Amosando publicacións coa etiqueta Premio Jules Verne. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Premio Jules Verne. Amosar todas as publicacións

luns, 13 de abril de 2026

Premio Jules Verne

O XVII premio Jules Verne recaeu en O corvo sobre a neve de Andrea Maceiras. Xa no 2017 o conseguira con Europa Express.

Preséntase asi: "Na era glacial, os Países Temperados pecháronlles as fronteiras aos emigrantes climáticos. A neve sepultou toda esperanza. E mentres os cidadáns lexítimos son controlados por asistentes persoais, os parias do frío son obrigados a tatuar a marca dun carrán ártico no fémur. Dryas e a súa familia viven afastados de todo. El sabe que os seus pais agochan un escuro segredo. Por iso, cando a nai e o irmán pequeno desaparecen sen deixar rastro, vese na obriga de fuxir canda o pai ata o límite da Zona Vedada. A súa única guía será un corvo creado coa chamada Tecnoloxía Eterna e sete libros antigos e obsoletos que detesta. O que Dryas non sabe é que alguén os busca na distancia. Nin que os segredos poden deixar cicatriz. Tampouco que, algunhas veces, a literatura é a única salvación posible." 

Unha imaxe: esa ave negra que sobrevoa o branco. Unha distopía porque estamos no tempo de crealas e lelas, máis que en ningún outro. Unha referencia oculta para algún lectorado: A carretera de Cormac McCarthy. Varias referencias que forman parte da historia: Jane Eyre, Lei de vida, Anfitrión, Viaxe ao centro da Terra, O libro da selva,  O conde de Montecristo, O soldidiño de chumbo...

Dúas voces, a da Intrusa e a do rapaz protagonista, un mundo branco e deserto. desamparo. Ninguén lembraba xa o que era aalegría. As palabras eran as únicas capaces de vencer a desesperanza. Non estaba claro onde remataba a natureza e comezaba o artificio. Un centro de segundas oportunidades (en vida ou revertendo a morte: existindo doutro modo). Replicar, traer especies extintas de volta á vida, preservar corpos, conceder segundas oportunidades. Invisibilidade. As palabras crean literatura pero tamén hai literatura que incorpora palabras aos idiomas, capaz de completar linguas e con elas a nosa visión do mundo. "Oxalá nunca deixemos de ler os pensamentos dos outros. E que a literatura sexa a nosa única e auténtica Tecnoloxía Eterna". (así remata).

Seres tecnolóxicos, Tecnoloxía Eterna, soidade, a brancura infinita da neve, a Glaciación, parias do frío, criaturas artificiais, Zona Temperada, Mundo Glacial, refuxios climáticos, asistente de vida, pulseiras de control, Días do Frío, Zonas Extremas, asistentes de vida (parte da Tecnoloxía Eterna), correntes migratorias, fuxidas, emigrantes climáticos, Averno Glacial, a Creador de cada criatura, migración, Zona Vedada, abandono, emerxencia climática, colexio científico e militar

Sosia é a palabra que abre o segredo, cidades soterradas baixo a neve, a cegueira da neve, memorias numeradas, lembranzas fundacionais, modificacións xenéticas, soños premonitorios, sete libros, silencio, campos enerxéticos, emerxencia climática, falta de cores, a eternidade do branco, a invisibilidade, o silencio... o Averno Glacial era un xiganteso cemiterio igual que o Mediterráneo. Os nacidos na Era Glacial eran incapaces de ler porque a aprendizaxe e o ocio chegara a eles a través de imaxes, de simuladores, de realidades virtuais (non había ningunha razón para os pensamentos doutras persoas cando o asistente podía crear as ficcións totalmente personalizadas). "Debes deixarte levar pola historia. Sentir as palabras de quen a escribiu como se fosen túas. Como se che pertencesen a ti." aconselloulle o corvo. "Unha historia só existe cando alguén a le. Por iso, eses vellos libros necesitan de ti" seguiu). Lerlle aos nenos enfermos,  

En certos momentos, hai que deixarse levar. A perda continua: da casa, da nai, do irmá, do pai... bosques sen nome, a desesperanza, o mar na súa inmensidade, producía unha vertixe semellante á neve, un medo profundo e a voz que repite: déixate ir, non loites. 

Ata que a glaciación destrúa o mundo ou ata que a humanidade o salve, cando a túa vida cambia pero a natureza (o que se rodea) continúa intacto, pero os libros levan aos soños, enriquécenos. Incerteza. O sangue sobre a neve do que falou García Márquez.

Un libro para ler dunha autora que é quen de crear mundos diferentes, unha e outra vez,   

xoves, 21 de marzo de 2024

Premio Jules Verne de Literatura Xuvenil

Furia de María Reimóndez acadou o premio Jules Verne de literatura xuvenil e aparece publicado por Xerais no colección Fóra de xogo.

Da presentación editorial: "Tras a morte da súa nai, Cecilia, unha adolescente de dezaseis anos, non sabe como convivir coa dor. Por se non fose pouco, unha pandemia, un cambio de casa, a precariedade e a incomunicación coa súa tía avoa énchena de rabia ante o mundo que a rodea. Cando a cousa parece que xa non podería empeorar máis, atópase co boxeo. Grazas a este deporte e a unha serie de persoas que a acompañarán, Cecilia atopa a confianza nas propias forzas para buscar unha vida plena, para atopar o seu lugar seguro.
Furia non é só a historia dunha moza que se enfronta á perda e á dor, senón unha reflexión sobre os afectos e o valor verdadeiro, un canto de amor ao boxeo e unha constatación da importancia de termos sempre alguén na nosa esquina que nos guíe á hora de evitar os golpes eludibles e nos acompañe para encaixar os inevitables."

Cando semella que non hai volta, cando a persoa coa que vives é unha tía avoa coa que non te entendes, aínda que é a persoa que che coida igual que coidou a túa nai ata a morte. Cando o historia se centra na adolescente e nesa muller maior que traballa sen parar e aguanta da furia da rapaza que non sabe que facer con tanta rabia. Cando a vida é unha tarefa difícil. Cando damos o curso por perdido aínda que ben poderiamos retomalo pero botamos de menos esa motivación necesaria. Cando nos sentimos traicionadas por calquera que se achega para facer un traballo en equipo, para falar, para que non se note tanto o acoso...

Varias voces: Cecilia a adolescente que camiña ante a maior das perdas e a peor das confusións; a avoa Remorso coa fala de Rianxo, M trasunto da autora e Blue a adolescente non binaria. Cinco partes: Asalto de sombras, Un - dous, Sparring, Manoplas e Furia. A perda da nai e o dó inmenso, no peor momento (a adolescencia dunha filla única de familia monoparental) e na situación máis precaria. A autora escolle as circunstanncias máis difíciles para a aparición do boxeo, esa táboa de salvación que a vai poñer en contacto cun mundo novo no que a todo se radicaliza.  Ficción cos propios sentimentos e entrada a un deporte descoñecido, rodeado de prexuízos, máis alá, sempre máis alá, por iso, a autora na ceremonia dos Xerais agradecía ao xurado a súa lectura libre de ideas preconcibidas.