultades que aparecen, cae na conta de que tamén ten a súa parte positiva. Ao pouco tempo quítanlla e case a bota demenos ata que volve descubrir as posibilidades da nova situación. Sarah Howden e Carmen Mok  son as autoras deste ábum ilustrado publicado por patasdepeixe.

Da presentación editorial: "Este libro é o compañeiro canino de Gato Cono. Un día, Emma sae do veterinario cunha pantalla de plástico xigante na cabeza. Este armatroste impídelle xirar, cavar e fai que Garson, o galgo, queda apampado. Unha cousa está clara: o cono non é bo e o único que queda por facer é enfadarse. Cando o humano que vive con Emma tenta animala cun xogo de buscar a pelota, Emma descubre que o cono atrapa milagrosamente todas as pelotas. Emma decátase de que o cono tamén ten outras vantaxes sorprendentes, desde servirlle como casco durante os seus saltos no corredor ata axudarlle a cavar ao triple de velocidade. O mellor de todo é que o cono xoga un papel fundamental no plan mestre de Emma para asustar ao esvaradío esquío do barrio, Keith. Finalmente, o cono desaparece, e Emma queda libre, pero a importante lección que aprendeu os seus días co cono permanece: con ou sen cono, é o espírito inventivo de Emma o que a converte nunha cadela única e especial. Esta nova e divertida continuación de Gato Cono é unha deliciosa oda ao enxeño e a sacarmos o mellor dunha situación moi canplicada."

martes, 27 de maio de 2025

El Hematocrítico: Morto de fame

El Hematocrítito presenta novo libro Morto de fame con ilustracións de Mar Villar (igual que os anteriores nos que lle dá volta aos personaxes dos contos tradicionais), traducido por Anaír Rodríguez e publicado por Xerais.

Así se presenta: "A irmá do conde Drácula está moi preocupada porque o seu fillo non é cruel e sanguinario: é boísimo. Drácula dille que o mande á súa casa, que xa el se encargará de convertelo nun verdadeiro vampiro aterrador. Mentres, Draculiño vai como cada noite visitar o seu amigo Lobiño, que lle garda algúns doces que prepara na súa pastelaría para que o vampiro poida cear, xa que non quere nin probar o sangue. Os dous lévanse moi ben e forman unha cuadrilla de amigos xunto a outros personaxes da Fraga, como Garavanciño ou Riciños. Draculiño é moi feliz, ata que lle cae un cairo e leva un terrible desgusto."

As historias entrecrúzanse, Lobiño é o pequeno lobo convertido en reposteiro, na súa propia aventura tamén atopamos a chamada de súa nai ao tío Feroz para que o reconvertera nun verdadeiro lobo, pero as cousas non saíron como pensaban e aí o termos coa súa pastelería en marcha. Agora, a nai de Draculiño tamén anda preocupada e tamén chama ao tío (ai! o poder que se lle supón aos tíos, sobre todo cando non aparecen os pais na historia). A cuadrilla de amigos de Draculiño son todos os personaxes que xa coñecemos: Riciños, Garavanciño ou o Rato Pérez. Pola Zona Aterradora andan Nefertita, Fantasmina, Zombi ou a casiña con pés. O protagonista segue a aparecer do revés: a Draculiño non lle gusta o sabor do sangue senón os doces pero... non sabemos que vai pasar co cambio de dentadura, un misterio que haberá que resolver!

Despois de irse, Hematocrítico segue entre nós...

domingo, 25 de maio de 2025

Un autor de teatro que escribe novela

 

Carlos Labraña leva toda a vida escribindo teatro pero por unha estraña razón acaba de estrearse como novelista. A biblioteca Galática contra a IA Fantástica.

De calquera maneira é unha narración que se presenta polo 75 aniversario da editorial Galaxia e da man do grupo Tanxarina teatro de títeres

Preséntase así: "O rato que coida da Biblioteca Galáctica descobre que unha ameaza se torna sobre os personaxes dos libros infantís dos seus andeis. Nunha loita contra o reloxo, o rato bibliotecario, Ramón Lamote e Sara deberán loitar contra o malvado profesor Smith e a súa IA fantástica para liberar os seus amigos Toribio, Espantallo Amigo e Lobo Namorado da súa maléfica influencia.  Tanxarina ofrécenos nesta montaxe teatral un espectáculo para lembrar, dirixido aos centros de ensino. Nesta disparatada e trepidante comedia hai aventuras, cancións e moito humor co que a rapazada rirá ás gargalladas.  A adaptación teatral da novela de Carlos Labraña é un canto á amizade, á solidariedade e unha defensa dos libros, da lectura e da palabra escrita fronte a unha Intelixencia Artificial que quere acabar coa imaxinación e a fantasía. Tanxarina Teatro e o dramaturgo Carlos Labraña unen as súas forzas para levar ao escenario un divertido espectáculo de marionetas protagonizado por algúns dos personaxes máis senlleiros da literatura infantil galega. Este esforzo conxunto de Tanxarina e Carlos Labraña nace por encargo da Editorial Galaxia para celebrar o 75 aniversario  no ano 2025. Un agasallo para que os rapaces e rapazas recuperen o pracer da lectura e os soños e as experiencias que nacen dela.
Tanxarina é unha compañía de teatro de monicreques galega, con máis de corenta anos de traxectoria artística. Combinan a manipulación de bonecos co traballo actoral, música e animacións diversas. Contan historias con “retranca” para público infantil e familiar. Para facer rir e facer pensar. Contan con seis premios de teatro María Casares, en distintas categorías, por varios dos seus espectáculos e participaron en festivais por Europa e América con grande éxito de público e crítica."

Trátase polo tanto dunha colaboración entre a editorial o grupo teatral e o autor para celebrar ese cumpreanos da Galaxia.

Na obra atopamos outras obras e outros personaxes, dende o Toribio de Carlos Casares coa súa amiga Sara e o seu inimigo o profesor Smith, o espantallo amigo de Neira Vilas, o lobo namorado de Fina Casalderrey ou Pedro Lamote ese personaxe creado por Paco Martín co que conseguiu traer a Galicia o primeiro Premio Nacional de Literatura Infantil. Homenaxes a libros pero tamén a teplos da cultura como as bibliotecas, á lectura e á bondade porque todos eles loitan contra Smith que é a reencarnación do mal. No medio de todo isto a Intelixencia Artificial como novidade á que prestarlle atención e o sempiterno rato de biblioteca percorréndoa polos séculos dos séculos.

Tal como acontecera, xustamente, con O espantallo amigo, representación que levaran a cabo Os Quinquilláns, a rapazada terá a oportunidade de ler e ver a mesma historia da man da editorial que garda os dereitos de autor dos clásicos galegos.