venres, 24 de decembro de 2021

Un novo libro de Oli

Estamos acostumadas a atopar a Oli nos álbumes de Kalandraka, especialmente nos dos ratiños, pero esta vez chega da man de oqueleo para contarnos un relato de elefantes.

O elefante que perdeu a memoria é unha historia narrada polo neto dese elefante que perdeu a memoria. El vai contando como era a casa dos avós, o que facía o avó cada día (limpar os camiños, ), quen son os seus amigos (por exemplo o hipopótamo) e con quen non se leva ben (xirafas, rinoceronte...) e todo o que pode ser (elefante - chafariz, elefante - aeroporto, elefante - trampolín, elefante - elevador...).  O avó é un elefante servicial que gusta de facer ben, de axudar aos demais a ser un pouco máis felices, ata o punto de que pode crear arcos da vella para que a rapazada os vexa. Por iso se cabrea coas xirafas porque comen todas as follas e ramas tenras sen pensar nos demais, ou porque non axudan aos paxariños que caen do niño. Un bo día o elefantes despístase, confúndese, non sabe que fai ou onde está, esquece ata volver á casa cando cae a noite, non recoñece á familia... perdeu a memoria! O que máis lle interesa é a música así que goza cantando e ensinándolle cancións aos netos que as aprenden deseguida. Un día colleu a senda dos elefantes e non volveron saber del. Tempo despois atoparon un caderno onde apuntara as cousas que lle importaban para lembralas cando xa non puidera, e nel estaban as fotos, unha pequena biografía; todo aquilo que temía esquecer para sempre. 

Moi ben contado, como  de corrido. Moi ben descrita esa realidade das enfermidades da memoria. A nós quédanos a pena de saber se alguén se fixo cargo dos traballos do avó elefante, desas cousiñas que el facía mellor ca ninguén e que tanta alegría espertaban ao redor.  

As ilustracións son de Chus Rojo, moi expresivas, con cores planas, nalgún caso semellantes a planas de cómic. Axeitadas para as idades recomendadas, a partir de seis anos.

mércores, 22 de decembro de 2021

Libros que falan do que repetimos e da morte


O NONicornio  de Mark Uwe Kling e Astrid Henn pubblicado por Picarona. Esta ser nace dun ovo (algo raro, non?) e a toda proposta contesta cun NON, atopa ao mapache que sempre di QUE e pasa a ser mapaQUE, o canE que se chama así porque sempre di E... van xuntos para Ningunlugar (aquí cambio o sentido da lectura pasado á vertical). Atopan unha princesa nunha torre, quere que a rescaten, ela é a pinceSIña porque sempre di SI. Farano, porque é difícil negarse aos desexos de alguén que sempre afirma. E alá se van, a princeSIña quere montar ao NOnicornio pero el só llo permitirá despois de que elao leve ao carrelo, e así... ata que nos propoñen continuar a historia cunha serie de personaxes que nos apuntan. Un libro para completar coa lectura e seguir escribindo.

Chora, corazón, pero endexamais raches de Glenn Pingtuad e Charlotte Pard e publicado por Galaxia. Un libro sobre a morte, porque ela chega á cabana na que viven os catro netos e a avoa que está enferma. Os cativos entreteñen a morte dándolle café pero cando lle piden que non leve a avoa ela cóntalles a historia de dous irmáns (Desconsolo e Pesar) que viven no alto da montaña e sempre levan a cabeza baixa non poden ver ás dúas irmás (Alegría e Ledicia), cando se atopan namóranse e viven xuntos ata que chega a morte e se van xuntos, a morte di que da mesma maneira a Vida non pode vivir sen a morte, asi que morre a avoa e a morte di a frase que lle dá título ao libro.

luns, 20 de decembro de 2021

Un libro disco, un texto cunhas imaxes e a múscia que acompaña. Lingua guapa.

Lingua guapa. Cantos que contan... é un libro cd, un libro de poesías de Fina Casalderrey ao que acompañan as ilustracións de Lucía Cobo e as composicións musicais de Néstor Blanco. 

Moitas mans, moitas voces, unidas para celebrar a lingua guapa, alumnado dos centros de ensino (CEIP Álvarez Limeses, a EEI Fina Casalderrey, o CEP Marcos da Portela e o CEIP A Xunqueira, o IES Luís Seoane e o Valle Inclán), ou dos coros, a Xove Orquestra Filharmónica Cidade de Pontevedra; coreografías e gravacións.

Os poemas cancións son introducidos por unha serie de citas (maiormente estrofas ou versos de poetas galegos) que abren boca ao redor do tema que se vai tratar no poema, así ata catorce veces. Unhas ilustracións moi coidadas, nas que se busca a imaxe máis acaídas sen aforrar esforzos, rodeando de debuxos os versos e de cores a cancións.

Unha obra coral.

sábado, 18 de decembro de 2021

Un libro que continúa unha historia anterior e... igual ten que seguir

 

Todos fomos, un libro que continúa unha historia anterior, Todos somos, e... igual ten que seguir noutra seguinte.

Marcos Calveiro situounos ante a desaparición dunha adolescente, a repercusión no barrio, o corpo de policía (especialmente a inspectora a cargo do caso) e unha xornalista disposta a facer o que sexa por chegar o maís arriba posible. Seis anos máis tarde todo segue igual, é dicir, cumpríonse as profecías, a xornalista está no máis alto, a inspectora carga culpas por non dar atopado á rapaza, a comisaría cun "bocazas" que lle pasa as noticias a esta xornalista do morbo en tempo real, as persoas que rodeaban a rapaza levadas a estremos (o pai chega a deputado dun partido de dereitas no que lle permiten todo tipo de barbaridades para desprestixio da democracia), un amigo que cortou a súa vida naquel momento, a nai situada nunha ola de depresión...

A aparición da moza abre todas as espitas para que podamos ver o retrato robot daquela situación, pero a historia non se pecha, déixanos agardando a entender, a saber que pasou realmente, de aí que pensemos nunha terceira entrega aínda que non debería tardar. 

A sabiduría de Calveiro: "A Lina o hospital parecéralle unha gran residencia dse anciáns; realmente todo o país o era: cada vez que volvera dende Madrid nestes últimos anos sentira que, devagar, todoseles, coma grandes mamuts, camiñaban inexarablemente cara á extición. Resultaba estarrecedor e ninguén parecía mover un só dedo para evitalo. Unha desfeita." (...) Era ela e á vez non era. Aquela nena que coñecera estaba dentro do corpo daquela mmuller, pero case non era quen de recoñecela" "A expectación era máxima, incluso abriría o programa coa presenza do alcalde da cidade, un político populista que ela detestaba, pero que se convertera en todo un persoeiro polas sáys declaracións surrealistas, bailes desacompasados e decoracións de Nadal."

A novela negra dando a imaxe conxelada da sociedade, mostrando o horror dunha situación que semella non ter remedio, uns poucos (ou unha a secas) tentando soster a credibilidade das institucións democrátivas... como a vida mesma.

Marcos Calveiro, analizando a sociedade.

xoves, 16 de decembro de 2021

Dúas novelas: o premio Raíña Lupa e unha novela de instituto

O premio Raíña Lupa 2020 recaeu no libro de X. Antonio Neira Cruz, O enigma de Santiago que agora publica Galaxia na colección Costa Oeste. Unha novela situada en Compostela, na actualidade, pero que viaxa ata os tempos dos arzobispo Fonseca a través dun túnel que se move debaixo do plano da cidade.  Unha nai desaparecida, un pai que non deixa de buscala, un adolescente que vive no casco antigo e unha moza que lle dá a volta a todo cando entra nesa casa familiar para recoller un sobre que deixa para ela o pai.

Tres amigos e unha cadela viaxando no tempo, pasando polos lugares da Inquisición e polos actuais, as decisións que hai que tomar para volver ou quedar noutro tempo e... unha solución ao enigma dos desaparecidos, daqueles dos que nunca máis se sabe.

O conserxe de Xosé Luís Vázquez Somoza, publicada por Xerais na colección Fóra de Xogo é unha novela de instituto. O conserxe e a directora, o alumnado e dentro del aqueles indeseables que ninguén quixera coñecer aínda sabendo que son produto dunhas circunstancias (as dúas rapazas que insultan e ameazan a través do móbil á compañeira, o rapaz que agrede ao compañeiro e o somete a bulling), a delincuencia aparecendo xa neses lugares que deberían estar libres de maltrato... Un suicidio, ou asasinato? Un conserxe que decide indagar que pasou cando xa a policía pechou o caso e descubre algo tremendo pero... o que el decide é absolutamente inesperado. Porque tamén aparecen os dilemas morais e porque estou segura que aqueles que lean a novela e decidan comentala discutirán moito ese final. E, no medio os amores que aparecen cando menos se agarda e fan dicir aquilo de que fron a "non hai quen te queira" a ver se "hai quen te deixe de querer".

mércores, 15 de decembro de 2021

Un novo libro de Fina Casalderrey: O xenio da Cidade do Sal

Un novo libro de Fina Casalderrey: O xenio da Cidade do Sal, con ilustracións de Xosé Cobas e música de Luís Soto.

Unha música, Mozart á galega, con Cuartetos para Frauta e trío de cordas de W. A. Mozart con temas tradicionais galegos. Dise que "Cando Mozart viaxaba por centro Europa sorprendendo a propios e estranos, en Galicia o mar xa batía contra os cantís de Cabo Vilán, os monxes do Mosteiro de Samos xa cantaban Gregoriano, nas lonxas o peixe era vendido a gritos, a Compostela chegaban cada día centos de almas que buscaban a paz e o perdón." estamos pois ante a historia dun músico, Mozar, o camiño de Santiago, e unha historia que sitúa ao pequeno xenio no seu tempo e no actual con doce anos, aínda que xa unha vez chega a Galicia o tepo ten corrido e a idade é a que é. 

Unha historia de Fina cun CD coas músicas. Unha historia sobre un xenio e a relación coa súa familia (pai, nai e irmá). Un relato no que de probnto aparece un cabalo alado que o vai conducir polo camiño ata chegar a San Andrés de Teixido. Os caprichos dun neno superdotado, a escatoloxía facéndose un lugar no texto pois, por moito que escriba operas, é un neno e iso é i que lle gusta. Fina amóldase a un binomio e sae del como só poden facelo as boas escritoras. As ilustracións de Cobas acompañan marabillosamente o texto creando ese misterio tan necesario.

Agora que chega o tempo de agasallos... un libro con música, unha historia ben contada (da man de dous narradores: escritora e protagonista) e unhas imaxes fermosas.

luns, 13 de decembro de 2021

Novela xuvenil: O cemiterio de barcos


O cemiterio de barcos de Francisco Castro, publicada por Galaxia na colección Costa Oeste. Da presentación editorial: "David lembra moi ben canto gozaba das vacacións de verán na vila natal do seu pai, cando era neno. Agora ten dezaseis anos e todo é distinto: foi un curso difícil no instituto e nada lle apetece menos que volver á vila de sempre para aburrirse unha vez máis, por moito que o seu pai insista en animalo. Pero así como chega coñecerá a Lucía, unha rapaza que vén de saír dunha relación tóxica e violenta, e xorde entre eles unha complicidade case instantánea. Xuntos descubrirán un segredo soterrado na vila dende hai décadas para así desvelar unha rede corrupta que ameaza con estragar os recursos e o equilibrio da vila e os seus habitantes." 
Un pobo, gobernado por un cacique que se reproduce a si mesmo, pasando o poder de pais a fillos, con mano como para evitar que traballe alí un médico porque é de esquerdas, para urbanizar o que queira e ata para quedar con propiedades que eran dos derrotados na guerra. Esta trama únese á de amizade e amor adolescente, unha parella na que el é fillo do alcalde (polo tanto futuro alcalde) e ela unha filla de solteira, el controlador e con visos de maltratador, ela presa do amor romántico... pero a amizade pode salvar dunha parella escura, pode incluso converterse nun novo amor. Ese médico e o seu fillo, a bibliotecaria e un vagabundo é posible que desfagan toda esa rede de corrupción e violencia.