sábado, 12 de setembro de 2020

De música e músicos, de cantantes e historias

Maneiras de vivir de Luis Leante conseguiu o premio Edebé de literatura xuvenil no mesmo ano que o infantil foi para David Nel·lo pola obra A crónica de Ivo Cukar. 

Unha pseudo historia real, na que o autor, escritor de literatura xuvenil, encontra a un dos seus ídolos de rock, co que a vida non se portou todo o ben que cabía agardar. Unha tenda de discos de vinilo, un vello rokeiro ao fronte e un nostálxico que lembra o primeiro dos grandes concertos e as vicisitudes do cantante co paso polas drogas e o cárcere. A conversa crea amizade e un bo día, o narrador autor decide contar a historia en base a entrevistas aos diferentes personaxes: Jimi, a súa muller Rosa Winchester, a filla desta Luna, o fillo del Manu, os amigos, algún familiar e amizades (das que se conservan ao longo do tempo vaian como vaian os asuntos pecuniarios).

Unha novela trepidante na que non soltamos o libro ata o remate porque os nós vai indo dun a outro ámbito, problemas familiares e de incomprensión de pais e fillos, nais e fillas, os avós e os tíos con todas as variedades de persoa, as desgrazas sempre no peor momento, os namoramentos sen aclarar... Unha historia na que o protagonista vai ser vitima dun delincuente ao que coñecera no cárcere. Polo tanto, unha dose de novela negra cara ao final, un manipulador moi ben retratado e un final que nos deixa contentos.

Ningún comentario:

Publicar un comentario