Xaora é a novela gráfica de Ana Moreiras, unha profesora de física que realiza banda deseñada e leva publicados dous títulos a ter en conta: Madialeva e Xaora.
Así se presenta esta entrega: "Virxinia anda medio perdida. As súas dores físicas e máis as cicatrices emocionais tráena sen azos, buscando respostas para as grandes preguntas ás que se quere enfrontar como adulta. A visita da pantasma da súa avoa, vitalista, descarada, feliz por recuperar o vizo da mocidade, axudaraa a comprender que é o realmente valioso e auténtico.
Ana Moreiras amosa nesta novela gráfica os seus dotes para a narrativa. Unha historia chea de humor e reflexión sobre o noso tempo, sobre o noso país."
O uso de expresións mariñás (Marialeva, Xaora) son unha marca da casa para titular as obras, da mesma maneira que o son as protagonistas das historias: mulleres maiores do rural. Unha homenaxe e un campo que ficaba algo arredado da banda deseñada xuvenil. Unha cita de Herman Hesse achega información que supoñíamos actual: "A présa da vida moderna xa se apoderou das nosas poucas parcelas de lecer; a nosa forma de gozar e divertirnos non é menos nerviosa e acosada que o balbordo do traballo. "A maior cantidade posible e o máis axiña", é a consigna. A consecuencia é o aumento constante do pracer e a progresiva diminución da alegría. (...) O gozo saboreado é dobre gozo. E non descoides as pequenas alegrías."
Unha terapia de constelacións familiares, outra de ioga, unha dieta de xaxún intermitente, unha falla de comprensión da contorna e do pasado e... no medio de todo iso a avoa morta que se presenta e acompaña á protagonista. Unha situación de traballo na que dous compañeiros van ascendendo por entreguistas ao tempo que tentan ir de colegas (ela, moi de "cariño / querida" e terapias alternativas; el, un vello ligue); por medio desta conxuntura unha serie de reflexións de moito interese que dan para pensar e remoer. A visita aos pais e fillo da avoa, a volta desta á leira familiar, a familia arxentina coa que se garda un segredo, as diferenzas entre a filla e o pai en relación ao rural, a esperanza nun cambio político, a toma de decisións imprescindible e a esperanza, sempre a esperanza.
A obra situada en lugares coñecidos polo lectorado (prazas e rúas de Santiago, bares coñecidos), problemáticas actuais (a loita dos venres negros na TVG "peleles chupándolla ó gabinete de presidencia e falando un galego pentavocálico cos pronomes todos do revés") e a toma de postura persoal a todos os niveis.
Todo un luxo poder contar coas obras desta autora!
Ningún comentario:
Publicar un comentario