martes, 29 de xullo de 2025

Un novo libro de Miguel Ángel Alonso, agora poesía

De príncipes, princesas e outras andrómenas de Miguel Ángel Alonso está ilustrado por Luz Beloso e publicado por Xerais na colección Merlín.

Preséntase así: "Este é un libro de princesas que bailan, que xogan ou que espertan. Tamén de princesas que se anoxan e que se alegran. Hai algunhas que loitan e outras que berran. Xunto a princesas que fan do silencio a mellor ferramenta. Pódese cambiar a palabra «princesas» por «príncipes» e todo será igual. Porque este é un libro de poemas que claman a favor da igualdade." 

Un libro fermoso no que se coida ata que o primeiro verso estea en vermello, no que as ilustracións asumen significados simbólicos como ese neno demasiado pálido coa kufiya posta para falar de guerra ou a resolución da historia do príncipe arrogante que daba medo ás mulleres por medio de dúas imaxes, cando o poema se fai adulto a ilustración vólvese surreal e maior, as princesas que queren xogar ao fútbol aparecen co balón pero xogando na rúa (o que lles falta é o campo), 

Falar de igualdade en base a príncipes e princesas, como aquela folgazana que non se dá erguido cando chega o príncipe (vaille tocar durmir todas as páxinas do conto), ou o príncipe condenado a contar roda a eternidade por chegar sempre tarde, aquela que se fartou de vestir de rosa e cambiou por mil cores tirando a violeta,  o príncipe galante que por deixar pasar ás mulleres non pode regresar ao reino que decepcionou, a princesa que marchou do conto por vontade propia, o príncipe que non vai á guerra e perde o trono, a igualdade entre príncipe e princesa, as princesas que queren xogar ao fútbol pero non teñen balón e deben decidir se agardan a que llo traian ou van a por el, as limitacións que lles poñen aos homes e a rebelión necesaria, as reivindicacións da Asociación das Mulleres Fartas de Ser Silenciadas e da Asociación de Homes Cansados de Pelexar,  o príncipe que non fai nada porque di que non sabe, non hai cousas diferentes para príncipes e princesas, detrás dun nome (Andrea) hai un príncipe ou unha princesa ou simplemente un ser, ue hai detrás dun nome, o que pode haber detrás do príncipe ideal, aprincesa que se farta de que lle digan como ha de vestir, os príncipe que vive facendoo que outro queren e non conforme aos seus desexos, a princesa que di que quere reinar ela e non seu irmán cando en realidade o que queren é montar unha libraría entre os dous...    

A verdade verdade é que se fala de príncipes e princesas para dicir homes e mulleres, nenos e nenas, para colocar no terreo simbólico do conto a igualdade que debe impregnar a realidade.

mércores, 23 de xullo de 2025

Series en Xerais

Continuamos con series, por un lado estaos ante Heartstopper volume 4. Cuarto volume da serie best-séller «Heartstopper», escrita e debuxada pola autora premiada Alice Oseman e traducida por Nee Barros utilizando a linguaxe inclusiva cos finais en "es". Da sinopse: "O Charlie nunca pensou que el tamén lle puidese gustar ao Nick, mais agora son mozos oficialmente. O Charlie comeza a sentirse preparado para dicirlle esa palabra: quérote. O Nick sente o mesmo, mais anda con moitas cousas na cabeza: entre elas, saír do armario co seu pai e a posibilidade de que o Charlie teña un trastorno da conduta alimentaria. A medida que o verán dá paso ao outono e un novo curso comeza, o Charlie e o Nick están a piques de aprender moito sobre o significado do amor. Este é o cuarto volume da serie best-séller «Heartstopper», escrita e debuxada pola autora premiada Alice Oseman."

Fronte a todas as historias de amores heterosexuais ben contadas esta entre un mozo homosexual e outro bisexual, unha relación moi ben levada a relatada coa problemática da saída do armario, a declaración de amor e outras dificultades que sempre aparecen. As diferentes personalidades de mozos/as e persoas adultas, os prexuízos, as relacións familiares está presentadas cun grao de autenticidade que nos atrae.

A outra serie é Formigas Misión Samaín de Andrés Meixide e Pere Tobaruela publicado por Xerais.

Da presentación editorial: "Unha estarrecedora aventura da brigada especial das Formigas na noite de Samaín. FORMOS4, FORX4N, FORNEL4 e FORM4IL son os catro integrantes das FORMIG4S, unha brigada especial que vai ata calquera recuncho do mundo para esclarecer os casos máis enigmáticos e complicados. En «Misión Samaín» as FORMIG4S entran no Alén tras os pasos dun enigmático escaravello branco. Alí atópanse coa Santa Compaña e outros personaxes estraños. Nesta estarrecedora aventura no universo das tebras, o doutor Paumao pon a proba de novo a brigada especial. Cal será o desenlace? As FORMIG4S serán quen de volver ao mundo real?" 

Unha nova aventura da brigada que unha e outra vez deben enfrontarse ao inimigo perpetuo e saír ben paradas. 

martes, 22 de xullo de 2025

Álbum ilustrado: Non é uha caixa, é unha cidade


Non é uha caixa, é unha cidade de Antoinette Portis está traducido por Chema Heras e Pilar Martínez, publicado por Kalandraka en Demademora.

Así se presenta: "O coelliño quere construír unha cidade con caixas de cartón e cre que non precisa axuda de ninguén: nin da xirafa, nin das formigas, nin sequera do camaleón. Pero non hai nada mellor que o traballo en equipo." O valor da creatividade, a colaboración e o traballo en equipo.  

Porque a seguridade nun mesmo debe ter un límite, a posesión tamén ("esta é a miña cidade"), deberamos crer nos demais e compartir con eles o traballo e o froito porque todos axudamos e así conseguimos que esta "sexa a nosa cidade!"

Marabillosas ilustracións cheas de caixas e elementos xeométricos que se combinan cuns debuxos figurativos mínimos de animais (xirafa, formigas, camaleón) que ocupan o espazo ao lado do coelliño branco que vai cambiando de actitude. 

domingo, 20 de xullo de 2025

Álbum ilustrado

As mans da miña avoa de Inés Cardoso e Susana Matos está traducido por Iago Nicolás e publicado por Kalandraka na colección MareMar.

Da presentación editorial: "Unha historia tenra e chea de amor que nos traslada no espazo e no tempo a través da sempre curiosa ollada da infancia. Unha homenaxe ás avoas, as mellores mestras, que nos achegan sempre memoria e sabedoría." Na páxina de Kalandraka relaciónano con A avoa adormecida, O comedor da avoa e Avós.

Contado dende o punto de vista da neta, este libro é unha declaración de amor e respecto polas súas mans. As mans da avoa son máxicas, fai doado o que é difícil, as súas mans son sabias e fortes, ela observa o que fai a neta e está presta a botarlle unha man, sabe que para ter unhas mans como as súas hai que pasar moitas penurias. Ademais das mans, la observa a avoa: a súa cara chea de engurras coma surcos na terra, os ollos cansos de tanto ver, as lembranzas doutros tempos, coñece o nome de todo canto hai no campo (plantas e flores, froitos e animais), sabe o que debe coidarse e o que hai que eliminar, cando aguar e cando podar, ensínalle aplantar unha árbore para que medre tanto como o fixoa cerdeira que ela plantou de pequena, tamén lle ensina a cociñar e os seus platos poden ter o sabor da saudade, tamén cose non desbotanto aacos de tea ou botóns que sempre reutiliza e ademais, ensínalle a agardar  polas estacións, por outros tempos, polo futuro, polas árbores para que medren...

As mans da avoa gardan o tesouro que nin siquera os piratas teñen. 

xoves, 17 de xullo de 2025

Traducións. Microrrelatos

  

A guerra de Nico de Josan Hatero é premio Edebé de literatura infantil, está traducido por Isabel Soto e ilustrado por Inma Almansa.

 De Un abrazo Lector: "En tempos de guerra os necios son máis tolos e o resto da xente perde o sentido común pola culpa do medo.” di o autor. Moi boa novela infantil que se le rapidamente. O absurdo do tema atrápache e a agilidade da escritura non che deixa parar ata chegar ao desenlace.A trama iníciase cando un grupo de tres militares chega a unha aldea perdida e levan ao fronte a un neno de once anos. Ninguén o entende, nin o neno nin a súa nai nin os seus veciños, pero os militares teñen ordens de levar a Nicolás Franz e como a Nico chámase así, lévano. O que realmente buscan é ao seu pai, pero como se foi do fogar hai moitos anos, de nada valeron os argumentos da nai e dos seus veciños. O neno marchou coa ilusión de regresar en canto chegase ao cuartel e se aclarase o malentendido. Pero ninguén parecía darse conta. Desde o soldado ata o xeneral pensaban que se os superiores o levaron ao fronte sería o correcto e eles non ían corrixir a un superior. Con esta lóxica absurda Nico ve como reclutaban a un pai de familia que saltou do tren en marcha para volver cos seus. Coñece a outros reclutas especiais  coma unha moza que se fai  pasar por mozo para ir ao fronte onde estaba o seu namorado… O pobre Nico non sae do seu asombro e, dende a súa óptica infantil, cóntanos as peripecias, o absurdo das guerras, a obediencia debida a un superior, o mal que se pasa na fronte, os perigos que se corren e demais desgracias que traen os conflitos bélicos. O libro é un canto pacifista dende o seu inicio sen lección de moralina. Non fai ningún alegato directo en contra da guerra, aínda que todo o que pensa o seu protagonista vai nesa dirección. Se algo é absurdo, é a guerra; pero máis o é involucrar aos nenos nelas e querer convertelos en seres obedientes que non cuestionen ningunha orde por disparatada que sexa. Ao final do libro hai unhas actividades para que os pequenos lectores compartan a experiencia do protagonista". 

Pode que, no medio de toda esa barbaridade, o que nos reconforte sexa o principio e o final no que Nico está con Minerva, a amiga divertida á que nada lle dá medo e se ri del porque non sabe mentir, ou acaso aprendeu na guerra?  

 

Microrrelatos premiados no V e VI Certame de Vilalba, publicado por Alvarellos editora, recolle as obras ganadoras no 2023 nas modalidades de Infantil (tres), Xuvenil (tres) e Persoas Adultas (tres) así como as ganadoras do 2024 con só dúas na modalidade de infantil. Un bo termómetro para coñecer a calidade do microrrelato entre nós. Nalgún caso podemos observar un resultado irregular pero maioritariamente son uns traballos ben interesantes que logran conectar coas caraterísticas deste xénero. Este volume súmase aos outros dous editados ata agora, que recollen os Microrrelatos do I e II Certame, e Micrrorrelatos do III e IVº Certame.

martes, 15 de xullo de 2025

Os libros de Manuel María e a súa Fundación


A Fundación da Casa Museo Manuel María é realmente unha referencia en canto a ese tipo de lugares e entidades. Unha boa rehabilitación da casa, unha musealización de referencia, un coidado da obra de dez, unha boa web... 

Agora estamos ante dúas publicacións que acaban de aparecer para manter vivo a figura: O poeta Manuel María é fogueteiro de Pepe Carreiro e Abraham Carreiro publicado pola Casa Museo á que nos estamos a referir. Outro é O poeta Manuel María muda de casa. O de menos é o que contan que son historias sen moito peso, peo están ben contadas e presentadas, en formato álbum cadrado, de pastas duras, cores alegres, estilo ben definido... Nun dos casos Manuel María soluciona o problema que se crea cando o fogueteiro queima o nariz (e el non dubida en comprometerse para botar foguetes de sete estalos; non lle sae a cousa demasiado ben ao principio pero despois cosegue endereitala e que a festa de Santa Isabel de Outeiro de Rei sexa un éxito. Ao final, uns códigos QR dan acceso a cousas da festa: dos pomas do Manuel (O foguete e A festa do patrón), unha bandeiriña galega para pintar, recortar e enfeitizar  unha festa, un vídeo do Manuel lendo O soñador, as letras de tres cancións populares para cantar nunha festa, o audio do poema o carro musicado por Mero e cantado por Fuxan os ventos e instrucións para lanzar un foguete de cores. O outro libro, O poeta Manuel María muda de casa conta como o poeta se muda á cidade e como bota de menos o que deixa atrás  (os animais da casa así que vai a Outeiro de Rei a buscalos) aínda así, ten saudade da lareira, o pozo e a eira, a horta, a pereira, a cerdeira e a maceira. Terá que volver á casa! Neste casoo que aparece cos códigos QR son Cousas da cidade: o poeta lendo Árbores da cidade, un vídeo do IES As Barxas sobre a canción A cidade de Uxía e Magin, a canción O meu cuarto de Pirilampo, imaxes das cidades nas que morou o poeta, ilustracións de Xaquín Marín de Manuel María na cidade, os poemas O semáforo e O autobús.

A presentación: "A colección, de capa dura e cunhas dimensións de 20X20, está elaborada polo humorista gráfico, debuxante e guionista de banda deseñada, Pepe Carreiro e polo tamén debuxante e ilustrador, Abraham Carreiro, e é un achegamento ás persoas máis novas da figura de Manuel María e as temáticas e valores que o mobilizaron na súa vida. Textos de historias graciosas, salpicadas polo medio de léxico do propio Manuel María e acompañados de bonitas ilustracións.

Na garda esquerda recóllense os libros desta colección elaborados por estes creadores: O poeta Manuel María fala cos paxaros da Terra Cha, O poeta Manuel María ten un barco de xoguete, O poeta Manuel María vai ver as follas do outono e O poeta Manuel María foxe de Barriga verde

Manter viva a memoria, ese é o obxectivo!  

venres, 11 de xullo de 2025

Un álbum e unha nova entrega de BD

Un monstro en apuros de Guadalupe Acedo e Paula Jerez traducido por Vanessa López e publicado por Miau.

Da presentación editorial: "Mocallo é un monstro que vive na casa dunha familia onde se pasaba o día asustando aos medorentos xemelgos. Pero cando naceu Tecla todo cambiou. Como vai asustar a Tecla se lle encantan as historias de medo? Xa non sabe que máis facer para dar un bo susto á nena, se mesmo foi a clases particulares para mellorar. Terá que buscarse outra casa?" 

Realmente, é a nena a que acaba asustando ao monstro de forma que remata o libro cunha pregunta: "Hai quen aínda pensa que as nenas son medrosas?" e na imaxe o monstro e a nena xogan a asustar aos irmáns maiores, ese xemelgos aos que tan doado resulta meter medo.

A brigada Iridiscente en O fantasma do vestiario das rapazas de Elena Andrés publicado por Galaxia

Así se presenta:"É o primeiro día de clase para a Brigada Iridescente, xa van en 6º de primaria e están moi emocionados. Todo parece ir ben na escola, pero axiña comezan a pasar cousas raras. Luces que se apagan, portas que se pechan soas, obxectos que rompen… Ten que ser un fantasma; entón, a lenda da escola é certa! 

Acompañade a Vale, Eloi, Gaeul, Cristian, Nina e Paulo nesta nova aventura! Só as nenas e nenos máis valentes serán quen de facerlle fronte ao fantasma!..."

Un grupo de rapazas e rapaces ben distintos, cada un coa súa personalidade, totalmente diferentes tamén fisicamente que se embarcan na titpica historia de lendas urbanas, misterio e medo. O último ano en Primaria cando son os maiores co CEIP antes de ser os menores no IES, así que se terá que notar