domingo, 10 de novembro de 2024

O premio Merlín do 2024: Milú e o edificio das persoas extraordinarias

Milú e o edificio das persoas extraordinarias de Abel Tomé resultou ganadora do premio Merlín 2024 e aparece ilustrado por Laura Romero.

A editorial preséntao así: "Milú vive coa súa nai na cidade de Parisia, no edificio Les Marginaux, onde todos os nenos que o habitan posúen un don que os fai extraordinarios. O don de Milú é construír soños. Coa escusa de que o edificio está estartelado, as autoridades mandan un aviso para que se desaloxen as vivendas canto antes. Pero Milú e os outros nenos e nenas teñen un plan para tentar evitar que os expulsen dos seus fogares. Unha luminosa fábula social sobre o poder da imaxinación infantil para soñar un mundo mellor. O optimismo e a fantasía propios da infancia convértense nesta historia nun antídoto contra a intolerancia e o odio, e fan posible o milagre de transformar en tenrura, audacia, amor, humor e esperanza a tráxica realidade que padecen a diario multitude de persoas, vítimas das grandes desigualdades do mundo." 

Está contado en primeira persoa por Milú que nos introduce nun mundo tan especial que non nos chama a atención se os gatos desaparecen do cesto no que estaban, na foto do calendario, deixando o cestiño baleiro.

Nun exercicio de bondade todo é transformado para poder sentilo como bo e divertido, Unha realidade triste convertida en algo luminoso grazas á imaxinación: o edificio vello e inclinado, cheo de hedras que abren gretas é un bosque, os buracos no chan son lugares nos que medran amorodos; na guerra que continúa no país do que fuxiron Milú e a nai (Urenica) as bombas ao caer erguen casas ou árbores, sementan leiras ou soltan lambetadas e di o tío que poden matarte dun ataque de risa ou cambian a túa pequena casa por unha vivenda de catro plantas na que está coma nun hotel; Malú (o poeta, que cando fala emociona) e a nai chegaron a este país camiñando polo fondo do mar dende Moringa (fuxindo do odio entre as relixións (os que adoran un can e que son os Guaus e os que adoran a un deus con forma de gato e son os Miaus, cando se cruzan uns fan grrrrrrrr! e os outros fffffffff!); a nena Xía (que pinta porque naceu dun cadro no que a nai se pintou a si mesma e lle foi engordando a barriga) e os avós veñen dende Siam a bordo do que crea o avó con origami (un barco no que choven chocolatinas e co seu papel fai o avión, uns cabalos); Martina vén co pai dende Ursa fuxindo do Líder (porque aínda hai xente á que lle gusta o que di o ditador) de coche en coche e sempre aproveitando para durmir ou comer, ela comunícase cos insectos; de Brazilinisia chegan Nuno e Coralia que naceron da terra e véñense porque o seu país que era unha selva verde deriva en deserto e comunícanse coa vexetación; un veciño que foi forzudo no circo e agora anda en cadeira de rodas e ten un axudante mecánico (coma o mordomo de Batman) co que fala, un científico "tolo" que calza zapatillas de peluche con forma de animais que cobran vida; a feminista condutora de coche de carreiras que o deixou por un trauma pero segue co casco posto...

A relación de Milú e a nai é moi especial: ela cóntalle que Milú recibe o nome do neno que pinta de cores a paisaxe cando el nace (porque antes era gris), di a nai que el é a súa patria; entre os dous  cambian as novas dos periódicos substituíndo as malas palabras polas boas, corrixindo a ortografía das pintadas porque os que as fan non saben de ortografía (din). Ela ensínalle todo, tamén que a amizade non é só compartir un anaco de torta ou a pelota senón non deixalo só nos momentos difíciles, cando te poida precisar. A nai de Milú di que unha nai nunca morre, simplemente cambia de lugar. En vista de todo o que ve Milú decide non medrar en vista das cosas que fan os adultos (é unha decisión difícil porque todos os nenos queren ser grandes para facer o que queiran) e para iso, fálalles ás células.

É a rapazada a que salva, teñen un plan: o forzudo ten que endereitar o edificio (aínda que bote un peido co esforzo), as hedras convencidas polos irmás retíranse, o científico crea unha masa para que as grietas nunca máis se abran, os insectos repartirán ese pegamento por todos os furados, o amañador de aparatos vai resolvendo todos os problemas comúns e logo pasa a cada piso, Micaela -a vella con casco automobilístico- vai correndo dun lado para outro axudando, Xian Li pinta un bosque na fachada do edificio porque iso significa liberdade e colle vida (móvense as árbores). Cando chegan para o desfiuzamento cos papeis, a corredora vai en tempo récord amañalos e non poden botalos

 

Hai chispas de humor e sentido común, por exemplo, as formigas non queren que as denominen exército senón sindicato ou comunidade, afirmacións como que os adultos son fáciles de convencer para cousas absurdas ou a que pon a acción en marcha "Que alguén crea en ti dá unha forza descomunal" ou esa que nos convence de que a tristeza e o malhumor fai envellecer e enfermar. Resolto o problema Milú reparte soños para que cada habitante sexa feliz. Resulta unha marabillosa volta ao pasado ver como a rapazada inventa xogos cando se aburren, sen que precisen ningún xoguete ou sementan tulipáns ao redor do edificio; 

Verborrea fantástica, creo que se pasa un pouco inventando máis alá do necesario, algo xa case excesivo, do "maís alá aínda". Do mal facer ben, velo como na película La vida es bella (lembremos como "nun contexto de horror e desesperanza, un pai xudeo utiliza a imaxinación e o humor para protexer ao seu fillo da realidade do Holocausto e o campo de concentración coma un xogo, preservando a súa inocencia ante a crueldade", aquí, é Milú quen fai ese traballo nun exercicio de inxenuidade bondadosa. Os nomes definen bastante ben os lugares: Parisia, Les Marginaux, Urenica, Brazilinisia, Ursa, Moringa, Siam...  Unha obra que fala de solidariedade, do poder do traballo común, do optimismo, o poder da imaxinación para mellorar o mundo crendo nel, a fantasía da infancia contra a intolerancia e o odio transformando en esperanza a tráxica realidade. O fogar que deixan atrás e o constrúen entre todos, nunha utopía social. O milagre das pequenas cousas: ese pan que se disfruta, eses doces, eses amorodos, eses xogos que se inventan... e fronte a todo iso, o carniceiro (tiña que ser el) que ten as mesmas bandeiras coas que se manifestan contra eles.

Remata "E o meu soño era ver como os meus amigos soñaban felices" 

Unha nova voz irrumpe no coro da nosa literatura, trae un imaxinario propio cheo de fantasía e boas intencións, de respecto pola rapazada e busca dun novo espazo.

En canto ás ilustracións, gústame moito a da cuberta coa casa e aquela outra na que as hedras rodean as páxinas.

venres, 8 de novembro de 2024

Paremos a invasión. Que o plástico non nos domine

 

Paremos a invasión. Que o plástico non nos domine de David Hurtado e José Ibáñez con ilustracións de Claudia Mosquera está traducido por Carmela Mor e publicado por Embora.

Da presentación editorial: "Ata 12 millóns de toneladas de plásticos van parar aos nosos océanos cada ano e afogan os ecosistemas, provocan danos á fauna e entran na cadea alimentaria.

“Paremos a invasión. Que o plástico non nos domine” explica como chegou o plástico ás nosas casas hai 150 anos para facilitarnos o día a día, e como a produción desmedida e o consumo indiscriminado de produtos dun só uso está a xerar un perigoso monstro que acabará coa vida no noso planeta."

Moito nos preocupan os plásticos!, será porque se ven, será porque xa nos acostumamos a preocuparnos sen ocuparnos en amañar como deberiamos, será que as illas de plástico no mar son algo demasiado irreal que se fixo parte do noso día a día, será que as contradicións nos superan (iso de non darnos plástico para levar a compra pero si para envolver cada porción, o que quere dicir que nos venden o plástico pero evitar dárnolo)... Todo iso vale, pero o certo é que o plástico é un grave problema que desborda o mundo occidental e se estende por todo o planeta (e igual máis alá).

Neste libro de coñecemento atopamos a historia de Greta e Aldo que van comentando toda a información que se presenta e non pode deixar de sorprendernos (cándo e por qué se creou o plástico, cómo se fabrica, os problemas do plástico, máis de 8 millóns de toneladas de plástico van parar ao océano cada ano, os microplásticos tamén viaxan a través do aire, estímase que en 2050 haberá tantos plásticos coma peixes nos océanos, 1 de cada 3 peixes contén partículas de plástico no seu organismo, tipos de plástico e como se poden reciclar -só o 30%-... ), ao lado unha serie de propostas que nos fan interactuar (podes identificar todos os produtos de plástico que te rodean agora mesmo?, Onde están todos os millóns de toneladas de plástico producido?, a formación dunha alianza para buscar solucións e deter esta invación silenciosa, a aplicación das R: reducir, reutilizar, reiclar, reparar, rexeitar, redeseñar e repensar). Grandes solucións: consuir menos, consuir sen mercar (acceder a ben públicos, compartir e intercambiar) e mercar con criterio quedando coa opción máis duradeira, sostible e de menos ipacto ambiental. 10 pasos sinxelos para parar a invación na alianza). Para rematar falando dos heroes e heroínas anónimos que defenden a sostenibilidade e o medio ambiente: Greta Thumberg (estudante e activista ambiental), Aldo Leopold (ecólogo a ambientalista) e Isatou Ceesay (creadora de The recyclin Centre of N´Jau en Gambia con outras catro mulleres crearon na súa aldea un Centro de Reciclaxepara reaproveitar o plásticos e fabricar bloques de carbón procedente de residuos orgánicos como cascas de coco o de cacahuetes, papel ou herba seca evitando a deforestación. Remata cun convite para pasar á acción converténdonos en heroes e heroínas para salvar o planeta.

 

mércores, 6 de novembro de 2024

Plasticus maritimus, unha especie invasora

Plasticus maritimus, unha especie invasora de Ana Pêgo e Isabel Minhós Martins, ilustrado por Bernardo P. Carvalho, está traducido por Celia Recarey e publicado por Kalandraka

Da presentación editorial:"Cada hora que pasa, mil toneladas de plástico van dar aos océanos. O equivalente a un camión cheo de plástico por minuto! Porque é artificial, invasora, contaminante e ten unha vida moi longa, esta 'especie' merece ter os días contados."

Explícase así: Este libro foi creado, en primeiro lugar, para coñecermos mellor o problema do plástico que existe nos océanos. En segundo lugar, para actuarmos da mellor maneira para minimizalo. E en terceiro, para vos presentar a Ana, unha bióloga mariña que comezou a preocuparse por este problema e, desde entón, nunca deixou de facelo.

Conta coas seguintes partes: unha introdución baixo o título "No mundo non faltan problemas á procura de solucións;A importancia dos océanos, a Guía de campo (Plásticus marítimus, a especie, Como preparar unha saída, Obxectos correntes, Obxectos exóticos), Reciclaxe: podemos quedar tranquilos?, O que podemos facer e Queres saber máis sobre o plástico?

Entre o caderno de campo, a observación dunha esecie nova, a observación e rexistro, a teoría e apráctica, o sentido do humor... Todo para facernos pensar e poñernos a actuar dunha vez. Un libro marabilloso con moi boas ilustracións e unha imaxes fotográficas que imponlle respecto.

martes, 5 de novembro de 2024

A última fronteira

 

A última fronteira de Cecilia Heikkilä, traducido por David Álvarez e publicado por Patasdepeixe.

Da presentación editorial: "Esta é unha historia íntima e tenra, chea de calor e corazón, sobre unha viaxe planificada desde hai moito tempo a un lugar moi especial. È unha celebración da aventura, a natureza e un vínculo especial entre un avó e o seu neto. Este libro explora sen moralismos a necesidade de protexermos e preservarmos os espazos salvaxes e os hábitats naturais a través dunhas ilustracións impactantes cheas de cores e texturas rechamantes que evocan á perfección a emoción da viaxe e a marabilla das vastas paisaxes naturais. O avó e o osiño comparten o soño de visitar a última fronteira: un lugar especial e difícil de atopar cheo de criaturas salvaxes e marabillosas, un lugar onde o aire arrecende a arume de piñeiro, un lugar que só viron nunha postal. Os dous estudan mapas, len libros e practican a acampada preparándose para a súa aventura. Despois parten para o norte, pero cando chegan alí, atopan un porto animado cheo de tendas, onde parece que ninguén lembra a última fronteira. Existirá aínda o fermoso lugar dos seus soños ou nunca poderán atopalo? Esta historia íntima e colectiva de abraio e aventuras explora a través dun carrusel de imaxes en movemento temas como a celebración da natureza e a fraxilidade das paisaxes salvaxes, ao tempo que, de forma paralela, fainos ser conscientes dos afectos familiares e dos vínculos que nos unen á vida en todas as súas dimensións, do persoal ao colectivo, do íntimo ao universal. A impresionante obra de arte de Cecilia Heikkilä está chea."

Un avó oso e o seu neto comparten a utopía: a viaxe á última fronteira, o lugar máis marabilloso do mundo. Cada un de nós seguro que ten unha imaxe que se corresponda con esa meta, alí onde se acaba a paisaxe construída e a natureza salvaxe nos sorprende. A Itaca que pospoñemos porque nunca atopamos as circunstancias propicias para a viaxe. Agora eles vanse atrever. A busca alóngase porque alí onde pensan atopala hai cidade por iso han de continuar e atopar o bosque tallado que lles fai pensar que chegaron demasiado tarde pero alí escoitan un estrondo sorpréndeos ante os animais máis salvaxes de todos que os levan con eles. Na noite o alce retírase co avó a falar en segredo e o avó prometo contarllo a el cando chegue o momento. Dormen e ao espertar o avó cóntalle como existe a última fronteira porque é moi difícil atopala e como el vai quedar alí a facer garda (para que siga existindo cando sexa grande) mentres tanto, o pequeno vai á escola e cando se faga grande poderá volver para axudarlle. Cando o pequeno mirou o ceo veu que alí estaban as súas constelacións: a Osa Maior e a Osa Menor.

luns, 4 de novembro de 2024

Un mundo ao revés para entendelo ao dereito

Ó revés de Florence Hinckel está ilustrado por Clothilde Delacroix e traducido por Tais Rego para a edición de Sushi Books.

Así se presenta:"No mundo de Lea e Tom, as rúas e os colexios teñen nomes de mulleres famosas, e os homes son os que se encargan das fillas e dos fillos. Tal e como sucede en todas as escolas, ensínase que o feminino prevalece sobre o masculino, «porque se considera máis nobre có masculino, debido á superioridade da femia sobre o macho». É así dende tempos inmemoriais e ninguén semella querer cuestionar esta norma establecida. Porén, Lea e Tom danse conta de que algo non vai ben… Polo que comezan a reflexionar sobre os estereotipos deste mundo onde reina a dominación feminina."

Ás veces, non hai mellor maneira de buscar a reflexión que dándolle a volta á situación. Estanos tan acostumadas a ver o mundo tal como se presenta que se o colocamos (tal como aparece na imaxe da cuberta) do revés, coa cabeza para abaixo iremos vendo que nos chama a atención, que nos semella inxusto, que racha co sentido común... Por iso, o pai de Lea e Tom os vai parando a cada instante para que pensen e repensen se é xusto que os homes teñan un teito de cristal, que as personaxes destacables sexan maioritariamente mulleres (nos nomes das rúas, nos libros...), que os postos de responsabilidade máis altos sexan ocupados por elas, que a linguaxe teña o feminino como referencia na que se engloba tamén o masculino, que os corpos non teñan a mesma significación... Un fillo e unha filla, un irmán e unha irmá han de enfrontarse á situación que se presenta a cada instante. Ao final, baixo a epígrafe de "Un pouco de historia" imos vendo os avances dende 1857 ata a actualidade porque a partir de agora "De ti depende escribir a Historia do mañá" que aparece en branco.

Un libro para facernos pensar!

venres, 1 de novembro de 2024

Unha nova serie da man de Ledicia Costas

Curriño é o protagonista, un can ao que lle cambia a vida (e moito) entre a primeira e a segunda entrega: Curriño.  O can influencer e Curriño. Benvido ao equipo. Unha serie de Ledicia Costas, ilustrada por Mili Koey e publicado por Xerais.

As sinopses cóntannos: "Curriño non necesita presentación: é o can máis famoso de Internet! E o máis lindo, obviamente. Seguro que ti xa o segues en todas as súas redes. Vive a corpo de rei, faltaría máis! Dorme na cama da súa humana, aliméntano con penso de importación e acicálano tres veces por semana. O que merece unha estrela coma el, vaia! Por desgraza, Curriño está a piques de descubrir que a vida fóra da súa mansión con sete cuartos de baño, jacuzzi e vistas ao mar é moito máis dura do que el cheiraba..." Asi é, as desgrazas nunca veñen soas e vánselle ir sumando unha tras outra, así descubrirça unha nova vida cun grupo de amigos.

Realmente, os humáns confúndense cando pensan que son eles os donos dos cans, aínda que tamén é certo que, ás veces, os animais reciben os castigos que merecen, e a sobrebia págase.  

"Curriño leva días con cara de can, no peor sentido: botárono da súa mansión, tivo que rebuscar no lixo e segue sen recuperar a súa preciosísima melena! E esa carracha tan pesada continúa suxeita ao seu pescozo. Vaia desastre! Ademais, as rúas están cheas de perigos. Por exemplo, King Kong, o terrible can dos ladridos potentísimos que monta garda fronte ao supermercado, e ao que non lle fai ningunha graza que Curriño poña unha pata no seu territorio. Será a axuda dos seus novos amigos, Frecha e Gordon, suficiente para enfrontarse a el?" A okupa que leva no pescozo é coma o vermiño da conciencia; non o deixa tranquilo e sempre ten a última palabra, pero a súa relacións cos outros cans que vai coñecendo vano colocando no seu sitio, pero algo está a pique de cambiar... que pasará? 

As ilustracións van a medio camiño do cómic con bocadillos e viñetas nalgún caso. Debuxos sinxelos de cores quentes que achegan unha presentación moi chamativa. Ao final hai unha páxina de adhesivos. 

O que máis chama a atención é a facilidade da autora para reinventarse, unha e outra vez, creando novos mundos de maneira pasmosa.

mércores, 30 de outubro de 2024

Un libro para gozar da natureza e os seus ciclos.

Osa de José Ramón Alonso e Lucía Cobo é un album traducido por Manuela Rodriguez e publicado por Kalandraka.

Da presentación editorial: "O ciclo da vida e o da natureza fúndense nun tenro relato poético. Osa está soa e coa chegada do inverno busca un lugar para durmir. Unha mañá, a luz inunda o seu agocho, a súa tripa axítase e non é de fame…" 

Outono, soedade, comer para resistir, frío, os días acortándose, unha cova, a neve, un sono que dura o inverno, coa luz da primavera esperta e sente algo especial, que será?

Unhas ilustracións marabillosas (coa escolla perfecta dos planos, os motivos e as cores) para unha historia chea de tenrura e sabiduría. A vida superándose e o álbum facéndose mínimo e completo.