venres, 13 de marzo de 2020

O último de Miguelanxo Prado



Amani de Miguelanxo Prado, publicado por Retranca editora, acaba de saír e anda de presentación.
Un hipopótamo pacífico que inaugura unha comunidade de “rariños”, os tranquilos, que cada xeración vai aumentando entre os descendentes  de Amani e Utamu (a parella que se namora del tan pronto o ve) e os que van chegando do grupo dos outros (os agresivos) por inadaptados. 
Aí os están, sen molestar a ninguén senón todo o contrario, facendo felices aos que coinciden con eles. Agora, estudados por biólogos e naturistas que comezan a falar de que moi posiblemente asistamos ao nacemento dunha nova especie, o Hippoppotamus Pacificus porque a Natureza e a Evolución son abraiantes! Sen dúbida. 
Queremos confiar en que vaian aparecendo máis especies deste tipo, máis pacíficas e pacíficos. E, se fora posible, entre os humanos, porque xa o dicía Concepción Arenal "A guerra é un feito sen dereito". Un horror que non se entende cando temos a capacidade de falar para entendernos e de acariciarnos para demostrar afecto.
Un álbum (máis ben) en formato grande e vertical, a favor da paz e da aceptación dun mesmo.
Un libro que xa está dispoñible tamén en catalán e castelán.
O Premio Nacional de Banda Deseñada segue a dar pasos polos diferentes formatos, con obras dirixidas a diferentes tramos de idade. Neste caso, para os máis pequenos cunha parábola, alegoría ou fábula (ou o que queirades) no medio dese camiño de evolución dende o relato de ciencia ficción ao máis costumista, melancólico e poético (como se cita na páxina de Astronave, a editora catalá).
Canto agradecemos cada unha das súas entregas! 
E moito agradecemos á editorial Retranca que nos achegue esta obra na nosa lingua! 

Ningún comentario:

Publicar un comentario