mércores, 4 de outubro de 2017


Pois si, Antonio García Teijeiro, é o novo Premio Nacional de Literatura Infantil co seu libro Poemar o mar.
Un lbro do que falaramos neste blog hai uns meses.
Un libro de poesía moi logrado no que as ilustracións tamén merecían outro Premio Nacional, neste caso o de ilustración, para Xan López Domínguez, que continúa a traballar no seu estilo pero introducindo e limitándose a unhas tonalidades que lle achegan á obra un ton antigo.   
Parabéns a Antonio García Teijeiro, un autor de noso que xa conta con premios e recoñecementos a nivel internacional. Parabéns a Xerais pola magnífica edición deste libro. E parabéns para toda  literatura galega.
Quen dixo que non somos unha potencia?
Sómolo, a nivel creativo e de empeño, pero necesitamos apoios de quen ten esa encomenda. A que agarda?

venres, 29 de setembro de 2017

Novo cartel de bibliotecas escolares


Como todos os anos, as bibliotecas escolares de Galicia estrean novo cartel. O deste ano correspondeulle a Xosé Tomás e xira arredor da Filosofía. "Aprender a pensar na biblioteca escolar" é o seu lema.
Os anteriores: "Biblioteca escolar. Servidor Central", "Biblioteca escolar. Espazo de lecturas", "Biblioteca escolar. Un mundo de oportunidades", "Biblioteca escolar. Última xeración", "Biblioteca escolar. Acelerador de Innovación",  "Ler ciencia na biblioteca escolar", "Biblioteca escolar. Matemático!", "Biblioteca escolar. Base de exploracións", "Biblioteca escolar. Territorio das Artes" foran realizados por Manuel Lariño, Miguelanxo Prado, Marina Seoane, Enma Ríos, Andrés Meixide, Patricia Castelao, David Pintor, Fran Bueno e Minia Regos. Unha boa morea de profesionais que demostra o bo facer dos nosos ilustradores e ilustradoras.
Así se presenta:
"Unha biblioteca  escolar actualizada no seu modelo, nos seus recursos e equipamentos, nas súas propostas; atendida con profesionalidade e integrada no día a día do centro educativo, supón unha oportunidade única para axudar a nenas e nenos a desenvolver o seu pensamento crítico, a "aprender a pensar".
Aprender a pensar a través dos contos, da tradición oral, das lecturas de ficción, da poesía, do teatro; a través das lecturas de materiais de divulgación científica, a través das investigacións. Aprender a pensar co cine e coa música. Aprender a pensar a través do diálogo, nos clubs de lectura, nas actividades compartidas. Aprender a pensar baixo a guía e orientación dun profesorado consciente da importancia da curiosidade como motor vital e, tamén, da importancia de activar no alumnado os mecanismos  para desenvolver o pensamento complexo. Aprender a pensar nas clases de filosofía, pero tamén fóra das aulas regladas, onde a vida flúe en todo o seu misterio. A biblioteca escolar é un espazo privilexiado para que o alumnado non perda a súa capacidade de asombro; para que aprenda a formularse preguntas diante dos distintos fenómenos naturais ou sociais e, tamén, a procurar algunhas respostas á complexidade que lle toca vivir."
NON SE PODE DICIR MELLOR!

xoves, 28 de setembro de 2017

Gonzalo Moure, premio Cervantes Chico








Alegrámonos por Gonzalo Moure, ben merecía este premio. Tamén nos alegramos porque ten obra traducida ao galego, porque é un autor de calidade e compromiso, dos que fan falla e crean lectores.
Aínda que sexa o Cervantes chico, fainos lembrar as palabras de Suso de Toro cando fala de que o Cervantes o pagamos entre todos pero só o reciben os escritores en lingua espñola. E tamén lembramos o seu papel no Bubisher, ese soñs feito biblioteca no Sahara.
Así aparece a súa entraa en Kalandraka:
Xornalista e escritor. Os seus libros destacan polo compromiso social co pobo saharaui, os dereitos da infancia, a igualdade entre razas e a defensa do medio ambiente. Pola súa obra, que figura na lista de honra da IBBY, foi galardoado co Premio Barco de Vapor 1995, o Premio Ala Delta 2001, o Premio Gran Angular 2003 e o Premio Anaya. Afincado en Asturias dende 1989, imparte charlas en centros educativos, bibliotecas e clubes de lectura.
Da páxina de Xerais recollemos os seus libros en lingua galega:
O bocexo do puma (2000), Palabras de Caramelo (Xerais, Sopa de Libros 2003), Eu, que matei de melancolía ao pirata Francis Drake (Xerais, Fóra de Xogo 2004), A noite do Risón (Xerais 2007), Cama e conto (Xerais 2010) e, en colaboración con Tina Blanco, A porta de Mayo (Xerais Narrativa 2008).

martes, 19 de setembro de 2017

Xohana Torres. De infancia e mar

  

Foise Xohana Torres pola banda do solpor cando o outono petaba ás portas da paisaxe.
A súa ida fíxonos pensar, unha vez máis, no que achegara ao noso tempo, á lingua e ao país dos galegos e as galegas, ao universo das mulleres... especialmente cando escribira aquel poema no que nos trae a Penélope disposta a abandonar o tear e saír ao mar:
“Existe a maxia e pode ser de todos.
¿A que tanto novelo e tanta historia?
Eu tamén navegar."
Desde aquí, non podemos deixar de lembrar os seus libros de literatura infantil e xuvenil. Libros que son imprescindibles cando se escriben e publican. Libros que achegan o mar a esa literatura.
Polo mar van as sardiñas, primeiro libro galego que forma parte de Editores asociados e, polo tanto, vai ser traducido ás outras linguas do Estado. Formar parte dese proxecto cos outras linguas, para que as historias chegaran aos pequenos e pequenas, e facelo desde a nosa creación. Ademais, se revisamos a nosa LIX (literatura infantil e xuvenil) veremos que o mar non abunda, e Xoana Torres, introdúcenos nel neses dous libros. Corría o ano 1967...
 Así comeza:
"Pequeno Antón vive no val, terra adentro. Pequeno Antón sube moitas veces aos outeiros e dexerga, ao lonxe, o gran mar azul e o ronsel dos barcos.
-Meu pai, ¿como é de ricaz o mar? ¿O mesmo que o noso val se o val fose de auga...?"
O outro, Pericles e a balea,  fala dun churreiro que despois de alegrar os días festivos da rapazada acaba marchando ao mar, acompañado pola amiga Tálata (da que di "É unha balea como a lúa chea") e o can Argos.
Así remata:
"(...) Tempo despois, o contramestre dun barco de bandeira panameña regaloulle a Xerome un loro das Antillas. O animal, entre outras ladaíñas berraba:
Quentiños, douradiños,
a la malalé, os churros
que van fervendo.
Era o mensaxeiro de Pericles. Anunciáballes aos nenos que seguía vivo e vendendo churros nas illado Caribe."

martes, 12 de setembro de 2017

Marina Colasanti, ganadora do Premio Iberoamericano de Literatura Infantil

 
Acaba de facerse público que a escritora brasileira, Marina Colasanti,  recibirá o premio o 28 de novembro, durante a FIL. Un premio creado pola Fundación SM en 2005 e conta cunha dotación de 30 mil dólares.
O xurado declara que este premio foi concedido tendo en conta a calidade literaria da súa obra expresada nun rico linguaxe poético, o eloxio da fantasía e o uso e dominio do simbólico; pola relectura valorativa do conto de fadas, así como pola construción de personaxes profundos, ben consolidados e cun gran mundo interior.
A autora que considera que a súa misión é emocionar, facer pensar e abrir interrogantes, ten feito declaracións de tanto interese como que incorporarse á literatura infantil foi como entrar na cova de Alí Baba, para non querer saír nunca máis.
Edicións Xerais de Galicia publicou No labirinto do vento,un volume que reúne dúas obras que gañaron en 1979 dous prestixiosos premios brasileiros: o Gran Premio da Crítica e o Premio da Fundación Nacional do Libro Infantil e Xuvenil. Esta é unha boa época para volver a el.

mércores, 23 de agosto de 2017

Como contar...

Agora que imos de cara ás longas noites e os día curtos, ao tempo que en Beja se celebra o festival das Palabras Andarilhas, imos fala de contadas; para iso, seguiremos as recomendacións de Isabel Tejerina.
O primeiro que hai que facer é unha selección moi persoal, porque a historia tenche que atrapar. Logo, aprender a trama e captar os detalles máis importantes dos personaxes e o contexto. Sempre, desexar que outros o coñezan e o gocen. Explorar as competencias persoais para contar e os recursos e as maneiras máis doadas de dirixirse a un auditorio. Comezar con relatos moi curtos e con oíntes que non te intimiden, aínda que primeiro do todo unha debe contarse a si mesma a historia ata coñecela tanto que cando a conte semelle que se está a improvisar.
Coñecer ben a historia, evitando vacilacións.
Adaptalo, persoalmente, para poder contado. Atopar eses matices propios para interiorizalo e compartilo.
Utilizar fórmulas de principio e final. 
Definir e manter o ton.
Teatralizar o xusto, non pasarse coa xesticulación.
Memorizar determinadas fórmulas, frases, diálogos... para repetilos.
Estar relaxado e con ganas de agasallar esa historia. Estar motivado.
Preparar ao auditorio para que tamén estean relaxados e coñecedores do que vai ter lugar.
Manter a súa atención, a intriga e a emoción. Buscar a súa complicidade ata conmoverse con eles
Non interromper o relato para que non rache a maxia.
Na contada, tamén se conta e se recrea co corpo. Non hai que memorizalo totalmente; non é necesario que as contadas sexan sempre iguais. Realízanse esquemas mentais que se irán modificando ao adaptarse ás circunstancias nas que se conte.

martes, 22 de agosto de 2017

Pediatría ao servizod saúde e da lectura

Unha campaña, Ler para estar ben, que poñen en marcha os especialistas en pediatría...
Cóntano así, desde Oaxaca, e para que tomemos nota.
"A confianza que nais e paiis depositan en pediatras é aproveitada polo Consejo de la Comunicación para impulsar xunto coa Confederación Nacional de Pediatría de México e a Federación de Pediatría del Sureste (Fepesur) o programa “Ler para estar ben”.
Así como prescriben medicamentos e coidados, 260 pediatras da cidade  zona de Oaxaca, recetarán a pacientes a lectura de libros que lles axuden a superar medos e mellorar a autoestima, tal como xa se fai no resto do país.