mércores, 15 de decembro de 2021

Un novo libro de Fina Casalderrey: O xenio da Cidade do Sal

Un novo libro de Fina Casalderrey: O xenio da Cidade do Sal, con ilustracións de Xosé Cobas e música de Luís Soto.

Unha música, Mozart á galega, con Cuartetos para Frauta e trío de cordas de W. A. Mozart con temas tradicionais galegos. Dise que "Cando Mozart viaxaba por centro Europa sorprendendo a propios e estranos, en Galicia o mar xa batía contra os cantís de Cabo Vilán, os monxes do Mosteiro de Samos xa cantaban Gregoriano, nas lonxas o peixe era vendido a gritos, a Compostela chegaban cada día centos de almas que buscaban a paz e o perdón." estamos pois ante a historia dun músico, Mozar, o camiño de Santiago, e unha historia que sitúa ao pequeno xenio no seu tempo e no actual con doce anos, aínda que xa unha vez chega a Galicia o tepo ten corrido e a idade é a que é. 

Unha historia de Fina cun CD coas músicas. Unha historia sobre un xenio e a relación coa súa familia (pai, nai e irmá). Un relato no que de probnto aparece un cabalo alado que o vai conducir polo camiño ata chegar a San Andrés de Teixido. Os caprichos dun neno superdotado, a escatoloxía facéndose un lugar no texto pois, por moito que escriba operas, é un neno e iso é i que lle gusta. Fina amóldase a un binomio e sae del como só poden facelo as boas escritoras. As ilustracións de Cobas acompañan marabillosamente o texto creando ese misterio tan necesario.

Agora que chega o tempo de agasallos... un libro con música, unha historia ben contada (da man de dous narradores: escritora e protagonista) e unhas imaxes fermosas.

luns, 13 de decembro de 2021

Novela xuvenil: O cemiterio de barcos


O cemiterio de barcos de Francisco Castro, publicada por Galaxia na colección Costa Oeste. Da presentación editorial: "David lembra moi ben canto gozaba das vacacións de verán na vila natal do seu pai, cando era neno. Agora ten dezaseis anos e todo é distinto: foi un curso difícil no instituto e nada lle apetece menos que volver á vila de sempre para aburrirse unha vez máis, por moito que o seu pai insista en animalo. Pero así como chega coñecerá a Lucía, unha rapaza que vén de saír dunha relación tóxica e violenta, e xorde entre eles unha complicidade case instantánea. Xuntos descubrirán un segredo soterrado na vila dende hai décadas para así desvelar unha rede corrupta que ameaza con estragar os recursos e o equilibrio da vila e os seus habitantes." 
Un pobo, gobernado por un cacique que se reproduce a si mesmo, pasando o poder de pais a fillos, con mano como para evitar que traballe alí un médico porque é de esquerdas, para urbanizar o que queira e ata para quedar con propiedades que eran dos derrotados na guerra. Esta trama únese á de amizade e amor adolescente, unha parella na que el é fillo do alcalde (polo tanto futuro alcalde) e ela unha filla de solteira, el controlador e con visos de maltratador, ela presa do amor romántico... pero a amizade pode salvar dunha parella escura, pode incluso converterse nun novo amor. Ese médico e o seu fillo, a bibliotecaria e un vagabundo é posible que desfagan toda esa rede de corrupción e violencia.

sábado, 11 de decembro de 2021

Libros da editorial Belagua

No Culturgal, cando presentamos a guía Donas no espello da LIXG, contactamos coa xente de Belagua. Un bo encontro, elas pasáronnos uns títulos para GALIX, entre eles están Un mundo para Maruxa e Galegas na ciencia dos que xa se falou neste blog, pero ademais A árbore dos vagalumes, Rsaura e o mar e Rosaura. Cesteira de Mondariz da qutoría de Isabel Blanco e as ilustracións de Luz Beloso.


 
Un mundo para Maruxa é unha historia medio ambiental sobre o perigo dos plásticos no mar a través da historia dunha londra que terán que levar ao Centro de recuperación.

Galegas na ciencia recolle a vida de vinte mulleres galegas que se dedicaron á cienca, dende Isabel Zendal ás irmás Jimena e Elisa de la Vega. Un libro tamén necesario. 

A árbore dos vagalumes de Xulia Mª Barros (terapeuta e música) con ilustracións de Diego Salgado. "Unha emotiva historia interxeracional, sobre o valor dos afectos, o respecto aos maiores e, sobre todo, a importancia de conservar a memoria, é dicir, a capacidade de non esquecer de onde vimos." Avó e neto, perda de memoria, amizade e lembranzas, paso da maxia dun a outro, a vida e o seu percurso...

De Isabel Blanco e Luz Beloso, temos unha case colección ao redor da figura de Rosaura que, nun libro é Cesteria de Mondariz, noutro une o seu nome ao mar para se converter en mariñeira, mariscadora, redeira, percebeira, pescantina na lonxa... traballa nas bateas ou na fábrica de conservas. E noutra entrega temos As recetas de Rosaura.

 

xoves, 9 de decembro de 2021

Un novo libro dunha escritora que non defrauda

 

Eva Mejuto acaba de publicar un novo libro. Sempre os agardamos con ilusión, porque non defrauda. Agora acaba de apafrecer Neko en oqueleo con ilustración da capa de Bea Gregores (outro valor en alza). 

Unha historia contada por unha nena que semella falar co can que leva ese nome. O seu can, dende que o atopou no lixo, dende que o fixo amigo e nunca se separ del. Por iso, Neko será testemuña do seu paso polo Xuzgado, da relación coa xuíza, dos segredos que doen (cando se gardan e cando se contan), das  duras experiencias que nunca debera ter unha nena e da luz que se vai abrir cara ao final porque cando contamos con tempo todo pode ter solución. Tan ben contada, como nesa confesión que sae a borbotóns para desafogar, o relato agárranos ata o seu remate.

Violencia de xénero e diversidade dándose a man, podería semellar demasiada carga, pero tal vez se dixira doadamente porque se buscou o lugar axeitado para facelo. Un libro para acompañar!   

mércores, 8 de decembro de 2021

Varios libros, primeiras lecturas para as bibliotecas


O asubío do avó de Ángeles Goás está ilustrado por Leandro Lamas e publicado por Galaxia. Hai músicas que levamos dentro como a voz e o asubío, os ritmos que facemos cos dedos, as mans ou pés sobre diferentes partes do noso corpo, os aplausos cos que agradecemos... O asubío é algo que sabe facer moi ben o avó deste conto, pero un día pérdeo e terá que buscalo ata que á fin vaise con el. Hai que saber irse, hai que saber despedirse, hai que deixar marchar cando chega o momento. Esa é esta historia, o adeus dun avó e o seu neto, a lembranza que deixa e que se recupera cando o rapaz é quen de asubiar el tammén, de recuperar o asubío que sempre relaciona co avó.

Unha historia triste que se alegra coa música e os afectos que a percorren. 

No bosque de Ainara Azpiazu e traducido por Ana Escourido, está publicado en La topera. Dise que é "Un himno á beleza dos nosos bosques e dos seres que os habitan. Un álbum ilustrado que nos invita a valorar o que está preto e coidalo como se merece. Vive unha aventura da man dunha moza, o seu avó e unha cámara ..." Porque o seu avó -de novo- foi cazador, pero agora -xa maior- o que fai é fotografar aos animais que pode ver no bosque. Alá van os dous, pero a nena non dá visto nada (igual é que non puxo as gafas de ver animais libres) aínda así, cando chegan á casa descobre que o avó tomou moitas imaxes nas que estaban eses animais e tamén ela, na floresta. Boa historia, bo texto e boas imaxes, quen dá máis?

Cinco minutiños máis de Marta Altés publicado por Blackie Books en versión de María Alonso Seisdedos. Todo podería resumirse nisto: "O tempo, que cousa tan curiosa. Papá fala seguido dese tema. Pero eu creo que sei máis do tempo ca el..."Comeza co pai, pola mañá, pedindo cinco minutiños máis de descanso e remata cando os raposiños lle piden a el cinco minutiños máis no conto da noite. Unha historia chea de tenrura e cambio de roles natural, sen esforzo de ningún tipo, tal como vai o río.

luns, 6 de decembro de 2021

De cómics e novidades (II)

Aldara. A lenda do cervo branco de Inés Vázquez, publicada por Demo, a editora de Manel Cráneo.

De culturagalega.gal recollemos "A autora, que debutara cunha historia curta no volume colectivo Licor Café presenta a súa primeira proposta longa, "unha fantasía costumista para todos os públicos que nos amosa o rural galego máis máxico e que máis bebe das tradicións". A lenda tradicional A doncela Cerva, que Leandro Carré Alvarellos recolleu na zona de Doncos no século XIX serve de base para esta obra de 144 páxinas a toda cor.

Unha novela gráfica da autoría dunha moza, baseada nunha lenda tradicional que retrata "Un misterio que ameaza a vida tranquila dunha aldea afastada no medio do bosque, uns personaxes envelenados polo seu pasado e unha maldición xurdida na natureza". Eses son os ingredientes, aos que hai que engadir unha realización magnífica a nivel de imaxe e a inmersión nun mundo infantil rural que nos remite a realidades vividas nesa especie de enfrontamento entre uns e outros, ese mal mirar ou quedar prendado da rapaza que anda polo medio, esas palabras que non se din porque non estamos dispostos a escoitar a verdade do outro pois pode descobrir que andamos a tapara nosa responsabilidade, os espíritus vagando pola natureza e un mito que se repite, un ser que non é ser e vai existindo grazas ao humanos. Boto de menos algo da claridade gráfica no relato; debo confesar que as elipses do cómic moitas veces continúan a precisar algo máis de información para que o lector ou lectora non perda nada do que se quere contar. Ás veces, preguntoma de onde saiu ese esforzo de achegar a banda deseñada á poesía e obrigala a contaro que non se conta, a facerse máis connotativa...

sábado, 4 de decembro de 2021

De cómics e novidades (I)

Da presentación editorial:

"Chiharu é unha moza orfa salvada da morte por unha misteriosa guerreira. Quen é esa nena que leva sempre unha tartaruga no alto da cocorota? Por que quere apreixala o máis desapiadado asasino do imperio?

Abel Alves e Jorge Campos compoñen unha trepidante historia de aventuras, unha homenaxe á cultura do Xapón. Unha lectura que te vai deixar sen alento.

A partir dos 10 anos."

Unha historia oriental, contada polos occidentais Abel Alves e Jorge Campos, un mundo propio da creación do afastado este que agor atamén podeos contar nós, e non o facemmos mal. Que queredes querreiros... aí os tedes, heroes... aí os están!

Un misterio coas aventuras continuas. Continuará...?