mércores, 8 de xaneiro de 2025

Un novo título para "A pequena memoria"

A colección "Pequena memoria" de Xerais, dirixida por Eva Mejuto vese ampliada con O triángulo vermello de Carme Vidal e Pablo Iglesias Núñez, ilustrado por Belén Diz.

Da presentación editorial: "Mercedes Núñez (1911-1986), política republicana e militante antifascista, logra sobrevivir ao Cárcere de Ventas franquista e ao campo de concentración nazi de Ravensbrück e dedica os últimos anos da súa vida a denunciar a represión sufrida no que foron dous verdadeiros infernos para as mulleres. A súa biografía é unha lección de vida, de solidariedade e compromiso coa liberdade e a xustiza. A súa herdanza, unha vacina contra o fascismo. O triángullo vermello é o terceiro título da colección Pequena Memoria, para recuperar as voces silenciadas da historia. Unha biografía emocional de Mercedes Núñez, loitadora polas liberdades e supervivente do fascismo, a través da mirada inocente do seu fillo Pablo."

Unha foto na rúa Real da Coruña, un baúl no que se garda a Historia da vida política da nai, a narración desa vida apoiada por cada un dos obxectos dese caixón de memoria democrática. Ese contedor preséntalle a muller que era súa nai antes de nacer el, a que naceu nunha familia acomodada e medrou no caldo de cultivo da República como unha activista social consciente e comprometida que fora secretaria de Neruda no consulado de Chile en Barcelona, afiliada ao Ateneo e ao PSUC... cando triunfa o Golpe de Estado de 1936 viaxa á Coruña para reorganizar o Partido Comunista pero é detida e despois de pasar por varias cadeas permanece nas Ventas de Madrid e posteriormente pasa á resistencia en Francia, sendo detida, de novo e conducida finalmente  ao campo de concentración nazi coñecido como o inferno das mulleres. A piques de morrer gaseada é liberada polos aliados, en Francia vai prticipar no xuízo contra o seu torturador nazi e posteriormente convertirase na testemuña deses tempos fatídicos. Dela é o libro Cárcere de Ventas no que atende a petición das súas compañeiras de explicar na rúa o que alí vira e tamén Candidata al crematorio na que explica o tempo de resistencia e deportación. Co militar republicano Medardo Iglesias, que coñeceu no hospital de convalecencia finalizada a II Guerra Mundial, vai ter o seu fillo Pablo Iglesias (un dos que levan ese nome con toda a dignidade e que hoxe é promotor da Amical de Mauthausen en Galicia, a asociación que mantén viva a memoria dos españois nos campos de exterminio), un dos autores do libro.

A historia é tan potente como esa vida de loita pragada das experiencias radicais e máis duras que puideron vivirse no século XX.  As ilustracións son potentes, dende esa cuberta co baúl con todos os obxectos do horror situado nesa mesa cotiá co xarrón coas flores e o paxariño que se pousa. En azul, un azul triste de bolígrafo que só se ve salpicado polo triángulo bordado en vermello e ese fío que vai unindo fotografías e anotacións do que foi a vida. Nese azuis continúan as ilustracións do interior nas que xogando con diferentes tamaños nos mostra documentos, a cidade na que comezou o calvario, a escena familiar na que o fillo escoita o relato da nai mentres ela nova subida ao baúl pon o puño en alto mentres a garda civil lle apunta... a vida posta a proba na beleza dos pequenos momentos nos que as flores se fan presentes ou das aberracións nas que a mulleres se amorean nos cárceres e campos de exterminio, a tenrura que envolve eseas lembranzas de mulleres novas adoptando as nais que quedaron orfas de fillos, as mans que cosen, a roupa colgada, os pés nunha natureza que segue viva a pesar dos zapatos abandonados das que non sobreviviron, as telas ou árbores retortas que envolven igual que o fan os aramios de espiñas, os lobors depredadores no medio da noite acechando o exterminio ... a enteireza para sabotear as armas nazis ou para declarar no xuízo fronte ao mundo; o fío vermello que ata as pólas das retortas árbores ou as fotos reais das gardas,o lume que queima o tempo e as lembranzas, que cose as marcas que as identifican, as flores e os paxariños que continúan cantándonos coma a san Ero mentres pasan os anos e os séculos.

Un libro para lembrar o que pasou, para recuperar memoria e facer xustiza pero tamén para lembrar que os lobos seguen aí, que as flores e os paxariños non deben confundirnos so confortarnos porque o que pasou pode repetirse e ninguén vai ser inocente.    

Antes foron A lavandeira de San Simón e A nena lectora. Que virá despois?

martes, 7 de xaneiro de 2025

Un álbum para a memoria histórica

A lavandeira de San Simón é un álbum ilustrado, escrito por Eva Mejuto e coas imaxes de Bea Gregores que abre a colección Pequena Memoria de Xerais. 

A autora que xa tiña tratado a recuperación da memoria histórica na novela xuvenil Memoria do silencio, a través da historia das irmás Touza de Ribadavia, céntrase agora nas mulleres que visitaban os presos da illa de San Simón. Lavandeiras porque lle lavaban as roupas e porque no media desas telas ían e viñan cartas que facían algo máis levadeira a situación. A illa da Memoria recupera así algo da lembranza daqueles tempos nos que o horror envolveu a beleza; faino a través de dous rapaces que viaxan coas nais á illa e ven o que ningún neno, ningunha nena, debera ter que ver nunca. Nas gardas as fotos deses tempos na illa e das persoas relacionadas con esta historia. No relato a vergonza e o medo, os insultos e o illamento, a fame e os piollos, denuncias e cunetas ensanguentadas, cadea e campo de concentración... todo ao servizo da recuperación das voces silenciadas da historia. As mulleres sen nome que lavaron e cociñaron para que no medio da iniquidade se puidera recoñecer a solidariedade.  

A través dun enlace accedemos á páxina na que se documenta esta historia.

domingo, 5 de xaneiro de 2025

Polo mar salgado

Polo mar salgado é un libro de poesía de Nieves García con ilustracións de Marina Gibert, traducido por Manuela Rodríguez e publicado por Kalandraka.

Da presentación editorial: "Unha viaxe extraordinaria pola superficie e o fondo dos mares para coñecer, entre versos rítmicos e sonoros, algúns dos seus habitantes." "Un novo acartonado con texto rimado para coñecer os mares e os seus habitantes. A noite e os soños ofrecen a grandes e pequenos unha marabillosa oportunidade para vivir aventuras compartidas. Nesta ocasión, unha viaxe extraordinaria pola superficie e polo fondo dos mares. Polbos, linguados, atúns ou sardiñas serán os nosos compañeiros de xogos nocturnos acompañados da lúa.  Nos versos rítmicos e sonoros de Nieves García, gran coñecedora da tradición poética, resoan os ecos de Lorca, Guillén, Alberti ou Miguel Hernández e son un vehículo ideal para transmitirlles aos prelectores e prelectoras o gusto pola palabra iniciando o seu camiño no itinerario lector. As imaxes vivas e coloridas de Marina Gibert completan esta proposta ideal para nenos e nenas de dous anos en diante."

De páxinas en cartón, un libro duro para mover con dedos gordechos, para manipular sen medo, para observar a fauna marítima nun mundo cheo de colorido e ritmo, de rima e imaxes, con eses elementos que tanto gustan ás crianzas (mar, lúa, espuma, ondas, estrelas, illa... peixe espada, delfín, cabaliño de mar, medusa, argazos, corais, estrelas de mar, polbo, linguado, atún, sardiña, ourizo, lura, cangrexo, vieira... O protagonismo está claro, unha criatura móvese por ese mundo poético entre os versos de seis sílabas e a rima asonante nos pares, catro versos en cada plana e unha delas só con imaxes porque estas son tan importantes coma as palabras; a crianza tan pronto vai navegando na lúa como montada no cabaliño de mar, nun atún ou nunha corrente mariña, nadando ou agarrándose a unha alga, xogando coa lura ou permanece na illa, iso si, balanceándose na randeeira. Diso se trata, de xogar coas imaxes e os versos que se aprenden e se poden ir recitando ao tempo que se miran as figuras e se pode continuar inventando estrofas, porque unha vez metidos en faena todo ó doado.

Entremos neste mar de versos, naveguemos entre a fauna e a vexetación, nademos, mergullémonos e descansemos pousando o corpo na superficie de auga igual que se estivésemos na cama, disfrutemos do mar e da poesía unha un está cheo da outra e viceversa.   

venres, 3 de xaneiro de 2025

Unha de detectives e misterio

A maldición do papiro alexandrino de Beatriz García Turnes está publicado na colección Forá de Xogo de Xerais.

Da presentación editorial: "Nadal de 1918. Ao finalizar a Gran Guerra, Atenea Donadieu regresa a Francia para iniciar os seus estudos universitarios. Axiña, a súa intelixencia e os seus coñecementos chaman a atención na Facultade e levan a súa compañeira Olga Aleksandrova a facerlle unha encarga moi especial: debe axudarlle a recuperar un antigo papiro roubado. Deste xeito, Atenea non só lle fará un gran favor á súa nova amiga, senón que evitará o cumprimento da maldición que ameaza o novo dono do manuscrito."

Unha historia que bebe no misterio e a maldición que semella cumprirse, unha época complicada con crise incluso nos países vencedores, a volta das colonias á metrópoli, unha familia na que mortra a nai viaxa co pai polo mundo na busca de tesouros arqueolóxicos, a entrada na universidade cando eran moi poucas as mulleres que o facían, a aristocracia rusa fuxida en Francia, a recomendación de que como muller non debe destacar pola súa sabiduría ou non vai haber ingún home que queira compartir o futuro con ela, unha oza proactiva e disposta a enfrontar calqueraproblema ou dificultade como a dúbida que a ataca a respecto do traballo de seu pai... de todo isto hai e tamén un final que pode sorprendernos porque, que fai o teatro no medio dunha historia detectivesca? 

Personaxes históricos como Alexandre o Magno e obras clásicas como A Iliada  achegan riqueza ao texto.

mércores, 1 de xaneiro de 2025

De parrulos

Un parruliño sen sorte de Gemma Merino aparece publicado por Picarona, traducido por Silvia Obelleiro.

Un parruliño sen sorte, que despois de varios accidentes decide buscar a Moucho Sabio para que o aconselle. Fai o camiño preguntando por el, vai atopando ao raposo (que, á súa vez lle encarga que lle pregunte ao Moucho polo ruído que fai a súa barriga), ao árbore (que, á súa vez lle encarga que lle pregunte ao Moucho a razón pola que esta primavera non lle apareceron as follas), ao cisne no lago (que, á súa vez lle encarga que lle pregunte ao Moucho por que está tan triste). Cando atopa ao Moucho, este contéstalle que se volve polo mesmo camiño atopará a boa sorte porque o cisne precisa un amigo, porque debaixo da árbore hai un tesouro e que o raposo debe comer porque ten fame, pero o parruliño segue con présa e non queda a xogar co cisne, nin a desenterrar o tesouro... menos mal que cando o raposo o vai comer lle ensina o tesouro e fuxe. A sorte sempre estivera ao seu lado, pero hai seres empeñados en non vela. 

Contos que ensinan.

luns, 30 de decembro de 2024

Pequeno oso, pequeno tigre na festa de aniversario

A serie de Janosch, Pequeno Oso Pequeno Tigre presenta unha nova entrega: Gran festa de aniversario para Tigre. A historia de como tigre pequeno celebrou o seu aniversario. Un motivo para que aprendan o que é unha festa, que xunten a todos os seus amigos e ammigas, que gocen dun día especial con comida, moita comida, bebida, música e ata unha inundación que a fai máis orixinal. A ra Greta, a pata co seu acordeón, a tia gansa e os seus zumes, o porquiño, o gardamontes Fernando, o oso grande do bosque, a lebre Valeria, o elefante gris, a toupa feliz, Laretas de Vilaauga, a lebre das botas veloces, o raposo, a gansa, o león dos pantalóns azuis, o Sonecas, a galiña co seu ovo debaixo da ala, , as ras Rin e Ran, o ocoso e o cabalo, o home narigudo, o canario, o can salvaxe, o burro viaxeiro, o burro Mallorca, o chivo Rufino... e así ata cen ou máis. Cando remata a festa tigre confésalle a oso que calquera día lle dirá: "Hoxe é o teu aniversario, querido oso, e temos que celebralo..." E así quedan, "ata a próxima, xente de Panamá  e do mundo enteiro."

Despois de Que bonito é Panamá, Eu curareite, dixo oso pequeno, Coreo para tigre, Tigre e oso na cidade, Imos buscar un tesouro... esta festa de aniversario!

Da presentación editorial: 

"Tigre pequeno fai anos e quere celebralo ao grande cos seus amigos e veciños. 

Unha guía perfecta para preparar unha festa inesquecible, onde pode acontecer o máis inesperado."

mércores, 25 de decembro de 2024

De analfabetas e alfabetas

 


Analfabeta, en branco e negro, en formato álbum, un libro de Érica Esmorís e Dani Padrón publicado por Xerais

Unha nena de cinco anos conta a historia. Está moi orgullosa porque xa sabe ler, a avoa cóntallo a todo o mundo (cando fala dela "faise máis alta e máis nova, e bríllanlle os ollos", di a pequena). Isto tamén a anima moito polo que quere avanzar todo o posible. A profesora dilles que cada alumno/a ten o seu propio ritmo, pero a nena chámalle analfabeto ao compañeiro que non sabe ler aínda que debuxe moi ben. Todo vai no camiño correcto... ata que a nena fai unha descuberta "a avoa non sabe ler". Daquela o seu mundo tambaléase para volver a a retomar o seu camiño cunha lección aprendida e mellorando as relacións.

Un bo libro dende todos os puntos de vista!