xoves, 22 de maio de 2025

Un ano enteiro

Un ano enteiro de Leo Lionni está traducido por Xosé Manuel González e publicado por Kalandraka na colección Tras os montes. 

Da presentación editorial: "Unha historia para coñecer os meses do ano e o ciclo das estacións, ademais de sensibilizarnos sobre a importancia do coidado da natureza." "Unha nova fábula de Leo Lionni para familiarizarse cos meses do ano, coas estacións e co valor da natureza. O primeiro día de xaneiro, Lolo e Lara, dous ratiños de campo, fan unha nova amiga: Flora, unha árbore falante. Tras superar a sorpresa inicial, deciden visitala durante todo o ano. A medida que pasan os meses, Lolo e Lara observan como Flora absorbe a auga da neve ou da chuvia, como florece na primavera, dá froitos no verán ou lle caen as follas no outono. Cando chega o Nadal, Lolo e Lara celebran xuntos que teñen unha grande amiga e prepáranse para un novo ano cheo de sorpresas."

"Regresan os coñecidos personaxes do gran Leo Lionni neste clásico publicado orixinalmente en 1992 e inédito en España. Un álbum ideal para coñecer o ciclo do ano, os meses e as estacións, ademais de sensibilizar os lectores e as lectoras máis pequenos sobre a importancia do coidado da natureza e do medio ambiente. Unha fábula deliciosa editada nun orixinal formato e unha lectura perfecta para todo o ano."

O formato é ben especial. Moi alongado e alto, coa ilustracións acostumadas de colaxes con recortes de papel. 

Cando os ratiños xemelgos descobren un rato de neve cunha vasoira na man... sucede que non é tal vasoira senón unha árbore que lles fala, mes a mes visítana e van vendo como cambia, como lle nacen os gromos, as flores e as follas, os froitos no seu tempo... e como lle caen as follas no outono, cando os ve tristes ela dilles: "Non vos preocupedes, o ano que vén, terei follas novas".

Os ratiños empatizan coa árbore, dálles pena que non se poda mover e que corra perigo ante os incendios, por iso lle axudan cunha mangueira e auga. Son amigos, así que en Nadal traeranlle agasallos, claes serán os que máis lle gustan? Tamén para iso dá a historia, para percorrer un ano ao redor dunha árbore cos seus cambios, para ver os perigos do lume e para saber cales son as preferencias de cadaquén.  

luns, 19 de maio de 2025

Álbums traducidos

 

O gran club dos dragóns malos de Beach, traducido por Silvia Obelleiro e publicado por Picarona.

Así se presenta:" No Gran Club dos Dragóns Malos son malísimos a máis non poder. Son canallas, pícaros e ruíns por igual. Pero cando o seu intento de facer mal por todos os medios segue a fallar e en realidade AXUDAN á xente, non será que estes tres dragóns malos … viraránse bos? Una maléfica e divertida nova" 

Aí os veñen "Tres dragóns malvados, chegan pisando forte. / Tres dragóns malvados, que non traen boa sorte." Uns pequenos cabaleiros aprenden a loitar en combate e cando eles lle botan lume aproveitan para asar as nubes de azucre, daquela un deles queda para axudarlles na cociña. Os dous que quedan acoden a un recreo para asustar rapazada, pero as crianzas úsanos de escorregadoiro e un deles fica con eles. Só queda un... e a pregunta é clara: Vale a pena ser malo? ou mellor divertirse cos pequerrechos e axudarlles aínda que continúen a chamarse malos, malísimos ou supermalos.

A nube de Greta de David Hernández Sevillano e Luísa Vera está traducido por Iria Caamaño e publicado por NubeOcho

Así se presenta: "Greta é alérxica aos animais e decide ter como mascota unha nube, mesmo lle pon un colar para sacala a pasear. Ter unha nube de mascota ten moitas cousas boas, como axudar aos veciños para regar ou apagar incendios… Algúns veciños están moi contentos, pero outros, en cambio, queren que Greta se desfaga da súa nube porque nunca chove a gusto de todos! Ao final, o pobo está dividido entre os que queren á nube e os que non a queren. Haberá algunha maneira de que se poñan de acordo?"

Magníficas ilustracións que coplementan o texto e o enchen de detalles e unha boa idea, porque haberña que ir pensando en mascotas que non sexan animais polas alerxias pero tamén por outras razóns...

sábado, 17 de maio de 2025

A avoa canta como a cotovía

A avoa canta como a cotovía de Celia Díaz Núñez resultou finalista do premio Simbad para o Recordo e o Alzheimer 2024. Aparede agora co selo Cantareiras. Letras galegas 2025, ilustrado por Alba Santa.

É un neno quen conta a historia, comeza comentando o primeiro día no que a avoa o confunde co seu irmán e el vai aceptando e así pasa a chamarse unhas veces Adrián e outras Toño. A avoa xa tivo que vir vivir con eles e deixar a aldea por culpa da enfermidade. O neno é unha tenrura sempre disposto a botarlle unha man e entender o seu proceso mentres tenta distraela e deter a enfermidade. As cancións, as coplas que a avoa leva toda a vida repetindo como resposta a calquera circunstancia son un fío de enlace coa realidade, un fío do que tira ese pequeno que tanto mira con ela as fotos familiares como a leva a camiñar da man, canta con ela, a acompaña nas súas perdas, lévalle o canciño das veciñas para que xogue con el ou a grava cantando as cancións para despois poñerllas e animala a seguir cantando ou tamén para poder mostrarlle ao irmanciño que vén de camiño as falas da avoa que xa non vai ter. Un texto cheo de afecto no que tampouco se oculta o problema de quen asume os coidados nes discusión que se adiviña entre a nai e o tío na cociña.  

As ilustracións son sinxelas, un tanto planas pero cun estilo propio que as envolve mostrándonos outra maneira de ver a realidade. 

É unha boa idea esta de ir publicando os accésits do premio porque cando os lemos seméllannos ben interesantes e de calidade.

xoves, 15 de maio de 2025

Varios álbums con certas ensinanzas

Martina futbolista de Susanna Isern, con ilustracións de Marta Moreno, está publicado por NubeOcho

Preséntase así:"Martina únese ao equipo de fútbol da escola con moita ilusión. É moi boa defensa e está disposta a dar o mellor de si mesma. Pero despois do primeiro partido, empeza a notar que o capitán quere destacar e non xoga en equipo, e que os xogadores non a consideran unha igual por ser unha nena.
Martina creará outro equipo de fútbol máis igualitario e diverso, onde xogarán e competirán sen esquecer divertirse".

No álbum canse presentando situacións para a reflexión: á nena gustalle xogar fútbol, isto xa non debería estrañarnos a estas alturas pero cando lles fala aos rapaces de xogar no seu equipo poñer mala cara como se non confiasen nela. No equipo descobre a rivalidade entre os compañeiros (especialmente por parte do capitán), parécelle inxusto que se valoren máis os dianteiros que os defensas, enfróntase ao capitán porque lle parece que pensa máis nel que no equipo, nota que lle pasan aos balón ao compañeiro defensa como se a invisibilizasen a ela, nun momento determinado alguén lle di o que pensan "as nenas sempre xogades peor", chega un omento no que deixa o euipo farta de tanta competición interna. Xoga soa nun parque e descobre a outra nena que tamén xoga, comezan a facelo xuntas, non compiten e deciden facer un equipo baixo eses presupostos, nun momento determinado o seu compañeiro no equipo anterior tamén o deixa e vén xogar con eles. Aínda non remata aquí a cousa, participan nun campionato e vailles tocar xogar con anteriores, gánanlles e fanse amigos de novo, pero para que aprendan a última lección noutra liga perden e así practican a perda, felicitando aos ganadores. Toda unha retahila de situacións no deporte, relacionadas coa igualdade e a competitividade, para aprender os bos modos, a mellor maneira de actuar. Moi didáctico. As ilustracións achegan a diversidade da rapazada nno parque ou no xogo.

Unha lata no bosque e outras historias sobre a empatía de Susanna Isern con ilustracións de Rocío Bonilla, publicado pola editorial Framboyant.

Da presentación editorial: "Mariña camiña polo bosque, as follas secas estalan ao seu paso. De súpeto mete o pé nun obxecto duro e cortante. É unha lata de metal! Por se fose pouco, vai e queda atrapada. Por sorte, un grupiño de animais do bosque achégase para botarlle unha man. Mariña, Xurxo, Naim, Toni e Liz son algúns dos protagonistas destas trece historias vencelladas pola empatía nas que será preciso entender os sentimentos dos demais."

Unhas ilustracións amigables e unha historia que fala da cadea de favores. Unha rapaza comeza a historia cando é axudada polos animaliños do bosque a liberarse da lata, cando o seu irmán pequeno entra no seu cuarto cabréase pero acórdalle a tempo que ela tamén o fixo no do curmán que era máis vello así que decide ofrecérselle para xogar en vez de berrarlle, este pequeno vai á praia e alí ve a un rapaz que está só e ponse a xogar con el, este neno vaille botar unha man a unha nena que acaba de chegar e aínda non controla o idioma e así, duna a outros e outras van pasando a colaboración, demostrando que están pendentes dos demais. A axuda cobra diferentes facianas, cada elo da cadea continúa este atención aos demais en momentos diferentes dando lugar a verdadeiras ONG e anti acoso. Que fermoso sería o mundo se cada un e cada unha de nós adoptase este papel de axuda, de mirar polos demais, de botar unha man sempre que se precise. Disto vai este libro e vai moi ben.

mércores, 14 de maio de 2025

BD para lectorado autónomo

Así o presentan en Nos diario "Mitoloxía galega e acción manga combínanse na segunda parte de 'Sentinelas'. Aventuras nun mundo derivado das lendas e mitos da tradición oral galega constitúen a cerna da serie de banda deseñada Sentinelas, que presenta agora a súa segunda parte Sentinelas no limiar das tebras tras o éxito -con poucos precedentes- da primeira, Sentinelas da Lúa Carmesí, ambas publicadas por Galaxia."   

En Galaxia: "Lara Sabela e Xurxo descobren que foi Cinza, o boticario, quen secuestrou o seu amigo Lois. Pero non sospeitan que, se non actúan axiña, Lois formará parte do menú que precisa a moura Xerpa para recuperar o seu poder, minguado durante o letargo secular. E non só Lois: todas as nenas e noenos. E non só Lois: todas as nenas e nenos de Claramonte corren perigo mortal.  A única esperanza é que Lara e os seus amigos regresen ata o carballo de Mondelo para conseguir a axuda dos misteriosos habitantes da vila dos misteriosos habitantes da vila máxica que alí se agocha..."

Unha bd de Alexandre Senande, Ozo Perozo e Andrés Castro.

luns, 12 de maio de 2025

Varias novidades

Un ladrón no museo de Susana Peix e José Ignacio Valenzuela, ilustrado por  María Brenn e publicado por Cumio na colección + 8 (Características pensadas e deseñadas para facilitar a lectura a toda a rapazada).

Durante a visita ao museo paleontolóxico dun grupo de escolares, descobren que desapareceu un dos ósos do esqueleto o Tiranosauro Rex. Ninguén podería saír do museo até que desen co ladrón! Lucas e Leonora sabían que chegara o seu momento: tiñan que investigar para descubrir o autor do delito. Pero non ía ser tan sinxelo como pensaban ao atoparen a primeira pista... Cada unha delas semella conducilos cara un sospeitoso diferentes, pero cando unen todas as "pegadas" verán un pouco maís claro cara onde ir. Descubrirán finalmente quen roubou o óso do dinosauro?

Asunción e as constelacións de Alba Rozas e J.M. Dopazo, ilustrado por Iago Torres está publicado por Boadicea na colección Cartafol de Ciencia Ficción. Multilingua.  "A estación espacial Asunción dá voltas arredor da Terra para observar as constelacións. Na súa viaxe irá percorrendo o hemisferio norte para descubrir animais, cazadores, dragóns e mesmo unha parella de namorados. Queres saber como son as constelacións? Mergúllate nesta aventura chea de sorpresas." En tres idiomas, con pequenos textos xogando coa rima. 

Explican que esta colección infantil procura descubrirlle ao público lector máis cativo a natureza que o arrodea, a través de elementos do xénero, desde unha perspectiva didáctica e plurilingüe. Os álbums contan coas ilustracións de Iago Torres e os textos, elaborados para fomentar o gusto pola lectura, van acompañados das traducións ao portugués e ao inglés.

 

 Aventura no Ártico de Susana Peix e Francesc Bailon ilustrado por Mar Villar está traducido por Iolanda Mato e publicado por Cumio na colección +8

"Tulok e Sila saíron na súa zorra dispostos a encontrar os tuniit, unha tribo de xigantes que, segundo as historias do avó Malik, viviran no Ártico había moitos anos. Ninguén os vira nunca, aínda que encontraran algunhas pisadas enormes gravadas na neve do deserto de xeo. Unha tormenta de neve, un alude inesperado e un encontro sorprendente levaranos a vivir unha aventura inesquecíbel. Atoparán a tribo prehistórica?" Os avós contando historias, dous irmáns inuit, unha zorra cos cans, un deserto de xeo, unha lenda sobre como se crea a brétema, figura de marfil do corno dunha morsa, un amuleto que protexe dos espíritos, explorador que constrúe o coitelo que precisa cos excrementos xiados, a maneira de enviarlles mensaxes aos antepasados a través das auroras boreais... son Historia ou lenda os tuniit?serían tan parvos como os queren facer ver os inuit? 

xoves, 8 de maio de 2025

Unha homenaxe á fotografía

A fotógrafa Perpetua de Olaia Sendón, vén sendo iso, unha homenaxe á fotografía. Está publicado por Xerais fóra de colección, en formato álbum ilustrado pero coa presentación dun vello álbum de fotos.

Así se presenta: "Perpetua sempre o tivo claro: ela ía ser fotógrafa, o mellor oficio do universo! As fotos que fai contan historias, explican o mundo e axudan a recordar as cousas e a xente que se foi deixando atrás. Ser fotógrafa é marabilloso. Este libro, que tamén é un álbum de fotos, conta a vida de Perpetua, pero tamén algo máis: en todas as súas imaxes hai un segredo agochado."

Certo, as fotos contan historias, explican o mundo e axudan a recordar o que se perdeu. E máis neste caso, no que as fotos que se supoñen da autoría de Perpetua forman un percorrido pola historia desta arte, dende os fotógrafos das pequenas vilas a Ruth Matilda Anderson visitando Galicia a principios do século XX, da Kasado a Pacheco e o seu arquivo en Vigo, de Capa a Cartier - Bresson, artistas contemporáneos que achegan arte conceptual e experiencias realmente transformadoras a fotoxornalistas, dun lado a outro do mundo. Pasear esta historia da fotografía a través de fotógrafos representativos a nivel local ou internacional ou de fotografías icónicas que nos falaban sempre das historias que hai detrás de quen apreta o clic e de quen aparece a través do obxectivo. Un libro que só podía crear unha ilustradora e escritora, unha fotógrafa que naceu inmersa nese mundo porque seu pai é un dos estudosos e artistas desta arte, un profesor de Belas Artes que imparte esta materia.

As gardas non son gratuítas, introducíndonos no mundo dos álbums de fotos, das pestanas nas que apoiamos cada imaxe, nos restos que quedan cando as retiramos e que se ve completa coa parte na que aparece un espazo para que o propietario do libro poda colocar a súa primeira foto, a da súa casa, familia e as súas cousas. Fotografías ou debuxos porque o libro está ilustrado e non con fotos. Remata a obra cun glosario de imaxes na que se achegan datos sobre cada unha das que aparecen ao longo do libro, e sobre a autora ou autor que as realizou.

A autora non é allea á LIX, pois xa ten publicado A crebeira Marabillas.

Un agasallo intelixente que colaborará no enriquecemento de quen o recibe!!!