xoves, 21 de marzo de 2024

Premio Jules Verne de Literatura Xuvenil

Furia de María Reimóndez acadou o premio Jules Verne de literatura xuvenil e aparece publicado por Xerais no colección Fóra de xogo.

Da presentación editorial: "Tras a morte da súa nai, Cecilia, unha adolescente de dezaseis anos, non sabe como convivir coa dor. Por se non fose pouco, unha pandemia, un cambio de casa, a precariedade e a incomunicación coa súa tía avoa énchena de rabia ante o mundo que a rodea. Cando a cousa parece que xa non podería empeorar máis, atópase co boxeo. Grazas a este deporte e a unha serie de persoas que a acompañarán, Cecilia atopa a confianza nas propias forzas para buscar unha vida plena, para atopar o seu lugar seguro.
Furia non é só a historia dunha moza que se enfronta á perda e á dor, senón unha reflexión sobre os afectos e o valor verdadeiro, un canto de amor ao boxeo e unha constatación da importancia de termos sempre alguén na nosa esquina que nos guíe á hora de evitar os golpes eludibles e nos acompañe para encaixar os inevitables."

Cando semella que non hai volta, cando a persoa coa que vives é unha tía avoa coa que non te entendes, aínda que é a persoa que che coida igual que coidou a túa nai ata a morte. Cando o historia se centra na adolescente e nesa muller maior que traballa sen parar e aguanta da furia da rapaza que non sabe que facer con tanta rabia. Cando a vida é unha tarefa difícil. Cando damos o curso por perdido aínda que ben poderiamos retomalo pero botamos de menos esa motivación necesaria. Cando nos sentimos traicionadas por calquera que se achega para facer un traballo en equipo, para falar, para que non se note tanto o acoso...

Varias voces: Cecilia a adolescente que camiña ante a maior das perdas e a peor das confusións; a avoa Remorso coa fala de Rianxo, M trasunto da autora e Blue a adolescente non binaria. Cinco partes: Asalto de sombras, Un - dous, Sparring, Manoplas e Furia. A perda da nai e o dó inmenso, no peor momento (a adolescencia dunha filla única de familia monoparental) e na situación máis precaria. A autora escolle as circunstanncias máis difíciles para a aparición do boxeo, esa táboa de salvación que a vai poñer en contacto cun mundo novo no que a todo se radicaliza.  Ficción cos propios sentimentos e entrada a un deporte descoñecido, rodeado de prexuízos, máis alá, sempre máis alá, por iso, a autora na ceremonia dos Xerais agradecía ao xurado a súa lectura libre de ideas preconcibidas. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario