venres, 21 de agosto de 2020

Teatro da man de Gloria Sánchez

Queremos teatro pedimos, como auga de maio. Queremos teatro sempre, sen calquera estación porque este é o xénero cincenta da literatura galega. Tanto o é que só cada dous anos o AGADIC convoca ese concurso que adoita traernos dúas obras, unha de teatro convencional e outra para monicreques.
Sempre queremos teatro, pero cando este está escrito por Gloria Sánchez, moitísimo máis. Porque Gloria sempre trae esa frescura que tan ben combina co humor. Por iso, nos fai feliz cada vez que aparece unha obra asinada por ela.
Aquí está: Noé e Gato fan teatro publicada por oqueleo con ilustracións de Uxía Pin. Dúas pequenas obras unha que xira arredor do personaxe bíblico Noé ao que a Voz lle manda o que xa sabemos, el faino o mellor que sabe coa axuda da muller e o fillo, pero nun determinado momento vaise ter que enfrontar ás disposicións dos gardas, ás reclamacións de Greenpeace e ata ao chapapote. Un divertido xogo que comeza co diálogo entre Noé e quen máis manda para rematar na operación Camuflaxe total, uns e outros destilando esa maneira de ser galego que nunca deixa de sorprendernos. Se a primeira se chama "Corre, Carmela, que chove" lembrando o programa de radio e avisos anteriores, a segunda "Lobo, ven!" está baseada nun conto tradicional portugués tal como se nos cota na entrada. Unha casa cos seus animais: gato, can, galiña; unha nai, un fillo e o lobo no monte. O rapaz é un "fervello, atravesado e non para quedo" e anda todo o tempo meténdose cos animais, facéndolle as mil e unha; a nai avisa "Vou chamar o lobo para que te leve con el para o monte!" pero nunca cumpre, así que o gato farto xa de tanta tortura vai buscar o lobo... As ilustracións, igual de divertidas e xeitosas. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario