martes, 9 de novembro de 2021

De cómics e novidades


Madialeva de Ana Moreiras, unha obra brava e chairega, en palabras da autora. "Un adival de historias que formaron o seu niño e que ela utiliza para continuaro relato da estirpe denunciando a desprotección do rural e da nosa cultura ancestral (...) sempre me gustaron máis as criaturas bravas, intelixentes e bondadosas do que as belidas. Coma as mulleres coas que me criei, ás que adico os relatos que ides ler". Ler e ver, porque se trata dunha novela gráfica. Unha novela gráfica que fala de mulleres do rural.

Traer as mulleres ao lado visible, iluminar as súas vidas que arrastran a Historia con maiúsculas... é un obxectivo desta obra naque recoñeceremos mundos que estaban aí.

Da presentación editorial: 

"Quen foron as mulleres galegas que cosían a roupa que conquistou o mundo? Que soños gardaron os emigrantes que deixaron a aldea na procura de prosperidade?

Unha novela gráfica sobre as voces baixas da nosa historia recente.

Madialeva é o primeiro título da colección ‘Mulleres Ilustradoras’, que propón banda deseñada con perspectiva de xénero."

Un avance.

domingo, 7 de novembro de 2021

Unha colección

Os acartonados para prelectores de Kalandraka contan coa colección Do berce á lúa dirixida a rapazada de 0 a 3 anos. Dous autores: Antonio Rubio e Óscar Villán nas ilustracións. Libros que "que axudan a «educar o ollo e a adozar o oído», porque "O texto leva un ritmo de lectura baseado no cancioneiro infantil e mantén unha total equivalencia entre palabras e imaxes. As ilustracións resaltan sobre un fondo claro para facilitar a forza comunicativa". Títulos como Lúa, Froitas, Animais, Zapato, Cinco, MIau, Violín, Crocodilo, Paxariña de papel, Piñeiro vense agora acopañados por Xoguetes e Viaxes

Sempre é unha alegría atopalos, descubrir un novo como eses xoguetes que inclúen o libro de poesía espallando alegría ou eses viaxes que levan a Nacho, Xiao e Faisal en nave espacial. 

xoves, 4 de novembro de 2021

Álbumes e vocabularios

ai un tigre no xardín de Lizzy Stewart. Traducido por Javier M. Blanco e publicado por Triqueta verde.

Cando Nora se aburre, a avoa anímaa a buscar o tigre que anda polo xardín, decide seguir o seu consello a pesar de saber seguro seguro (xa é maior para crer a cegas) que non hai tigre. Alá vai ela coa súa mascota (unha xirafiña) e van atopando aquilo que a avoa dixera: libélulas coma paxaros, plantas que poden engullirte, un oso polar... e un tigre. Fanise amiga dese tigre co que conversa: "Se ti cres en min eu creo en ti e seremos reais un para o outro". Porque a realidade está feita de moitas, tantas, que ata lle vai ensinar unha serea (que anda pola bañeira) á avoa.  Porque , ás veces, non hai nin que saír da casa para atopar o que se busca.

O gran libro das nosas cousas de Blanca Millán, publicado por Edicións do Cumio. 

Da presentación editorial: "¿Algunha vez te paraches a observar o mundo que te rodea? Está cheo de cousas marabillosas, algunhas naturais, outras fabricadas polo ser humano, pero todas elas únicas e moi valiosas. Este libro é unha viaxe ilustrada polas cousas do día a día, desde os pequenos insectos do xardín ata os xigantescos cachalotes do noso fondo mariño." Un libro de divulgación no que se lle pon nome ao que anda ao noso redor. Unha obra que nos obrigará a prestarlle atención ao que vemos

domingo, 31 de outubro de 2021

De defuntiños e samaín




Teremos que acordarnos da serie de Mortiña de Barbara Cantini, traducida Rosa Marta Gómez Pato e Manuel González González e publicadapor Hércules Edicións.

A serie dos Minimortos de Ledicia Costas, con ilustracións de Mar Villar e que xa vai pola 4ª entrega. Así se presentaba a 1ª: "Os Minimortos son unha cuadrilla de nenos moi diferentes a ti: son nenos de ultratumba. Agardan polos seus pais no Outro Barrio, un lugar de paso onde teñen liberdade para facer o que lles pete. Todo cambia o día que chega Catacrak, un cativo que quere regresar ao mundo dos vivos. Os Minimortos terán que empregar o seu enxeño para axudalo. Conseguirán que Catacrak regrese á vida?" e a 4ª "A noite do Samaín é a máis importante do ano. A Bruxa Xefa celebra na súa casa unha festa de disfraces e convida só a algúns afortunados. Todos os habitantes do Outro Barrio agardan nerviosos polo seu convite mentres deseñan disfraces terroríficos para a ocasión. Pero, que será o que lles dá medo aos Minimortos? Un vampiro? Un lobishome? Un problema de matemáticas? E o máis importante: recibirán a agardada invitación da Bruxa Xefa ou quedarán sen festa?"

Lembrar a Escarlatina, a cociñeira defunta "Como Román Casas quería ser un auténtico chef, pediulle aos seus pais un curso de cociña para o seu décimo aniversario, que coincide co Día de Defuntos, a festa dos mortos. E nese día tan especial recibiu un megasusto, un agasallo moi singular, un cadaleito acompañado dun sobre negro onde viñan as instrucións para activar a Escarlatina, unha cociñeira falecida no século XIX que nunca se separa de Lady Horreur, un arrepiante arañón con acento francés. A bordo do mortobús, os tres novos amigos e mais o gato Dodoto viaxarán ao Inframundo, onde os defuntos viven baixo as ordes de Amanito, o tirano que goberna no Alén coa axuda dos funguiños: os seus terroríficos esbirros. Unha ducia de moi gorentosas e larpeiras receitas, as máis sabedeiras do mundo dos vivos e dos mortos, dan paso a cada un dos bocados desta historia de humor macabro que estimula o apetito do lector e a curiosidade polo mundo da cociña". Ou a súa precuela, Esmeraldina, a pequena defunta: "O Hotel Fantastique está no medio do Salvaxe Oeste. Nas súas cociñas a pequena Esmeraldina é feliz, aprendendo todos os trucos culinarios da man da súa avoa A Tremenda, unha chef de sona mundial. A vida avanza entre pucheiros ata que un andazo de febre escarlatina acaba coa vida da nena. A noticia da súa morte corre como a pólvora entre os habitantes do alén, e empezan a chegar ao hotel defuntos de todas as procedencias, dispostos a instalarse. Esmeraldina necesita aprender a ser unha pantasma de verdade. Para iso contará coa axuda de Lady Horreur, unha peculiar araña francesa que se converterá na mellor mestra e amiga, e Nicotina, unha vaqueira que teima en levala ao seu novo fogar: o Alén Mundo. O Libro de Receitas da Tremenda acompaña esta historia de medo e humor macabro, converténdoa no petisco perfecto para degustar antes ou despois de ler Escarlatina, a cociñeira defunta."

Vampira de biblioteca "Esta non é unha historia calquera. É a miña historia. Preguntarás quen son eu. Chámome Eleonora, son unha vampira e dedícome a papar os insectos que queren roer as páxinas dos libros da biblioteca onde vivo. Así que se es desas persoas que non cre na existencia de criaturas coma min, é mellor que non abras este libro, que o coloques nun andel e te esquezas de todo isto para sempre. Fin. Ou tamén podes atreverte a continuar. Mais para iso debes darme unha mostra de confianza e pasar unha proba. Atréveste?"

Os textos son as súas presentacións editoriais... 





venres, 29 de outubro de 2021

Oh! (Sorpresa)

Oh! de Josse Goffin é un libro sen palabras, un libro xogo. "As súas páxinas son despregables, de xeito que a primeira coa seguinte presenta unha ilustración; pero ao abrir esta última, fórmase outra figura distinta. Xorde así un xogo entre o que se ve e o que se agocha, o que parece algo pero transfórmase noutra cousa diferente..." (Da presentación editorial)

Como se fixera trampa e quixera enganarnos mostra unha imaxe que se transforma noutra distinta ao despregar a páxina da dereita, coma se quixera dicirnos que as cousas non son o que parecen. Semella imposible, pero o que semellaba unha taza acaba converténdose en barco e o que parecía un peixe pasa a ser un pato, un zapato chega a ser dragón e a lúa unha serpe.

mércores, 27 de outubro de 2021

Conto dende os mares afastados

A nai sombra de Seán Virgo, ilustrado por Javier Serrano Pérez e traducido por Martín Veiga.

Da presentación editorial: "Relato poético no que humanos, peixes e outros seres fantásticos se superpoñen e fusionan sen límites. O efecto é exquisito, tráxico e esperanzador, coa promesa de novos comezos."

Unha historia curta, con misterio, elipses, datos que non se achegan... e espazo en blanco para a imaxinación e o peche por parte de cada lectora. As imaxes recadan a mensaxe e continúan o enigma, só alguén como Javier Serrano podería facelo con estas calidades: algo diluído nas imaxes a lápis de cor, algo surrealista nas resoltas con nitidez, unha unidade impenetrable nas dúas linguaxes. A lectora le, como se fora poesía, sen entendelo de todo e aceptando non facelo: falamos de sereas? de herdos que van dende os oficios ata o ser? de feitizos que son condenas? unha nova hsitoria da sereíña? que papel cumpren os peixes nas imaxes? Non, non queiramos saber!

Unha historia situada no mar e no río, nunha vila con augas, mariscadoras e mariñeiros que sempre se van lonxe e un día queren volver. Casas silenciosas.

 

luns, 25 de outubro de 2021

Varios

Viches iso?Un singular percorrido pola vida das aves invisibles é un libro de gran tamaño con textos e ilustracións de José Arcas. Unha aposta decidida na colección Lanterna de Aristóteles. A modo de cadrno de campo, o autor vai percorrendo a costa, a cidade e a aldea buscando as aves que se poden atopar en cada lugar. O produto de máis de trinta anos de observación que se presenta con datos científicos e factura artística. O autor busca espertar no lectorado a curiosidade que lle faga ver ese mundo de paxaros que ás veces nos pasa desapercibido.

O derradeiro conto de As mil e unha noites de Santi Baró, ilustrado por Mercè López en blanco e negro demostrando que dende a sinxeleza se acada a calidade. Publicado por Tambre. 

Unha escola, un curso (6º), un grupiño de rapaces e rapazas, unha historia. Un día, aparece un lobo na clase e diríxese a atacar, xustamente, ao líder do grupo que está amparando á nena árabe que acaba de chegar á vila co pai médico. Detrás dese acontecemento, hai unha historia de lobishome?, un conto dos que as nais lles contan aos fillos pola noite?, unha rabia inmensa que pode transformarte? De todo iso trata, da derradeira historia de Sherezade que nunca se escribe, do relato necesario para todo tempo e de como os soños poden arranxar as desfeitas dos días, da amizade que coida e das nais que continúan co oficio de contadoras. Unha magnífica volta ao mito que non nos vai deixar indiferentes. 

O segredo dos zapatos de Fernando Cabeza Quilmes é un libro de relatos que vai chamando a atención sobre costumes que poden molestar o medio ambiente, o nome río, os acordeóns que emborca o mar ou os nomes máis axeitados para os animais (por que non falar de elegantes en vez de elefantes, de leas en vez de leóns, de xiraltas, perdidas ou collelos?). Unha edición de Embora con sinxelas ilustracións en blanco e negro de Mon Lendoiro acompañan o texto.