venres, 10 de marzo de 2023

Filosofía en 28 conversas

Miguel Vázquez Freire é filósofo, pero no só, tamén escritor de ficción, tamén crítico literario e de arte, tamén innovador educativo, tamén home de teatro... Neste caso, baseándose nun programa de radio que levou a cabo no seu Corcubión natal ao longo da pandemia, divulgando filosofía, saca a luz este libro que se sitúa na colección Seica de Xerais.

O moucho voa preséntase así: "Un libro pensado para introducir a mocidade na filosofía. Está constituído por 25 conversas, amenas e desenfadadas, organizadas nos catro temas principais dos que se ocupa a filosofía tradicionalmente: o Ser, obxecto da ontoloxía; a Verdade, obxecto da teoría do coñecemento ou epistemoloxía; o Ben, obxecto da filosofía moral ou ética; e a Xustiza, obxecto da filosofía política. A filosofía ocúpase dos asuntos que nos preocupan a todas as persoas e proporciónanos instrumentos para pensar con maior rigor, para facer das nosas vidas unhas vidas plenas. Porque as grandes ideas filosóficas tamén interesan ao común da xente. Porque calquera persoa, espontaneamente, ten preocupacións relacionadas coa filosofía".

Non hai mellor maneira de falar del... As conversas simuladas cun par de persoas: unha moza e un xubilado achegan a inxenuidade das preguntas ás que o filósofo ha de dar resposta. 

luns, 6 de marzo de 2023

Unha tradución

A casa da Moira de Sergio Sánchez Benítez con ilustracións de María Montes, traducida por Xosé Duncan  e publicada por Bululú.

Así se presenta: "Aquela casa de cor gris, atrapada no medio do tráfico, sempre chamara a miña atención. Quen podería vivir rodeado de asfalto, sen comunicación ningunha? Estaba convencida de que alí só podía habitar unha bruxa. Unha tarde de inverno decidín cruzar a autoestrada e, malia que non coñecín ningunha meiga, si descubrín quen son as moiras.» Daniela é unha rapaza moi imaxinativa e observadora, un día decide descubrir quen vive nesa casa, atravesa a autoestrada e algo sucede... é atropelada? atravesa aproveitando que o castelo baixou a ponte levadizo por medio dun camión que envorcou? O caso é que coñece a unha dos Moiras e que este decide axudala, así se salva e para demostrar que o que sucedeu foi certo, anos máis tarde atopou os sinais.

Mitoloxía ao servizo das historias actuais.


sábado, 4 de marzo de 2023

Un novo título da colección Fora de Xogo para un problema que non se resolve

Un novo título da colección Fora de Xogo enfronta un problema que semella non ter solución: Bulllying de Álex Alonso.

Esta novela acadou o XVII Premio de Narración Curta Ánxel Fole. Preséntase así: "Mergullándose en temas que centran o universo adolescente, como as redes sociais, a homosexualidade e, sobre todo, o acoso escolar (...). A mellor reflexión sobre a novela está nas palabras iniciais do seu protagonista: «Cada vez que entro ao instituto penso no inferno, e, sinceramente, preferiría mellor estar aí embaixo, no subterráneo, ardendo nas chamas. Mamá di que o inferno existe e que o ceo tamén. O do ceo está ben claro que existe porque levanto a vista e velaí o está, pero o inferno, de o haber, non creo que sexa tan terrible coma este onde estou».

Diferentes voces van dando a súa versión dos feitos, como se estiveran ante o xuzgado, a policía, o lectora/a que pregunta: a de Antón (o protagonista), Nai, Pai, O monstro, Venres, Compañeiro na instituto da Coruña, Tía Marga, Director do instituto da Coruña, Anxo, Xiana, Psicóloga, Outro compañeiro do instituto da Coruña, Un terceiro compañeiro do instituto da Coruña, Alicia, Un profesor, Pai de Xiana, Jenni... É dicir, unha pléiade de personaxes que estaban aí e non fixeron nada, simularon que non se enteiraban, viron e non quixeron actuar... Só Monstro o acolleu para levalo con el. Os acosadores: o gran acosador, os seus secuaces, os que apoiaban de lonxe, os pasivos que miraron indiferentes, os que quixeron actuar pero non o fixeron... E cada día ha de estar sucedendo. Esa é a mensaxe. E todos se salvan, ninguén carga coa responsabilidade dunha situación tan atroz, coa transformación do mundo nun inferno. Unha obra para recapacitar, discutir ata o berro e... ACTUAR!!!  Xa está ben de tanto ir ao de cada un, de abandonar funcións, de non atender a parte humana e educativa.

xoves, 2 de marzo de 2023

Roxín Roxal. A daga do conde. Un cómic para lectorado autónomo

Roxín Roxal. A daga do conde. Un cómic para lectorado autónomo con guión de Manel Cráneo e debuxado por Brais Fierro, publicado por Demo editora na colección Eumedievo.

Retoman o heroe do imaxinario medieval que dou a coñecer Carré Alvarellos e que Novoneyra nos trouxera a través dos seus contos. Agora, un cómic fala das súas aventuras heroicas, dun amor imposible pola inxustiza das desigualdades de orixe, nunha linguaxe clara e comprensible na que as elipses son as necesarias pero non obrigan ao lectora ou lectora e adiviñar senón que levan o ritmo natural e... agardamos que sexa a porta de entrada a novos capítulos que, seguramente, leran de bo grao os lectores e lectoras de oito anos en diante. Parabéns!


martes, 28 de febreiro de 2023

Vai de lobos

Un ovo de lobo de Txabi Arnal, traducido por Iolanda Mato e publicado por Triqueta Verde. 

Imaxinamos un lobo que quere facer un niño, poñer un ovo e criar unha criatura. Si, xa vimos que  coloca unhas ás de aguia e mascato que coloca nas patas de diante e no rabo. Tenta poñer un ovo... non é quen de facelo. Sofre algún que outro engano porque cando unha nube solta pedrazo no niño el ponse a incubalos ata que se lle desfán. Desespera: non pode facer o que fai o paxaro máis pequeno do bosque. Mentres os paxaros tentan animalo, o cuco fai das súas e coloca un ovo no niño do logo. Xa sabedes a maneira como segue a historia, tan pronto racha a casca do ovo o lobo empéñase en ensinarlle a voarm unha e outra vez, ata que o consegue. "Voa, cuquiño, voa" dille o lobo emocionado e orgulloso. Unha historia optimista e de autonomía, de amores que nos axudan a voar e chea de referencias actuais.

Feroz o lobo de Margarita del Mazo con ilustracións de Leire Salaberria, traducido do castelán por Marisa Núñez e publicado por OQO

Unha volta ao conto. Neste caso, o lobo vai buscando a Carapuchiña, todos o miran mal, todo o undo lle ve malas intencións, pero el, o único que quere é felicitala. Tamén atopamos a mestura con outros contos nos que o lobo actúa, como o dos tres porquiños.


domingo, 26 de febreiro de 2023

Cantas bruxas...

Cada día aparecen series de bruxas, unhas detrás das outras, na maior parte traducidas, como se a rapazada boa lectora no primeiro tramo de idade (prelectoras e primeiras lectoras), pero sobre todo, no segundo tramo, de lecturas autónomas, non gustase ler doutros temas... como se fose necesario Harry Potter nunha e outra versión feminina. 

Unha destas é Cleo Duflón: outra bruxa novata de Pilar Serrano con ilustracións de Ignacio Hernández, publicada por Minicumio,  que se presenta así: "Cleo é unha nena como todas, quere ir ao cole, xogar e pasar desapercibida. Pero a súa nai dille que ela é unha bruxa, unha bruxa moi especial. Deseguido terá que descubrir cales son os seus dons nunha escola de maxia un tanto particular. Polo camiño atoparase con amigas, conflitos e misterios que con enxeño, intelixencia, empatía e bastante humor terá que resolver. Ás veces dubidará, porque dubidar é bo, pero no seu afán pola verdade e a xustiza levaran a Cleo, a nosa nova bruxa novata, a acadar a solución ao redor dun conflito entre Duflós e Conxuro, as dúas mascotas máis relevantes na súa escola, con un pasado un tanto conflitivo."

xoves, 23 de febreiro de 2023

Cómic con estética manga, en galego

 


Anémona de Río vainos dotando de publicacións ao redor desta estética. 

Fíxoo con A proba de auga e na serie Tam (esa moza feliz á que a opresión dos canons de beleza lle xoga malas pasadas). Na primeira das entregas aparecen todas as súas dúbidas ante o convite a unha festa de antigos alumnos. Nesta segunda, Tam 2, preséntase na vida diaria, na relación coa súa nai, coa amiga Amanda e co rapaz que lle gusta, Kevin. Polo medio unha camada de gatos abandonados aos que lles busca fogar e a diversidade sexual entrando de maneira natural. Todo está no bo camiño!

Ambas, Tam e Tam 2 na editorial Retranca