martes, 12 de marzo de 2024

Premio Simbad para o recordo e o Alzhéimer 2022

 

O Premio Simbad para o recordo e o Alzhéimer 2022 recaeu en Raquel Castro e na súa obra Sobremesas sobre versos que aparece publicada na editorial Galaxia ilustrado por Diana Pastoriza.

Así se presenta:"Uxía e a súa avoa Sica elaboran sobremesas mentres lembran os costumes do Courel, a mocidade e infancia dunha anciá que comeza a despoboarse de saberes e recordos."

Unha muller de teatro que se anima a escribir narrativa e verso. Unha temática no medio do noso universo: as enfermidades da memoria, aquelas das que xa falou García Márquez en Cien años de soledad dunha maneira tan poética e máxica. Un premio para visibilizar o problema entre a rapazada engadindo textos aos que dende o principio están aí, pois como ben dicía Ana María Machado, só fai falla coñecer a produción. As ilustracións dunha especialista en mapas conceptuais ou como se lle chame neste momento a contar con imaxes o mesmo do que estamos falando con palabras; algo novidoso do que non sei moi ben que opinar porque por un lado é algo sinxelo e sen pretensións artísticas pero por outro na LIX sempre tentamos que a parte icónica tamén teña ese plus doutra manifestación artística.

Unha avoa e unha neta que nos conta a historia. A avoa vive na aldea e perde a memoria de forma que despois de ser o motor da casa e da familia, ha de ser atendida por unha muller que descansa as fins de semana cando a familia da filla se despraza. Pai, nai, neta e neto. A neta recupera á avoa a través das sobremesas que ela preparou toda a vida e deixou escritas nun recetario, a neta vai preparándoas buscando a súa colaboración e establécese un vínculo que a recupera cos sabores e as maneiras. Libro de cociña cos seus ingredientes e preparación. Novela na que se contan estas circunstancias contextualizadas no confinamento. Libro de poesía nos ingredientes e elaboración das sobremesas. Libro de relacións familiares, de maneiras nas que facerlle fronte ás dificultades, de diversidade sexual no personaxe do amigo da avoa que continúa ao seu lado décadas e décadas, de interxeracionalidade e memoria.

Ningún comentario:

Publicar un comentario