martes, 2 de setembro de 2025

Rosalía oculta, premio Castelao Banda Deseñada

Rosalía oculta acadou o premio Castelao de Banda Deseñada en 2023. Aparece agora publicada pola editorial Galaxia.

Así se presenta:

"Unha obra que afonda na verdadeira identidade de Rosalía de Castro, máis aló do mito, ofrecéndonos unha visión íntima e reveladora dunha das figuras máis importantes da nosa literatura.
A través dunha coidada investigación e unha narración visual envolvente, Rosalía oculta reconstrúe a vida da autora a partir das súas experiencias e da súa obra. 

Amosa unha muller que loitou contra as inxustizas do seu tempo. Rosalía de Castro foi unha pioneira. No século XIX, cando as mulleres estaban confinadas ao fogar, ela ergueuse como unha voz poderosa que denunciou as inxustizas do seu tempo. A súa obra fala da terra, da opresión e da marxinación, de cuestións tan actuais como o feminismo, as diferenzas de clase, a emigración ou a androxinia. Pero quen era realmente Rosalía?

Esta novela gráfica non pretende dar unha resposta definitiva, senón construír, a través da banda deseñada, un relato fragmentado e cheo de matices sobre a súa identidade, os seus conflitos e as súas loitas. Porque a súa figura, coma a súa poesía, é un quebracabezas que nunca deixamos de reconstruír.

Paula Mayor, artista e ilustradora coruñesa, emprendeu unha intensa viaxe documental para achegarse á verdadeira Rosalía. Tras dous anos de investigación, presentouse ao Premio Castelao de Banda Deseñada cun proxecto que reinterpreta a vida da escritora desde unha perspectiva nova e valente. O resultado é este libro: unha obra que desafía as imaxes preconcibidas e nos convida a redescubrir a unha Rosalía máis humana, máis real e, sobre todo, máis viva ca nunca.

Con Rosalía oculta, Editorial Galaxia reforza o seu compromiso coa banda deseñada galega e coa reivindicación das nosas voces máis icónicas. Non perdas a oportunidade de descubrir esta novela gráfica única.

Rosalía segue a falarnos. Só hai que saber escoitala."

A nivel visual xoga cunha iconografía simbólica e romántica de flores, máscaras e orlas, moitas veces con fondo negro ou escuro que lle achegan dramatismo e beleza. Debuxos en branco e negro e apenas cor para relatar a biografía nos momentos menos luminosos a nivel persoal e social. Xogos plásticos como esa herba case puntillista para a natureza nos días de festa cos Pondal ou no banquete de Conxo traxes patrimoniais para a festa e o baile, a brillantez do teatro, a alternancia de cores e a súa ausencia para separar as emocións de cada tempo, os fondos realistas das cidades a modo de decorado, o expresionismo das bocas enormes cando son murmuradoras asemellándose amáscaras de morte ou os enormes ollos de Rosalía que lembran o manga, variedade e cantidade de metáforas visuais e sempre a palabra de Rosalía nos dous idiomas certificando o relato. Moitas das planas servirían para magníficos cartaces. Doce capítulos nos que dividir unha vida curta e frutífera, un contido extra con "A xustiza pola man" e un esquema xeral feito de debuxos en branco e negro a modo de guión xeral.

Un libro no que non se escatimaron esforzos, documentación e creatividade ao redor da poeta nacional, unha obra digna da escritora que busca envolvela nas luces e sombras do seu tempo e a propia biografía. A ela haberá que vover en moitas ocasións e dará moito que pensar e preguntar ao lectorado novo.   

luns, 1 de setembro de 2025

Unha novela de misterio


Dormen baixo terra de Alba de Evan aparece publicado na colección A miña primeira novela de Monstros, na editorial Boadicea.

Así se presetna: "Erea acábase de mudar a Leiro, unha vila no medio das montañas onde nada é o que parece. Na mina aberta no alto do monte non deixan de se suceder ataques sanguentos sen que as autoridades consigan atopar un culpábel. O perigo, soterrado na fraga, emerxe coa néboa e axexa os habitantes do lugar. Cando Erea descobre que os seus dous mellores amigos, Héitor e Anaír, están relacionados co responsábel das agresións, non dubidará en arriscar a súa vida para descubrir que segredos do pasado agocha a mina e tratar de protexer a xente, dun xeito ou doutro."  

Familias ligadas a estraños seres que coidan das terras, minas ás que se lle da permiso a pesar de saber que aí hai patrimonio que gardar, persoas comprometidas con esa defensa que non conseguen paralizar (a mina, pero podía ser a pasteadora ou os eólicos). Cando nada está nas nosas mans xa só queda cederlle o coidado da terra ao misterio. Neste caso un monstro. Un gran risco aparecerá porque cando algo proba o sangue non sabemos as súas consecuencias. Tamén se dicía que cando alguén está nunha guerra e aprende a matar xa non o olvida, xa non lle resulta difícil, xa o converte en costume... Pois ben, unha novela de medo e misterio. Tres adolescentes: dous autóctonos e unha que acaba de chegar, cada un coas súas características e aficións pero dispostos a axudarse e defender a súa amizade.

domingo, 31 de agosto de 2025

Varias traducións


 

Contos de Terramar. Historias de Terramar V de Ursula K. Le Guin está traducido por Tomás G. Aloha e publicado por Boadicea.

Da presentación editorial: "Explora Terramar neste novo volume da saga a través de cinco historias que ocorren antes ou despois da época das novelas, e mais dun ensaio sobre as persoas, as linguas, a historia, a literatura e a maxia deste mundo fantástico. O buscador, unha novela curta ambientada centos de anos antes d’Un feiticeiro de Terramar, revela como comezou a famosa escola de Roke. N’Os ósos da terra, o primeiro mestre de Ged demostra como a humildade, se é o suficientemente grande, pode controlar un terremoto. Ás veces, os feiticeiros buscan carreiras alternativas, como ocorre no conto de Rosaescura e Diamante. Volve á época en que Ged era Arquimago Na braña alta, unha historia sobre o amor polo poder e o poder do amor. E descubre en Libeliña como unha muller decidida pode romper o teito de cristal da maxia masculina tendendo unha ponte entre Tehanu e O outro vento."

Así fala a editora do saga: "Chega a Boadicea Editora Terramar, o mundo de fantasía creado por Ursula K. Le Guin no que se desenvolve o ciclo de novelas A Wizard of Earthsea (1968), The Tombs of Atuan (1970), The Farthest Shore (1972), Tehanu (1990), Tales from Earthsea (2001) e The Other Wind (2001). Ursula K. Le Guin (1929-2018) é unha autora referente de ciencia ficción e fantasía, creadora da federación Ekumen no primeiro ámbito e do mundo de Terramar no segundo. Foi a primeira muller en gañar o premio Hugo e o premio Nébula coa súa obra The Left Hand of Darkness (1969) e chegou a publicar máis de vinte novelas e máis de cen relatos curtos, xunto con poesía, ensaio, crítica literaria, tradución e libros para a infancia."

Un mundo fantástico, unha terra de magos, un mundo de meigas, dragóns falando dos tempos antiquísimo, o poder dos nomes... Un universo no que sumerxirse en galego.


 

O misterio de xacarandá é de Elena Osés, está ilustrado por Eva Agra, traducido por Xosé Duncan e publicado por Bululú. Unha nena extraordinaria dende o nacemento (así o confima a comadrona), unha familia (orfa de nai e co pai panadeiro, con catro fillos con nomes que comezas por vocais: A, E, I, O e pasan á M por medo a non atopar ningún por U) que se despraza ao pobo. Un lugar estraño con un segredo que gardar.  Os misterios que comparten os nenos e as nenas, as prohibicións das persoas adultas, dúas casas raras, un xacarandá...

Da presentación editorial: "Quen lle ía dicir a Mel que mudarse ao vello casarón da praia se convertería nunha aventura fantástica. Após a morte da súa nai, os catro irmáns e mais o seu pai abandonan a cidade para ir vivir no abandonado fogar da familia na aldea de Oires. As súas preocupacións centrábanse en reformar o casarón, reabrir a vella panadería e adaptarse ao peculiar estilo de vida dos seus veciños. Até que unha misteriosa rapaza co pelo da cor do mar comezou a aparecérselles nas noites de treboada…" 

Xertrudis precisa vacacións, da serie que leva o nome da protagonista. Historias da bruxa que primeiro busca traballo e despois ha de descansar, aínda que ela é tan propia que pode cansar sen necesidade de moverse, unicamente co seu mal humor. Se na primeira entrega coñece ao cobrador de morosos que a busca para que pague as débedas, agora, xa convertidos en parella, traballa con el e viaxa. O mellor é o encontro co Principiño, se é que a través del conseguimos que o lectorado se aproximea esa obra. Ana Meilán é a autora, Agustina Mattar a ilustradora, Xesús B. Tellado o tradutor e a editora entrenubesynuentos. Unha serie máis de bruxas.

Editoras que traducen e publican ao tempo en galego e castelán en Galicia para chegar a todo o mercado. 


O misterio de xacarandá é de Elena Osés, está ilustrado por Eva Agra, traducido por Xosé Duncan e publicado por Bululú. Unha nena extraordinaria dende o nacemento (así o confima a comadrona), unha familia (orfa de nai e co pai panadeiro, con catro fillos con nomes que comezas por vocais: A, E, I, O e pasan á M por medo a non atopar ningún por U) que se despraza ao pobo. Un lugar estraño con un segredo que gardar.  Os misterios que comparten os nenos e as nenas, as prohibicións das persoas adultas, dúas casas raras, un xacarandá...

Da presentación editorial: "Quen lle ía dicir a Mel que mudarse ao vello casarón da praia se convertería nunha aventura fantástica. Após a morte da súa nai, os catro irmáns e mais o seu pai abandonan a cidade para ir vivir no abandonado fogar da familia na aldea de Oires. As súas preocupacións centrábanse en reformar o casarón, reabrir a vella panadería e adaptarse ao peculiar estilo de vida dos seus veciños. Até que unha misteriosa rapaza co pelo da cor do mar comezou a aparecérselles nas noites de treboada…" 

mércores, 27 de agosto de 2025

Libro musical

 A Landra viaxeira e o amigo Lambón de Suso Bello e Sabela Olivares que forman o grupo Os Jalochos de Ribeira.

As ilustraciós son de David Cuence e a editorial A Compañía do Ruído. Así se presenta: "Un libro no que o público infantil poderá seguir as aventuras destas dúas personaxes e os amigos e amigas que polo camiño atoparán. Cunha folla de carballo que se transforma en camión, nun barquiño, nun paraguas, se precisan dun avión, Landra e Lambón coñecerán a Picapeixe e Picapaus, o punki Ramón o Salmón, a píntega Leda, Old Pot que é unha tarteira vella e Lara, a píllara espacial. Respectar a natureza, viaxar por vilas e cidades, xogar co ritmo da música, cantar e bailar sen acougo, son parte das propostas que pon en valor este libro para o divertimento das pícaras e pícaros da casa.
Landra e Lambón, dúas criaturas que son un conto de fadas, relatan unha fabulosa historia chea de música, cor, aventuras, novas amizades e singulares expresións que pola costa galega adoitan falar. Este conto leva aparellados distintos recursos en soporte dixital, completando así a obra cun audiolibro e doce pezas musicais para gozar en familia." A el accédese a través dun código QR.

martes, 26 de agosto de 2025

 

Que haberá na barriga de mamá? de Ana López Quintela publicado por Alvarellos na colección Verdemar.

Da presentación editorial: Álbum ilustrado creado pola educadora infantil Ana López Quintela, despois de Na busca de Antón. Nesta historia coñeceremos unha familia. A protagonista, June, ten dúas mamás, e terá que descubrir que nace dentro da barriga da súa nai máis cantareira…

TEXTO CONTRACAPA

Eu teño dúas mamás, ben distintas por dentro e por fóra.
Hoxe veño contarvos unha historia moi divertida, sobre o que tiña miña nai dentro da súa barriga.

ARGUMENTO

June, a protagonista deste marabilloso conto, ten dúas mamás. Ben diferentes entre elas. Un día foron ao hospital e agora algo está a medrar no ventre da nai máis cantareira, pero June non sabe o que é. Escoita ás mamás falar da semente que está a medrar dentro, e ela entón pensa se será un arando… unha cereixa… unha ameixa… un limón… un aguacate… ou unha manga. Ata que un día descobre que é o seu irmán Teo a quen gardaba a súa mamá na barriga, e con quen axiña poderá xogar. 

CLAVES PARA A LECTURA

As familias son diversas. Son núcleos de afecto profundo e non teñen por que seguir modelos predeterminados. Nesta familia, dúas son as mamás da protagonista. Unha historia verdadeira que nace con June, a propia sobriña de autora.

Un conto que nos mostra o desbordante que pode chegar a ser a imaxinación na infancia.

Contaxia a alegría na descuberta da vida.

O álbum, escrito en verso, seduce tamén pola sinxeleza e inspiración das súas orixinais ilustracións". 

Unha historia que xira ao redor da pregunta que xorde cando as cousas cambian aínda que sexa pouco a pouco, nunha evolución constante...

domingo, 24 de agosto de 2025

Unha nova BD

Historias do páramo de Pjota e Senande está publicado por Galaxia. 

Preséntase así: "Cairo é unha candorca vagabunda que vive nun páramo abatido pola violencia de bandidos, bestas e señores da guerra sedentos de poder. Outros moradores fan o que poden para saír adiante neste mundo inhóspito e perigoso. A súa turbulenta vida dará un xiro no momento en que adopta unha peculiar rapaza que atopa tras unha escaramuza. Cairo e os seus compañeiros veranse envoltos nunha aventura inesperada, pois esa rapaza é de sumo interese para as forzas escuras que habitan neste lugar." 

Fronte ás ansias de poder absoluto e fronte a todo o terror está o mundo do tenrura polas pequenas criaturas, os coidados. No fondo, é unha loita de machos e femias, sexan da especie que sexan. Unha historia que promete novas aventuras!  

Varios títulos

A meiga roubasoños de Pablo Nogueira está ilustrado por Manuel Uhía e publicado por Baía. As imaxes gardan a maxia deste artista  e as súas acuarelas para representar un mundo cheo de tenrura e boas vibracións, a bruxa é simplemente unha vella de aldea das de antes coas gafas para a presbicia, a rapazada é a de sempre habitando un mundo cheo de dozura. Imaxinades unha vila da que desaparece o sol e con el os soños das crianzas que non poden lembralos cando espertan? Tampouco conseguen durmir á primeira, adian a hora do descanso. Cando llo contan á mestra, esta pensa que pode ser cousa da bruxa Taparuxa e proponlles que deixen un libro no cuarto para que a meiga poda ler en vez de roubarlles os soños (porque ler non deixa de ser iso, encher de historias para soñar) e así conseguiron que  se alimentase das fantasías dos libros e superara esa enredante enfermidade. Dentro dese tipo de historias que tentan explicar a maldade nunha carencia e que pode ter remedio cando se lle achega o que precisa a persoa...

O mellor gato da vila de Susana Peix e Brenda Figueroa está publicado por Cumio, traducido por Iolanda Mato, na colección Lemos +6. Forma parte dunha colección moi didáctica que comeza cun consello (neste caso "Mostra sempre a túa mellor versión") e remata cun pequeno texto de autoaxuda "Para poder ser un mesmo é importante que non nos deixemos levar polo que se espera de nós. A felicidade e o benestar conséguense desde o interior de cadaquén" e tres etiquetas: apoderamento, enxeño e astucia. Polo medio a historia dun gato amigo dos ratos que cando lles escoita á ama que que se vai desfacer do gato porque ten a casa chea de ratos así que os convence para que se deixen pillar e desa maneira poder mostrarlle á humana que o fai ben pero cando estes desaparecen escóitaa falar de quer xa non precisa gato porque non ten ratos. 

Entre "Para que quero un gato? A casa está chea de ratos..." e "Para que quero un gato?Se xa non teño ratos..." anda o xogo.

Unha pequena historia: Candela e o espello máxico de Andrés Villar Murillo publicado por Toxosoutos. Un libro dedicado á súa neta no que semella que son del tanto o texto como as ilustracións. Candela é unha nena de oito aos que atopa un espello no lixo, pronto descubrirá que é máxico e o seu poder consiste en tragar todo o lixo e contaminación que hai nos arredores. O espello non reflicte a imaxe das persoas senón que fai desaparecer o que estorba. A historia desenvólvese en Noia, coa praia de Testal ou o río Traba na trama.

Esta é a primeira incursión na literatura infantil e de ficción deste noiés profesor e guía de alta montaña e alpinismo xa leva publicadas obras ao redor desta temática.