xoves, 26 de setembro de 2024

Un novo libro de Leo Lionni

 


Un peixe é un peixe de Leo Lionni aparece na colección Tras os montes de Kalandraka. Con este título chega o autor á ducia de libros en galego traducidos e publicados por Kalandraka nese intento por traer aos mellores á nosa lingua, nese interese por dotarnos dos clásicos infantís e non permitir que desaparezan na voráxine das novidades. Neste caso traducido por Xosé Manuel González e na colección Tras os montes.  Preséntase así: "Unha fábula sobre a amizade que anima á reflexión sobre a identidade, o coñecemento e a aceptación dun mesmo."

Si, na lagoa atópanse un peixiño e un cágado. Ao peixe cústalle traballo comprender que o cágado se converta en ra, máis tarde resultaralle moi interesante o que esta lle conta do que ve polo mundo: paxaros que voan, vacas con bolsas rosadas cargadas de leite, xente camiñando a dúas patas... O peixe soña con todo o que a ra lle conta (aínda que tal como el as imaxina igual non é como realmente son). Un día non aguanta a curiosidade e salta da auga para a terra coas ganas de ver ese mundo. Case morre no intento se non fose porque a ra se dá conta e o empuxa de novo á auga; alí recupérase e acepta que un peixe é un peixe.

Moita ensinanza nun só libro.Os adultos verémonos moi reflectidos cando vemos todo á nosa medida, cando queremos facer o que non  nos corresponde...

martes, 24 de setembro de 2024

Un novo libro de Fréderic Stehr: "A hora da sesta"

 

A hora da sesta de Fréderic Stehr (traducido por Xosé Ballesteros) é o terceiro título que publica Kalandraka deste autor. Libros duros para que as criaturas podan manipulalos a pracer.

Así se presenta: "É a hora da sesta na escola infantil e Leo non ten sono. Para entreterse, fai unha cabana e esperta o seu amigo Oli para amosarlla. Pouco a pouco, os demais compañeiros irán sumándose para construír unha na que caiban todos."

O mellor do libro non é o que conta senón como o fai. Entre as ilustracións e as escasas conversas entramos no mundo desas crías de aves e o seus tempo na gardería.  Esa maneira de contar que nos leva a eses instantes nos que a tenrura envolve a situacións: as posturas porque hai quen dorme do revés e quen o fai ocupando o colchón de lado, a personalidade de cada un deles, o boneco que os acompaña e a maneira na que se apuntan ao xogo... podemos seguir a evolución do sono de cada un deles, de como o quen non durmiu antes necesita facelo despois, a transformación da cabana... Na contra cuberta continúa a historia cando un dos pequerrechos pon a durmir a sesta aos seus bonecos e tamén lles prepara esa posibilidade de construír a cabana. 

Como é posible seguir gardando esa primeira infancia para facérnola chegar?

luns, 23 de setembro de 2024

Dos mundos da pantalla e as civilizacións orientais, do aillamento e a actualidade

Hoshi. A voz da pedra fósil de Brais Babarro Fernández está publicado na colección Costa Oeste de Galaxia. O autor estréase na novela xuvenil cun produto moi orixinal.

Un adolescente nipón leva meses sen saír dun minúscula apartamento (que ten alugado cos cartos que os pais, separados, lle fan chegar). A cambio só debe enviar unha notas falsificadas, o que non resulta demasiado dificil nese caso¡, cando te moves nese mundo de pantallas e dixitalización. Unha vida doada, na que non se bota nada de menos, nin a calor familiar nin a relación cos demais, pois chégalle conectarse cuns rapaces que nunca vei para xogar. A comida sérvencha dende os restaurantes, ti apilas as caixas ata que tes que baixar o lixo moi de cando en vez; o cuarto cheira a pizza pero non importa, igual molesta máis o arrecendo do aire natural. As pantallas achegan as películas e os xogos que distraen a vida, non hai que pensar en nada máis e así pasan os días con pequenas incursións na realidade cando hai que resolver a comunicación cos pais inevitable cada certo tempo, a relación coa arredataria, o seguro ou a comunidade, o envío das notas falsificadas aos pais... Realmente moi poucas obrigas. 

Un veciño que marcha e o quere encargar de que coide dunha planta que naceu nunha fenda da parede exterior ata que chegue o seguinte inquilino e llo poda facer responsable, algunha vez a pregutna acerca do rapaz que desapareu de repente sen que o coñeceran máis que a través da pantalla e... unha chamada no medio da noite: un vello soldado que coida dun illote dende a II Guerra Mundial e lle dá o parte. Vai ser con iso co que non poda... e vai ser esa irrupción no pequeno apartamento o que remate co seu confinamento. Unha sociedade tan futurista na que continúan a saudarse respectuosamente, unha sociedade moi poboada na que uns poucos se retiran a un aillamento absoluto, a defensa da patria máis alá dos tempos e as circunstancias...e un adolescente no medio da voráxine.   

domingo, 22 de setembro de 2024

Sae do prelo o Premio Anisia Miranda de Teatro Infantil, na segunda convocatoria

Despois de Travesía Unicornio de María Canosa (I Premio Anisia Miranda de Teatro Infantil) aparece agora o premiado na II convocatoria: Medo me dá! de Ramón D. Veiga.

Segundo o xurado e especialistas, este Medo me dá! conta cunha excelente construción dramatúrxica, realizada con gran axilidade nos diálogos e dotada dun sentido do humor que, en todo momento fixa o
desenvolvemento da trama teatral. Unha peza que engancha ao lectorado polo ritmo e a acción, así como por unha estrutura ben definida.
Na temática, tráenos unha festa do ciclo anual, e colócanos ante o tema dos medos e a súa superación. Personaxes relacionados cos temores infantís han de facerlle fronte ás súas angustias demostrando así que non hai ninguén alleo a este tipo de ameazas e, polo tanto, todo o que existe ten o seu punto débil.
Un fato de monstros van aparecendo en escena na antesala do samaín. Han de prepararse para a mellor festa do ano e iso significa poñer a punto a súa presenza física, co que isto implica de facer visible aquilo ao que máis medo lle teñen.
A presenza do coro coas cancións, serve de resumo da escena e de paso á seguinte, resaltando a identidade e o xogo con cada personaxe que nos sitúa ante o medo ao medo e o disfrace como
xogo de suplantación.
Nas suxestións para a representación explicita o autor, a posibilidade de reducir o número de actores e actrices ao poder representar cada un varios papeis, pero tamén a posibilidade de amplialo ao contar cun coro que pode ter o número de participantes que se consideren. Desta maneira, facilitarase a súa posta en  escena por parte dunha compañía teatral ou dun grupo de teatro escolar no que poda actuar todo o alumnado dunha aula. A sinxeleza escénica da obra fai posible este tipo de representación.
Da mesma maneira, achega suxestións en relación ao decorado e utilería que facilita a plasmación no espazo. Incluso, para o caso de ser representado por un grupo de teatro escolar propón aproveitar a
escena final para que o público se sume á festa e poder realizar un magosto. Unha obra que, ten o seu tempo óptimo no outono e vai dar moito xogo para ler, interpretar e asistir á súa representación
como público.
A rima é un dos recursos que utiliza o autor para darlle un aire lúdico. O humor espanta o medo, así que na obra acode para converter aos monstros en personaxes cheos de comicidade porque as preguntas van xurdindo: imaxinas un vampiro con dentadura postiza? A que hora pasan os vampiros pola consulta do dentista?
Cal é o colmo dun barbeiro? A quen lle teñen medo os monstros? A repetición do título (ese “medomedá” que pasa a funcionar como a expresión do temor que se reitera en cada escena), así como as onomatopeas e os malentendidos, o xogo de palabras, o uso de frases feitas e refráns, o léxico actual utilizado para personaxes lendarios a modo de anacronismo ou a actualización de cada un destes monstros... son recursos que levan ao lectorado / público a acompañar as escenas con risas e acción completando os diálogos.

A utilización dos coñecementos que temos ao redor de cada un dos monstros vai provocar unha brincadeira continua. Tamén vai resultar divertido chamarlle mexericas a un vampiro ou repugnantiño a un home lobo e falarlles utilizando o diminutivo como compadecéndoos.
Por outra banda, a obra mantén un misterio ata a escena final pois cando cada un deles responde á pregunta acerca do disfrace que van levar ao samaín nunca se chega a escoitar; desta maneira a escena final é unha marabillosa sorpresa que non deixa a ninguén indiferente.
A obra dá pé a estes comentarios e a todas as interpretacións que irán aparecendo na lectura que desexamos convenza ao lectorado infantil, así como fixo co xurado do premio.

sábado, 21 de setembro de 2024

Xe

Xe de Lara Boubeta Bamio esta ilustrado por Sara Valcárcel e publicado por Galaxia.

Preséntase así: "Esta é a historia dun neno ou dunha nena, quen sabe? XE é un misterio para todo o mundo. Anímaste a descubrilo?"

Un álbum en cores moi vivas, letras maiúsculas, barroco na presentación ocupando toda a páxina con horror vacuo. Unha estética case punk. A historia: "Xe nace unha fría mañá de outono nunha vila mariñeira. Seu pai sempre quixo ter un fillo futbolista. Súa nai en cambio, soñaba con ter unha nena loura á que poder poñerlle elegantes vestidos de flores. Pero Xe non era nada diso, nin neno nin nena, ou iso foi o que dixo o médico cando naceu..." O pai e a nai lévana a canto especialista hai ata rematar cun menciñeiro e ata que Xe lle dá a lección que este lles anunciara: "E por que non esperades a que sexa o bebé quen decida cando medre?" Pois si, nas súas mans, no seu sentir ha estar a solución. Porque,  que pode importar o xénero se é feliz?

Un booktrailer para facerse idea.

venres, 20 de setembro de 2024

Banda deseñada: Sentinelas da lúa carmesí

Sentinelas da lúa carmesí de Andrés Castro, Ozo Perozo e Alexandre Senande está publicado na colección Banda deseñada de Galaxia.

A volta á aldea, o pai traballando na farmacia e o farmacéutico un tipo raro, a familia con segredos, a panda de rapaces correndo destrás do misterio. Unha alternancia de viñetas realistas con outras en cores vermellos e amarelos que falan de terror e un "continuará" que nos deixa en suspenso.  Porque "Desde os albores dos tempos, seres míticos e humanos coexistían en paz e harmonía. Pero un día, os homes comezaron a perseguir o que non comprendían. Tres mouras foron confundidas con bruxas e condenadas á fogueira. Unha delas fuxiu, propagando unha maldición que case acaba coa humanidade enteira. As criaturas mitolóxicas acordaron entón manter a moura encerrada mediante un conxuro ligado á non intervención do humano devir. A lenda di que unha cría humana será quen volverá unir ambos os mundos..."

domingo, 15 de setembro de 2024

XVII Premio Castelao de Banda Deseñada Modalidade Infantil e Xuvenil

Contando estrelas de Quico acadou o XVII Premio Castelao de Banda Deseñada na Modalidade Infantil e Xuvenil. 

O xurado menciona “a súa delicadeza e coidada ilustración”, así como o interese por “tratar temas cos que todas podemos sentirnos identificadas, a través das metáforas coas estrelas e por traballar con elementos do imaxinario colectivo”. A obra está composta por relatos curtos, todos eles protagonizados por estrelas, que van tratando temáticas contemporáneas e comúns da sociedade actual como a soidade e a perda.

Francisco Pérez Villanueva (Noia, 1975). Asina os seus traballos coma Quico e estudou o curso de Gravado e Técnicas de Estampación na Escola de Artes e Oficios Ramón Falcón de Lugo. Ten traballado para distintas editoriais con traballos de ilustración e portadas.

Delicadeza é a palabra que me nace vendo Contando estrelas.  Esmero no deseño, na presentación, na dedicatoria: "A ti (e, aínda así, seguro que me olvido de alguén)." Tenrura en cada figura, en cada historia, en cada inocencia e inxenuidade do protagonista. Coidado no minimalismo co que asume cada relato, na síntese perfecta, na dúbida tan galega que deixa no aire (eu non sei). Lírica nese unión das estrelas do ceo e da terra, na personalización da noite, nese empeño por amañar con agulla e fío as perdas do universo. Consideración, reflexión... porque non é o mesmo a estrela no ceo que domesticada, porque cando subes buscar a estrela perdes o da terra e estás só.