luns, 16 de maio de 2022

Libros para as Letras de FDG (Florencio Delgado Gurriarán)



Ademais dos seus libros, ademais dos libros para persoas adultas que xa estaban publicados (a 1ª biografía de 1999 Florencio Delgado Gurriarán, vida e obra dun poeta valdeorrés, republicano e galeguista de Ricardo Gurriarán) ou se están publicando agora, queremos destacar os libros para infancia.

Aí están o de Héctor Cajaraville Florencio Delgado Gurriarán. Polos vieiros da saudade en Xerais, De Valdeorras e México. Terra a nosa! de Polo correo do vento, Florencio Delgado Gurriarán (dentro da colección dos Bolechas, As miñas primeiras Letras Galegas) de Pepe Carreiro e publicado por Bolanda ou Florencio Delgado Gurriarán. Un legado infindo un libro con pictogramas de Lucia Gómez. A presenza deste libro no mercado, fainos pensar que a inclusión está sendo un valor en alza. Parabéns!!!  

 

xoves, 12 de maio de 2022

Libros de gran formato: Camiñando camiñando e A estrambótica volta ao mundo en oitenta días


Libro do Camiño: Camiñando camiñando

Camiñando camiñando de Xosé Luna con ilustracións de Olaya Naveira, publicado por Bolanda

Gran formato nun xogo de deseño e ilustración, con poemas ao redor do camiño, esa estrada da vida á que Luna se refiere Camiñando camiñando... a estrada da vida imos andando á que acompañan pequenos anacos poéticos doutros autores como Nicolás Guillén, Lorca, Machado, Rosalía, Castelao... e remata cuns haukus do camiño. 

A estrambótica volta ao mundo en oitenta días de Pinto e Chinto, publicado por Bululú.

A historia de Verne contada co humor desta parella que é quen de atopar o lado cómico de calquera situación, de aí que avisen aos posibles lectores e lectoras: "(...) os autores recomendámosche que leves posto traxe de mergullador cando chegues ao episodio do océano. E que se agora estás cun chapeu na cabeza, cando chegues á páxina dos tornados o suxeites ara que non che voe. E que te abrigues ben cando chegues ao parágrafo onde aparece a montaña. E que poñas un traxe ignífugo cando chegues ás liñas onde se flaa dunha gran fogueira. E que leas este libro á sombra cando chegues ás partes do relato nas que loce o sol. E que abras o paraugas e te calces botas de augacando cheguesa esa pasaxe na que chove".

Preparados/as entramos nunha historia que é a mesma e distinta á vez.

martes, 10 de maio de 2022

De corpos e mulleres

Un par de libros que tratan de mulleres e os seus corpos.

Un deles de María Reimóndez, Bárbaras! Unha achega desenfadada á menstruación para adolescentes divers*s ( e non só) publicado por Xerais

O outroHshoume. Corpo e sexualidade en Marrocos, de Zainab Fasiki. Está traducido por e e publicado polo selo Sushi de Rinoceronte. Preséntase así: "No meu país, en Marrocos, é hshouma discutir sobre certos temas, principalmente sobre a sexualidade e o corpo, e aínda máis querer vivilos. Estas prohibicións, afirmadas polo islam e reforzadas polas leis, xeraron moitos males na miña sociedade, como a frustración e a violencia. Por desgraza, e aínda hoxe, moitos marroquís seguen convencidos de que a prohibición permite manter a paz social… Mais, onde está esta paz? Para comprender o que vivimos, propóñovos que observemos xuntos o reinado de hshouma, na súa dimensión educativa, relixiosa e política. Para romper estes tabús, dou fe aquí da miña vida como moza marroquí. Unha obra na que se xoga coa ilusración e o texto, co deseño e a arte, porque a creadora é enxeñeira do Estado, pero tamén creadora de bandas deseñadas, artista contemporánea, creadora do colectivo Women Power e, con este proxecto, tenta rachar os tabús ao redor do corpo nú e das muleres no seu país polo que foi premiada  nas Xornadas Internacionais de defensa dos dereitos humanos por Amnistía Internacional en 2018.

mércores, 4 de maio de 2022

"Xa non son malo", di o lobo.

Xa non son malo de Paula Merlán e Blanca Millán, publicada por Antela editorial. Un libro sobre os cambios, sobre eses seres que de pequenos son malos pero logo cambian. O lobo, de novo, enganaba ás avoíñas e papaba as Carapuchiñas, quitéballe o doce de chocolate á Lobiña no patio da escola... por iso ela agora non se fía, e por moito que fai o lobo (levándolle tartas e flores, cantándolle e mostrándolle ata onde está namorado) ela non lle fai caso... ata un día, no que Lobo Feroz salva aos pequenos esquíos poñendo a súa vida en perigo, daquela todo cambia e xa poderán vivir xuntos nas Fragas Floridas e, na compañía do Ourizo Rufo, coidar a natureza (vixiando que non haxa incendios, limpando os bosques, reciclando o lixo) e cociñando saborosos pratos con ingredientes moi saudables (patacas novas, repolo de Betanzos e máis cebolas). Así que rematamos como comezamos, cantando!

domingo, 1 de maio de 2022

Un par de álbumes: "Veña avoa!" e "Quen é quen?"

Veña avoa! de Gilles Baum e Amandine Piv, traducido por Iolanda Mato e publicado por Cumio. Un conto que vai de porquiños. A pequena, cando vai a casa da avoa demora polo camiño, ten que descalzarse ao entrar para non manchar, comer todo e durmir no cuarto onde está o retrato do avó. Un día, a avoa lévao coa bici ao parque e el vai feliz, pero ela colle a chave do doce e quítalle as rodiñas de atrás. Daquela as cousas xa non son iguais, cae unha e outra vez, pero a avoa "ten unha vontade de ferro (creo que podía ir á guerra)" di a porquiña, pero a base de insistir aprende e a avoa emociónase. Esa noite, a pequena érguese colle a chave do doce, colócalle as rodiña á bici do avó; pola mañá prepáralle un estupendo almozo á avoa e dille: "Sei que o estás desexando. Veña avoa! pronto iremos xuntas na bici ata o mar". 

Quen é quen? de Vera Galinde, publicado por Bululú. Da presentaicón editorial: "Quen é quen? busca no noso interior e activa os resortes da nosa imaxinación. Por medio das máscaras, ofrécenos a posibilidade de vernos tal e como soñamos, só para chegar á conclusión de que non as necesitamos para ser quen queiramos ser." Porque hai máscaras de cada unha das civilizacións, máscaras para as cerimonias e o teatro, para os ritos mortuorios e o entroido, as más caras que garanten a diversión dos mércores ás doce da mañá, pero certamente, cando chega a unha e se quitan as máscaras continúa o divertimento porque poderán seguir sendo quen queiran ser, mesmo sen máscaras...