domingo, 3 de marzo de 2024

Dúas novidades ben distintas: unha novela infantil e unha bd que comeza serie

Refugallo o espantallo de Irene Alonso Gasalla con ilustracións de Ignacio Hernández está publicado na colección Merlín de Xerais

Sérvelle de pórtico á historia un poema de William Henry Davies, traducido pola autora, no que se fala da présa e a falta de tempo fronte á necesidade da contemplación. Comba é unha nena realmente peculiar que se serve de todo o que atopa, dende o gato abandonado a unha bicicleta escangallada, sempre disposta a dar un novo uso a calquera cousa que forme parte do refugallo, sempre aproveitándoo todo, vendo beleza no lixo. Os Bocapodres ou acosadores alcumábana Nena Lixo ou Composteira pero a ela non lle importaba, enfrontábaos igual que facía coas persoas convencionais que a miraban mal ou non a tiñan en consideración. Onde os demais vían vergoña Comba sentía orgullo. Ela ten unha amiga da alma, das que nunca fallan e sempre a defende e concorda con ela en que sentirse mal por pobre non ten sentido. Comba vive co pai, co está no paro e ten na horta un espantallo que xa non serve, ela promételle facer un novo e niso anda cando nunha xcursión atopa xusto o que lle falta: unha pedra con forma de corazón pero os rapaces de novo se divirten meténdose con ela e cando lle tiran a pedra á calzada ela bótase a collela sen mirala... Un accidente e unha historia que remata ben, pero sen esquecer que a vida ha seguir difícil así que cando chegue ao instituto (coa mochila feita á man, sen móbil nin roupa de marca) volverá a suceder o mesmo e ela seguirá nadando a contracorrente. Unha nana admirable!

Sentinelas da lúa carmesí de Andrés Castro, Ozo Perozo e Alexandre Senande está publicada por Galaxia. Así se presenta: "Desde os albores dos tempos, seres míticos e humanos coexistían en paz e harmonía. Pero un día, os homes comezaron a perseguir o que non comprendían. Tres mouras foron confundidas con bruxas e condenadas á fogueira. Unha delas fuxiu, propagando unha maldición que case acaba coa humanidade enteira. As criaturas mitolóxicas acordaron entón manter a moura encerrada mediante un conxuro ligado á non intervención do humano devir. A lenda di que unha cría humana será quen volverá unir ambos os mundos..." Penso que este argumento correspóndese á serie completa, o que nós vemos é a primeira parte: a chegada da rapaza á aldea, os soños que acoden á súa cabeza, o ambiente de rexouba ao redor da familia, o traballo do pai na farmacia e a adicción que parece telo sometido... contra todas as expectativas a nena é ben recibida polo grupo de compañeiros e primo, unha excursión na que van ter un encontro co misterio e o terror. Aí acaba para poder continuar en próximas entregas. Os debuxos son claros cando reflicten a vida normal enfrontándoos a aqueles nos que fai aparición o arcano e o oculto que son escuros e vermellos con liñas duras e irregulares que representan figuras moi expresionaistas e case abstractas.  

Ningún comentario:

Publicar un comentario