luns, 29 de maio de 2023

Libros que veñen doutros países

O papá está escribindo un libro de Tomas Dirgela con ilustracións de Inga Dagilé, traducido por María Reimóndez e publicado por La Maleta.

"O meu nome é Xoán e o meu pai é escritor. Escribe libros para peques no seu despacho, pero non sei por que lle chama así se non despacha nada". Así comeza e así se presenta: "Xoán non entende por que o seu papá non escribe. Tan só camiña dun extremo ao outro do despacho sen parar! Entrementres, o seu papá non atopa a inspiración necesaria para rematar o libro que comezou… Que ocorre cando non acontece nada? Un libro baseado en feitos reais que nos fai reflexionar sobre como o día a día dunha persoa e as relacións interpersoais e familiares se converten en fonte de inspiración. A imaxinación desatada das crianzas é a mellor musa se a sabemos aproveitar."

As ilustracións tráennos un pai moi moderno, cun corte de pelo actual, unha nai, o fillo que nos fala e unha filla pequena, todos eles e elas máis convencionais. A nena sempre sorrindo, a nai sempre disposta a compartir o seu tempo cos pequenos e o neno entrando continuamente no despacho do pai con mil desculpas: unha aeronave, un helicóptero, un camión de bombeiros... o pai vaino dirixindo, unha e outra vez, ao cuarto dos xoguetes ata que Xoán o asusta, bota o té por riba do pantalón e decide acompañalo a xogar (pero coa condición de que non bote o té por riba dos xoguetes). Xogan todos, len xuntos... e ao día seguinte cando volve da escola e o busca atopa un novo mundo nese despacho: xa está rematado o libro e seica foi grazas aos xogos de onte. é o que ten escribir para pequenos, se estás con eles é máis doado, ou non?

sábado, 27 de maio de 2023

Un gran día de pesca


Un gran día de pesca de Jordi Gastó e Christian Inaraja está traudcido por Xosé Ballesteros e publicado por Kalandraka.

Un libro duro, para prelectorado e primeiras lecturas. Unha historia na que Roque quere pescar. Para iso debe facerse coa ferramenta e, de paso, vai engadindo acompañantes. Dous versos para cada imaxe, que ao xuntarse cos da páxina seguinte constrúen unha cuarteta con rima asonante ou consonante. Roque volve á casa sen pesca pero feliz co día de festa. Unha historia simple e acumulativa cun desenvolvemento sorprendente pero cunha lección aprendida: como na viaxe a Itaca, o importante é a procura non o resultado.

Así o presentan:"Roque ten a insólita idea de ir de pesca. E é unha idea estrañísima porque nin sequera ten cana. Así que para cumprir o seu desexo botará man de amigos e coñecidos que se sumarán á expedición. Páxina a páxina e rima a rima, irán acumulando todos os trastes necesarios para organizar, máis que? Un gran día de pesca? unha divertida festa! Jordi Gastó e Christian Inaraja regresan con outro libro de cartón para primeiros lectores. As rimas musicais de Jordi compleméntanse á perfección coas simpáticas ilustracións de Christian, quen, con trazos sinxelos e un colorido alegre, constrúe un ambiente ideal para acompañar a expresividade dun relato ocorrente e disparatado."


mércores, 24 de maio de 2023

Un título ecolóxico

 

A revolta da lagoa de Rafael Laso Lorenzo, con ilustracións de Ximena Maier publicado por Tambre na colección Ala Delta.

Así se presenta: "Un día, da noite para a mañá, como por arte de meigas, os animais da lagoa descobren unha sospeitosa caravana de automóbiles. Pronto saberán que son obreiros que veñen desecar o seu País da Auga, polo que deciden organizarse para defender o seu territorio. Radicais, pacíficos, dialogantes ou escépticos, todos xuntarán esforzos para enfrontarse a un opoñente que leva todas as de gañar." 

A loita por defender o propio hábitat, os animais dándose aviso, xuntándose, planificando unha estratexia, dispostos a perecer por mantelo... os homes ao seu, facendo o traballo sen pensar nas consecuencias; non son mala xente sequera e poderían dicir "non é nada persoal, é o meu traballo". Os xabaríns atacando, os lobos metendo medo ata que lles disparan, as culebras na ponte, as aves avisando e as máquinas acabando con todo, contra elas pouco se pode facer, unha millenta de paxaros voan ao lonxe, emigran a outras terras e nos ouvidos de todos resoaban aínda con forza as palabras do vello corvo: "Nunca máis". Así remata a historia, antes de que no epílogo o autor nos conte que a historia está baseada no desecamento da lagoa de Antela en 1958. Unha lagoa desecada, un mundo desaparecido.

sábado, 20 de maio de 2023

Xoán Babarro e a marabilla das anainas

Garabitolas de Xoán Babarro, ilustrado por María Lires e publicado por Xerais, devólvenos aos xogos e versos dirixidos aos máis pequenos e pequenas, aos bebés da casa, a eses seres que tratamos de introducir no noso mundo compartindo con eles o patrimonio. 

Babarro é o máximo artífice da poesía para as crianzas máis pequerrechas; a ninguén mellor que a el se lle podía ocorrer escribir este libro para recibir aos que chegan á casa dende as barrigolas das nais. Os afectos mostrándose nas palabras e nas expresións, comezando con eses versos de Rosalía: "Olliños de groria! / Cariña de meiga! / Apértame ben, / corasón de manteiga!" 

Collémolo no colo que é o mellor berce, arrandeámolo, cantámoslle cancións que os animen a durmir e xogamos ás cabaletas porque os xeonllos son cabalos, tamén lle cantamos noutros idiomas para recibilos dende a diversidade, e cada momento ten o seu canto (a comida, o ducha...), os xogos de mans e de diferentes partes do corpo corpo, os afectos mostrándose a través dos chuchos, os bicos e as caricias, os animais da casa e de fóra (ese gatiño, a galiña e os pitiños, o can e o burro, o raposo), os pezas de roupa ou os xoguetes... ata limpar os mocos ten o seu aquel cando son os dun bebé. Unha festa e un gran acerto este libro que dá a benvida e acompaña os primeiros tempos do bebé "para ler en voz alta e xogar coas palabras" tal como se di na presentación.

venres, 19 de maio de 2023

Un libro ganador da colección Tucán de Rodeira

Rei de Mónica Rodríguez acadou o premio Edebé de literatura infantil. Unha historia que rezuma tristeza dende a primeira páxina pero que cara ao final nos achega a esperanza necesaria nunha narración infantil. As ilustracións son de Ángel Trigo. A tradución debe ser do equipo Edebé, pois non aparece...

Rei, o neno, é maneira coa que se recoñece porque era como a nai o chamaba cando non bebía. Garda ese nome coma a chave que o leva a unha lembranza amorosa e profunda. Rei, pasa un tempo de desamparo, sen acubillo humano ni social, ata que case reconvertido noutra raza, é recuperado... e a narración decide coller outro rumbo e devolvernos a esperanza. 

Así se presenta: "Durante o duro inverno, nunha cidade do norte, un neno foxe da súa casa a causa do maltrato do seu padrasto. Atopa acubillo debaixo dun tubo, preto das vías do tren e do descampado que conduce ao bosque. Ninguén parece ter mágoa del ata que uns ollos o miran con detemento e tenrura. Tamén con autoridade. Eses ollos pertencen a unha cadela sen dono. O neno terá que aprender a sobrevivir cabo dela e da manda de cans que lidera. Aínda que a súa presenza non será aceptada de bo grado por todos eles."

luns, 15 de maio de 2023

Nai dos desterrados. Cómic ao servizo de Amnistía Internacional

 




Nai dos desterrados 5

Nove historias, un par delas cunha única imaxe coma "O abrazo I" e "O abrazo II" de María Brenn: primeira e última viñeta - cartel. Unha muller cociñando cun bebé no colo e con tres máis agarrados e ela (pola roupa, polas pernas...) e un can que tamén quere subir por ela. Outra muller, que é a mesma, nun hospital agarrando dunha man a un enfermo e da outra a outro, non sei se suda ou chora, todos levan mascariñas e ela ten conta deles contra a morte. Esas imaxes de María Brenn ben valen unha novela gráfica e o mellor é que conteñen, como a poesía, toda unha historia, unha emoción, un discurso. Vendo o resto das historias semella que os homes andan na elipse e o escuro, mentres as mulleres van máis ao concreto, quizás a súa banda deseñada sexa a que merecemos nesta actualidade na que precisamos que as cousas estean claras. A cuberta de Cráneo cunha médica dándolle a man a un medio home medio cadáver, tamén é evidente, certo pero nunca tan fermosamente certa como as de María. Román Cuadrado métenos nunha historia de "capacitismo". Mariña Rey trae a inmigración de maneira limpa. Adri Sierra a vellez nun gueto, tamén branco sobre negro. "Diatriba trans" de Greta Debelius cunha disquisición e Isra Valvar cunha plana que hai que mirar moi detidamente... e así varios máis, todos centrados nos coidados. E van 5 volumes de Nai dos desterrados, que por riba pon "Prohibida su venta, ejemplar gratuíto", agardemos que se trate dunha broma, igual que a lingua na que está escrita a frase. 

Antes estiveron outros, asinados por David Fajardo, Faks; Israel López, Xela G. Caballo, Cristina López e Luis Sendón, sempre centrados no dereitos humanos. E tres anteriores, das que recollemos imaxes. 


venres, 12 de maio de 2023

Un libro de páxinas duras e pareados sobre froitas

Quizás porque nas escolas sirvan froita, quizás porque a alimentación san é imprescindible, tal vez porque os nosos escritores están mirando cara aos máis novos... aparece este título Moita froita de Héctor Cajaraville, con fotografías de 123RF, publicado por Edicións Xerais de Galicia

Estamos na escola e as protagonistas son as profesoras e as froitas porque comezamos con "A profe Lola / trouxo froita á escola", seguimos con A profe Violeta / baixouna da furgoneta" e seguimos así con cada unha delas, coas rapazas "Para Ana / unha banana", "Para Tareixa... dúas cereixas", "Para Ramón.../ un limón" para rematar "E na hora do recreo, / coa profe Antonia... / macedonia!"

Todo escrito con letras maiúsculas e en cada páxina a tradución do nome da froita ao portugués, castelán, inglés e francés. Quen dixo que non eramos plurilingües?

A comer froita e a ler imaxes e texto. A aprender pareados!!!