Dous libros de poesía e os dous do mesmo autor: Antonio García Teijeiro.
No xardín do poeta cunhas magníficas ilustracións de Víctor Rivas na colección Merlín de Xerais e De poemas e bolboretas con ilustracións de María Lires en Embora. O primeiro deles preséntase así: "As páxinas deste libro son a porta de entrada a un xardín de versos onde o autor, Antonio García Teijeiro, dialoga coa poesía do gran Federido García Lorca. Nese xardín marabilloso que é a obra de Lorca agroman estes poemas de formas varias e medidas diversas; poemas musicais, rítmicos, cheos de luz, lúdicos, críticos, brillantes e sobre todo vitais, pois son froito da conversa íntima entre dous poetas que aman a vida." Rivas crea, arredor desa poesía, un imaxinario propio que dá para unha exposición na que seres alados e acuáticos dialogan coas olas que lembran a arte xaponesa ou as nubes formadas dese mesmo material, debuxos case naturalistas e representación desa xente que non é xente, un surrealismo que crea elementos vexetais con conchas, peixes voadores.... Cando o ar e o auga se unen, cando as plumas e as escamas se saúdan, cando o artista recolle os e o mundo textual e icónico de Lorca estamos ante unha obra maior.
O segundo libro, é suma de dous temas queridos do poeta: as bolboretas e as pombas, a paz e a delicadeza, a tenrura e a beleza. Un libro de formato grande e pastas duras con ilustracións a base de colaxes e estampacións. O poeta, de novo, homanaxea a outros poetas: Antonio Machado, Edward Lear, Manuel María, Celso Emilio Ferreiro, Federico García Lorca, Aquilino Iglesia Alvariño no apartado "As bolboretas visitan algúns poetas.
Ningún comentario:
Publicar un comentario