mércores, 11 de marzo de 2020

Un conto para pequerrechos/as

Se che pica un mosquito de Jordi Gastó con ilustracións de Christian Inaraja, traducido por Xosé Ballesteros e publicado por Kalandraka. 
Fronte á dor o remedio do humor; riamos que así curamos, porque se che pica un mosquito non podes quedar mirando e compadecéndote, non, o que compre é facer outras cousas, mirar a outros sitios para esquecer que é o que che doe e por que.
"Se che pica un mosquito   
e non te queres rascar (*non debes, vaiche picar máis) 
eu coñezo un remedio 
que che pode axudar *seguro que si).
Á pata coxa  
tres pinchos has dar, (*non caias, a ver se vai ser peor o remedio que a enfermidade)
logo berra alto
sen mirar atrás." (*tampouco se trata de asustar aos demais, só distraerte, non tolear)
As * non son do autor que el ten máis arte (e parte).
Rimamos nos pares e non nos preocupamos se a rima non é total, chega con que sexa só nas vogais: o que se chama asonante, lembras?
Unha historia rimada, un remedio para cando a rapazada ande con "pupas". Unhas ilustracións sinxeliñas, achegándose á xeometría, con cores planas e liñas mínimas que ofrecen toda a expresividade necesaria (e algo máis) pois incluso sabemos cando é que deixa de doer, ou non?
Un convite á aventura, a saír na busca de personaxes de conto, a divertirse cantando, a  facer festa e a enfrontar os monstros (sexan da cor que sexan).

Ningún comentario:

Publicar un comentario